culturagalega.org

inicio / colaboradores / Puntadas do Xastriño por Xastriño Puntadas do Xastriño
Puntadas do Xastriño

por Xastriño

Sobre a consideración das artes

A valía da BD diante da ignorancia das artes

Puntadas do Xastriño
3 / 11 / 2009
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
O mundo da banda deseñada andou algo revolto estas últimas semanas pola publicación dun artigo que, seguindo as apuradas directrices da ignorancia, rebaixaba o tebeo á categoría de monicreques. Como espectador pasivo, seguín intensamente o bombardeo de mísiles en forma de comentarios e respostas, acompañados de inxurias varias que fluíron como balas perdidas. Ao final, no campo de batalla, puidéronse atopar algunhas reflexións moi interesantes e esgrimibles en posteriores defensas do cómic como forma de manifestación artística. Unha das cousas que máis me chamou a atención, por parte dos detractores, é a clasificación das distintas ramas da arte en categorías, deixando a banda deseñada á altura da inmundicia de consumo popular entre as clases menos favorecidas intelectualmente. É por isto que quero pronunciarme sobre as artes e o papel do cómic nelas.

A arte non é máis que unha das manifestacións cardinais do ser humano e execútase cos sentidos que posuímos e os medios que encontramos ao noso arredor, co obxectivo de representar, de forma efectiva, os estados de ánimo que poden abranguer desde a desesperación máis absoluta á marabilla máis pracenteira, pasando por toda unha infinita serie de emocións. Desta maneira xorden e evolúen os distintos procedementos para conseguir plasmar, de forma tanxible, as anteditas axitacións da alma, achegándonos inéditas visións da realidade que nos rodea. O problema xorde cando se teima por lle aplicar unha escala de valores que non sempre son universais por se basearen en valoracións subxectivas, conveniencias autoritarias ou intereses económicos, coa conseguinte limitación experimental, a mutilación da imaxinación... e as tomaduras de pelo.

Non obstante, se quitásemos do medio as barreiras teríamos todo un mundo ilimitado de posibilidades, ao alcance de todos, falando en termos utópicos. É por isto que existen algúns criterios para discernir a creación artesanal con fins distintos aos da obra de arte, manifestación que recolle a expresión humana feita forma e materia. As máis das veces, fican en bos intentos e outras veces xorden obras que adquiren carácter universal, categoría que vén dada pola satisfacción xeral dos que experimentan a creación allea, á marxe de relativismos ou categorías. Tanto dá que sexa unha picante comedia teatral, un lenzo minúsculo, unha "performance" na rúa, un volume de poesías, unha talla relixiosa ou unha curtametraxe de animación dixital. Non son máis que nomenclaturas do soporte e a técnica da obra de arte.

Xa que estamos a falar de soportes e técnicas, unha das cousas que máis caracterizan a arte é a ampliación de novos horizontes no que a medios de expresión se refire. Hai pouco máis dun século, púidose experimentar, coa captura da luz e a sombra na fotografía, e lograr control do movemento co cine, medios duramente criticados no seu momento por non cumprir coas visións clasistas do que era a arte daquela. Considerábanse ambas como destrezas simples e maquinais, sen fundamentos de complexidade pero que, ao día de hoxe teñen unha completa aceptación e mesmo unha elaborada mestría que poucos son capaces de dominar.

E sendo a banda deseñada unha innovación, non somente froito da reconciliación entre a palabra e a imaxe (lembremos que a palabra é consecuencia dunha evolución simplificadora da imaxe, escindíndose esta do seu carácter de vocábulo) senón tamén unha amalgama de variadas ciencias artísticas ¿Non ten consigo todas as posibilidades de ser considerado como un medio idóneo para a plasmación das inquedanzas humanas?

En primeiro lugar traballa coa poderosa eficacia da imaxe, colocándoa ademais en secuencia e harmonizando coa escritura que tamén é unha disciplina non exenta de complexidade, o que abre as portas a todo un campo de vías narrativas sen límites de xénero. Pero a esencia do cómic non se limita unicamente á capacidade de contar historias senón tamén ás posibilidades de traballar con estampas pictóricas que abranguen desde a máis pura abstracción ao realismo máis descarnado, pasando por toda unha gama de iconas capaces de tomar forma na memoria e de vibrar no máis recóndito da alma.

Tamén ao ser esta unha arte orixinariamente de difusión popular permitiu chegar a un descomunal número de lectores caracterizados pola súa inocencia e a súa limpeza de prexuízos normativos o que, máis que unha traba, permitiu que este adquirise un carácter máis universal e a súa fácil adopción posterior como vía de expresión e evolución cara a formas máis complexas. Ademais, non se trata dunha arte carente de historia. Existen numerosos exemplos ao longo da historia, non de cómic propiamente dito, senón de arte secuencial, é dicir, imaxes dispostas unhas despois doutras cunha intención claramente narrativa. Por suposto, é unha expresión relativamente nova tal como a coñecemos pero que xa, desde os seus principios, tributou verdadeiras marabillas como Little Nemo in Slumberland nos seus comezos e este segue prosperando a día de hoxe.

Podería estar enumerando un monte de características que definan a BD como un medio válido para a expresión artística, pero deixareino aquí xa que excedín o espazo debido. Rematarei expondo que, como en todas as artes, hai producións boas e malas e o cómic non é unha excepción. Será, como de cote, o tempo quen disgregue o lixo e deixe ao descuberto as pedras de máis valor. E todas as persoas que coñecemos e amamos a banda deseñada, traballamos e lemos coa tranquilidade de saber que o obxecto das nosas devocións formará, se non o forma xa, parte da galería dos obxectos significativos da cultura e da arte. Sen dúbida.
Ligazóns
O artigo da polemica

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org