culturagalega.org

inicio / colaboradores / Puntadas do Xastriño por Xastriño Puntadas do Xastriño
Puntadas do Xastriño

por Xastriño

O coello gardacostas

Usagi Yojimbo recrea a era dos samurais con animais antropomórficos

Puntadas do Xastriño
5 / 4 / 2011
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Supoño que todos os lectores da BD temos, nalgún espazo das nosas memorias, un momento preciso de transición provocado polo achado lectivo dunha obra sinalada, aquela que che fai cambiar os Don Mikis, Pulgarcitos, Zipizapes, Asterixes e demais publicacións cándidas por outras de contido máis consistente e profundo. Outros non teñen esta sorte.

O que marcou, no meu caso particular, o primeiro chanzo do auténtico camiño como lector de BDs foron os delgados libretos semanais de Dragón Ball, de Akira Toriyama, xa que incluía elementos e temas nunca antes vistos nos semanarios infantís, algúns, quizais, demasiado atrevidos para aquela época pero que terminaron de me convencer, que había vida alén das bondades das publicacións para nenos. Sen embargo, se Dragon Ball non tivese a sorte de se editar, a miña obra de transición tería sido, sen dúbida, o Usagi Yojimbo de Stan Sakai, descuberto anos máis tarde.

Se cadra sería interesante describir un pouco as orixes deste autor de ascendencia xaponesa-americana antes de seguir comentando a lonxeva saga animal antropomórfica que é Usagi Yojimbo (coello gardacostas na súa tradución máis aproximada). Nacido en Kioto, en 1953, residiu durante dúas décadas na illa de Hawaii, nexo entre Xapón e América, antes de se instalar definitivamente en California. Non se pode pasar por alto a súa estreita amizade con Sergio Aragonés, para quen comezou rotulando as historietas de Groo o errante. Artista Freelance e colaborador en fanzines, o xurdimento do seu personaxe comezaría de forma discreta coa súa publicación nun fanzine, en 1984.

Desde aquela, o ronin (samurai sen señor) Miyamoto Usagi e os seus amigos e inimigos convertéronse no seu único traballo coñecido e segue sen intención de o abandonar despois de máis dun cuarto de século e tres editoriais distintas (Fantagraphics, Mirage e Dark Horse). E, é que a longa saga contén todos os elementos necesarios para constituír por si mesma unha aventura en estado puro, exquisitamente ambientada, no século XVII nipón.

Mais... que ten Usagi Yojimbo para ser considerada unha posíbel "obra de transición" das publicacións infantís a viñetas máis maduras? Pode ser a antropomorfización dos seus personaxes animais, que permite evitar a traizón a Carl Barks (o máis reputado debuxante dos cómics da Disney e creador de Tío Gilito), ou ben, a súa documentada ambientación xaponesa que introduce novos elementos de interese exótico. Tamén poden ser os temas que aborda, unha sorte de americanización dos mitos e lendas do país do sol nacente. De feito, en ocasións, lémbranos a Lobo solitario e o seu cachorro, de Goseki Kojima e Kazuo Koike, a quen Stan homenaxea con atributos caprinos nun par de ocasións. Tampouco esquece as películas de Samuráis de Kurosawa, tan populares no mundo occidental.

Pero creo que, no fondo, é o tratamento lixeiramente máis adulto que se lle dá a temas tan trillados para un mozo como son o honor, o drama, as intrigas políticas, a supervivencia, o cotián ou a morte. Visións que non se corresponden ou apenas existen na súa apreciación infantil pero que Stan introduce cunha sutileza digna de ser recordada, unha narrativa impecable, sobrado sentido didáctico e o suficiente humor para non deixar unha triste pegada. Estas características abren as portas á curiosidade e ao interese cara as obras máis maduras e reflexivas.

Se acariciades a intención de catequizar ao voso sobriño, afillado, ao fillo do teu amigo, ou a calquera outro rapaz polos formidables camiños da BD propiamente dita, as aventuras do ronin de longas orellas e os seus amigos terán o suficiente impacto para espertar a súa motivación.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org