culturagalega.org

inicio / colaboradores / Puntadas do Xastriño por Xastriño Puntadas do Xastriño
Puntadas do Xastriño

por Xastriño

Unha muller a seguir

Unha das lecturas máis sorprendentemente gratas no que levamos de ano

Puntadas do Xastriño
4 / 8 / 2010
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A descrición da apoucada vida dun perruqueiro, Vicent Machot, nun tranquilo pobo de provincias onde nun momento determinado decide seguir a unha muller, Rosalie Blum, o rostro da cal lle produce un escintileo de imprecisa memoria, converteuse nunha das lecturas máis sorprendentemente gratas no que levamos de ano, convertendo a súa autora, a francesa Camille Jourdy, nunha autora a seguir, se se me permite o xogo de palabras do título.

Como a comida, que entra polos ollos, o primeiro que chama a atención é o seu apartado gráfico que merece a seguinte enumeración antes de continuar: cando era pequeno enfeitizábame o detalle e o costumismo dos libros infantís de Teo. Non sei a cantos de vostedes lles soará pero, os seus sinxelos debuxos coloreados con lapis de colores, ateigados de detalles e obxectos, dispoñían un calco do entorno infantil no que me movía dándome pé ao xogo das similitudes. E, ao estrear a primeira páxina de Rosalie Blum tiven a sensación de que os personaxes que buligaban polas páxinas de Teo medraran e maduraran deica se converter nos principais personaxiños da triloxía de Camille Jourdy, sen perder esa vea incisiva e colorista sobre os detalles das cousas que adobían de maneira kitsch os recunchos da nosa existencia.

De lectura tranquila, cadenciosa, como a monotonía das súas sinxelas vidas pero sen caer no sopor, permítenos seguir os pasos duns personaxes docilmente aletargados pola súa rutina diaria ata que o nimio detalle de crer coñecer a alguén altera os seus rumbos, poñéndose a xogar aos espías. E é dentro destas silandeiras persecucións onde se desprega a súa maior virtude, o coñecemento e a análise psicolóxica dos seus protagonistas que desenvolve con absoluta mestría. Tan só hai que observar o perfil infantil e edípico da nai de Vicent e as súas delirantes representacións, o aire de desencanto vital afogado en alcohol que emana de Rosalie ou o lacazaneo de Aude fronte a un futuro incerto, para sentilos tan apuradamente familiares e pretos que non podemos por menos que crelos tomados da realidade. E se hai alguén a quen se lle escapa o concepto freudiano da psique e os soños, aquí encontrarán os exemplos máis ilustrativos nos pesadelos de Vicent ou no epílogo, tan turbador como esclarecedor.

Unha obra coral de guión intelixente e mordaz na que nin tan sequera os secundarios, os que aportan a nota de fina comedia, desmerecen do seu labor. Tres libros ateigados de drama, humor e tenrura que se asimilan con gusto e colorean, coas súas vivas tonalidades, a gris nebra da rutina que embarga a existencia e regálanos a sensación de que calquera pequeno detalle é quen de achegar un pouco de chispa e novidade ás nosas vidas. Tres libros que locen tanto por méritos propios que abonda dicir que o terceiro recibiu o Premio Revelación do festival de Angoulême 2010.

Da mesma maneira que Rosalie Blum esperta unha sensación coñecida en Vicent, Camille Jourdy, a través desta obra, fai o propio cos lectores e non podemos por menos que comezar a seguila e esperar novos traballos seus. E cando a vexan sentada trala mesa nas “Viñetas desde o Atlántico” deste ano, non queden agochados detrás dunha esquina ou non a miren a través dun periódico. Achéguense a ela e, estou seguro de que estará encantada de lles botar unha firmiña.
Ligazóns
Ficha sobre Camille Jourdy (en francés)
Páxina no Facebook sobre Rosalie Blum
Camille Jourdy lendo as primeiras páxinas de Rosalie Blum (atención ao detalle da taza)

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org