culturagalega.org

inicio / colaboradores / Puntadas do Xastriño por Xastriño Puntadas do Xastriño
Puntadas do Xastriño

por Xastriño

A torre branca

Reedítase esta obra íntima de Pablo Auladell

Puntadas do Xastriño
17 / 3 / 2010
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Unha das miñas amantes máis breves e gustosas, a que con máis emocións me obsequiou, volveu ao meu carón baixo o aspecto dunha segunda edición.

Estando fronte á pantalla do portátil, co procesador de textos aínda en branco, non distinguía moi ben a quen dirixir as miñas verbas de amor bimestrais. Certo é que na miña Bedeteca había moitas namoradas de digno renome e posuidoras dun rico patrimonio gráfico do que poder usufructuar. Emporeso, as súas brillantes auréolas de sona e riqueza enfastiábanme, desviando a miña mirada na procura de afectos máis puros, despoxados de brillantes adobíos. Só daquela evoquei a sinxeleza e a nívea tersura de La Torre Blanca, humilde pretendente, fecundada pola sensible estilográfica do alacantino Pablo Auladell. O seu proxenitor non é especialmente prolífico en abrollos, pero, os poucos que ten, salientan por seren criados con amor e devoción, listos para unha fructífera maridaxe co lector.

O meu primeiro cortexo con La Torre Blanca, no bazar de Bandas Deseñadas, axiña foi recompensado coa máis palpable sensación que se me teña podido ofrecer nunha curta sucesión de viñetas, en algo máis de páxina e media. Un sinxelo arranque inicial na que un rapaz ulía unha trenza feminina desfeita e bambeada polo vento dunha praia de trazas levantinas. Un acto que alcanzaba altas cotas de tanxibilidade, chegando mesmo a sentir o leve formigo dos cabelos, o seu recendo doce baixo o nariz e o frescor da airexa.

Cobizando máis estremecementos carnais, ofrecinlle ao libro levalo debaixo do meu brazo para o guiar ata o repouso do meu leito onde rebuldei coas súas páxinas, coma quen xoga melindrosamente coas vestiduras que cobren a súa intimidade. Pregues con sinxelos deseños de trazos de tinta, tan finos e delicados coma os aéreos cabelos da rapaza, e estampados acuarelados de colores esvaídos. O seu corpo, que acocha, ten a constitución dunha historia trenzada en dous tempos. A dun home gris, dun presente color cinza, que retorna empurrado pola morriña ao lugar da súa infancia de verán marcada por un amor platónico e uns compañeiros de xogos que endexamais foron. A imprudencia do seu retorno á rúa do Mar é castigada con sentimentos encontrados, esquecidos e fantasmas desgustados quen o reciben con amargos y mordaces pousos de realidade que esbarroan o idealismo dos seus recordos e destrúen as súas prezadas fantasías.

Son, as páxinas do libro aberto, dous peitos de enfeitizante melancolía cuxa inmersión reaviva os alustros ocres dunha vella fotografía da infancia. Un retrato na costa que inspira o retorno fugaz a unha inocencia que acabará sendo inmolada tralo muro dunhas rochas costeiras, o lugar dos seus anhelos capilares. É, ao final rendido sobre as nádegas da contraportada, un longo suspiro que trae consigo evocacións de secretas nostalxias cara antigos amores máis louzáns e sinxelos.

Como manifestou o unicornio, non se debe volver ao lugar onde tes sido feliz, así que atesourei o volume con finxida inviolabilidade, coma se o poético lirismo da súa lectura votase a voar para sempre.

Anos despois, xusto esta semana, aterrou nas miñas mans unha segunda edición ampliada e revisada de La Torre Blanca. Superados os meus temores perante grandes modificacións, apenas un par de inapreciables remendos, volvín a me encontrar na rúa do Mar coa miña melancólica amante, a do pelo desmadeixado polo arrolo do océano. "He empezado a caminar totalmente deslumbrado, con un fogonazo de tiempo en el corazón. "
Ligazóns
Páxina oficial de Pablo Auladell

Blog de Pablo Auladell

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org