culturagalega.org

inicio / colaboradores / Puntadas do Xastriño por Xastriño Puntadas do Xastriño
Puntadas do Xastriño

por Xastriño

Cómics dixitais e webcómics

Na encrucillada das novas tecnoloxías

Puntadas do Xastriño
8 / 6 / 2011
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
É moito o que se fala, nos derradeiros tempos, sobre os cómics dixitais e webcómics, produto da crecente tecnificación informática da case totalidade das creacións artísticas, literarias e culturais. E o mundo da Banda Deseñada, en constante evolución, no ía a ser unha excepción, o que da pé a todo un mar de contradicións, tanto negativas como positivas. Este escribidor, como ávido lector das BDs e nostálxico empedernido que son, atópome excitado á par que reticente perante as novas tecnoloxías que han de invadir os nosos hábitos de lectura posteriores.

Debería sinalar unha diferenza fundamental entre cómic dixital e webcómics, pero deixareino para máis adiante como parte da resolución dunha problemática que agora vou expor.

Coa dixitalización das viñetas e a súa posta en pantalla, un dos meus moitos temores máis primarios é a desaparición da sempre estimulante rugosidade tanxible do papel a prol da suavidade das pantallas táctiles ou os clics do rato. Unha amarga sensación de inmaterialidade que se compensa coa evaporación dos habituais problemas de espazo e almacenaxe de lingotes celulósicos, nos xa pequenos fogares de hoxe en día, a máis de achegar unha eficaz solución á tan manida preservación medioambiental. Os problemas de conservación e mantemento da biblioteca tamén desaparecen, case na súa totalidade, abarátanse os prezos e a posibilidade de perder a nosa obra favorita é mínima grazas á copia que alberga o noso lapis USB. Non obstante, o pantasma da piratería sobrevoa sobre as novas creacións dixitais, amolando a autores e alegrando a lectores pouco dispostos a agradecer e recompensar o seu traballo.

O peso, o olor e demais estimulacións sensoriais que producen un tomo de arte secuencial son cousas ás que non é posíbel renunciar tan doadamente aínda que é certo que unha pantalla cun sinal de wifi dispoñíbel, fai factible a aparición de novas obras e autores que nunca veriamos nunha editorial seria. É máis. A inmensa rede de comunicacións que é Internet abre a porta a moitos afeccionados que desexan que as súas páxinas sexan lidas e comentadas, aínda que sexa de forma gratuíta... e, de cando en vez, encontramos a alguén absolutamente xenial. Tamén a oferta e a variedade pode aumentar considerablemente, superando dabondo ao que habitualmente se encontra nunha tenda de BDs, eliminando a sempre enfastiada situación de non encontrar o exemplar desexado ou descubrir que o número solicitado está esgotado. Emporeso, nada como perderse en librarías e feiras... e exercitar o sempre san hobby do coleccionismo.

Ademais, os libros son contedores de reproducións limitadas e moi aproximadas a os orixinais sobre papel nos que, ás veces, intervén o propio autor, controlando o proceso de edición (impresión e encadernación). E tamén son un soporte no que o autor pode deixar a súa firma en forma de dedicatoria, revalorizándoos. Entrementres, que as reproducións dixitais só supoñen un cambio a un formato virtual (o cal pode ser duplicado deica o infinito) que cumpre comodamente a función máis básica: ofrecer unha lectura. Que non é pouco pero que suprime calquera das características do soporte de celulosa, antes mencionadas. Un cómic pantasma. Como facer turismo co Street view.

E aí vexo a Little Nemo, a Corto Maltés, ao Eternauta, a Son Goku e a outros clásicos da historieta, descontextualizados, algúns con sistemas de lectura forzados (coma o viñeta-a-viñeta), na pantalla dun Ipad cando foron pensadas inicialmente para ser publicados sobre papel. Mentres, na rede non paran de asomar novos autores que conciben as súas obras para ser lidas sobre unha pantalla, ateigados de innovacións lectivas, rompendo as estreitas marxe do cuadrante de papel e, en ocasións, incluíndo efectos sonoros e de animación que, sabiamente usados, gañan moitos enteiros. E todo iso adobiado cunha competencia cada día maior por ser o máis orixinal.

Para acougo do lector á antiga usanza, direi que a obsolescencia das bandas deseñadas sobre papel é un futuro aínda moi arredado, aparte de que, agora mesmo, é imposible suprimir por completo o libro como obxecto cultural. Pero tampouco é posíbel frear o avance das, cada vez máis estendidas, lecturas dixitais.

Quizabes, unha boa recomendación para se enfrontar ao que se nos vén enriba é ter en conta a diferenza entre cómic dixital e webcómics, que mencionei ao comezo. Antes de seguir, direi que as definicións de cómic dixital e webcómic, aínda en evolución, non son definitivas e as que aquí ofrezo, aínda que aproximadas, non deixan de ser unha apreciación persoal que axudaría a despexar dúbidas sobre o formato en que deberían ir determinadas bandas deseñadas.

O cómic dixital é un novo formato, quen de albergar, tralo seu correspondente procesado, unha obra inicialmente pensada e reproducida sobre papel mentres que os webcómics son obras que foron concibidos desde o inicio para seren distribuídos pola rede, lidos sobre unha pantalla e, en ocasións, creados sobre ela sen papel, nin tinta de por medio. A estes últimos, por liberdade creativa, innovación, orixinalidade e amor á arte, no hai que lles facer ascos de ningunha maneira. E, en cuanto aos cómics dixitais, aínda sendo unha potente ferramenta de difusión con prezos competitivos, sempre quedará a preferencia a lelos no soporte orixinal para o que foron concibidos. No fondo, eu prefíroo así. Aínda que teña que rematar os meus días sentado nun vello butacón verde rodeado de interminables moreas de libros ateigados de po, como na máis romántica estampa dos derradeiros ratos de biblioteca... cunha pantalla de PC de sobremesa pestanexando ao fondo.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org