culturagalega.org

inicio / colaboradores / Puntadas do Xastriño por Xastriño Puntadas do Xastriño
Puntadas do Xastriño

por Xastriño

Töppfer, pioneiro no s.XIX

¿É Richard Felton (Yellow Kid) o `pai´ do cómic moderno? Hai precedentes, entre eles a iconografía das civilizacións exipcia e sumeria. Pero o suízo Rodolphe Töppfer (do s.XIX) é firme aspirante a ese título.

Puntadas do Xastriño
13 / 7 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Tense considerado oficialmente ó norteamericano Richard Felton Outcault e ó seu Yellow Kid de 1896 coma o punto de partida do cómic moderno propiamente dito. Retrospectivamente a esta data, podemos atopar numerosos e afastados antecedentes englobados dentro da arte secuencial que se remontan mesmo á época exipcia ou sumeria sendo o cómic moderno o seu máis próspero herdeiro. O máis próximo á liña de saída marcada por Outcault é o suízo Rodolphe Töppfer quen se aproxima, en moitos aspectos, á historia recente do cómic, sendo difícil telo á marxe del.
Nacido en 1799, Rodolphe foi fillo do pintor alemán refuxiado en Xenebra, Wolfgang Adan Töpffer. Por mor dun defecto nun dos seus ollos, non podía aspirar a ter unha carreira artística como a do seu pai, polo que se dedicou, fundamentalmente, a escribir historias curtas ás que logo acompañaría con ilustracións de ton caricaturesco acadando unha certa sona coas súas histoires en images, nas que se narraban, nun ton satírico e burlesco, algúns aspectos e situacións da sociedade da época na que viviu. Rodolphe creou un total de sete histoires en images: Histoire de M. Jabot (1833) M. Crépin (1837) Les Amours de M. Vieux Bois (1837) M. Pencil (1840) Le Docteur Festus (1846) D´Albert de Histoire (1845) e Histoire de M. Cryptogame (1845). En moitas destas historias, o absurdo e o cotián dábanse a man.

Nestas historias emprégase por primeira vez a combinación interdependente de palabras e imaxes cun propósito narrativo no que as imaxes non tiñan significado algún sen axuda das palabras e, viceversa, as palabras quedábanse nun mero texto sen sentido se non estaban acompañadas destas imaxes.

Tamén empregaba as viñetas con bordos para separar as distintas imaxes secuenciadas e agrupar cada unha delas co texto correspondente. O único que o diferenza dun cómic moderno é a ausencia de globos ou bocadillos que recollen o texto, sendo este disposto ó pé de cada viñeta e sempre narrando os acontecementos en terceira persoa e sen diálogos. Os globos serían introducidos máis adiante, en 1897, por Dirks.

Graficamente, os seus deseños están influenciados, grazas ó seu pai, polos debuxos caricaturescos ingleses de Hogarth y Rowlandson, ós que lles engade un toque persoal. É certo que non posúe unha gran capacidade para o debuxo académico tan vixente na súa época pero isto vese compensado por un trazo solto e desenfadado que insufla un vigoroso dinamismo ós seus personaxes, conseguindo representar con efectividade as estrambóticas situacións dos seus Monsieurs.

Co pasamento de Rodolphe, en 1846, as súas histoires en images suporán unha influenza noutros autores, como Christophe , Wilhelm Busch e Amédée de Noé, os cales imitaran deica a saciedade o seu particular estilo. Ademais, o seu libro Amours de M. Vieux Bois é considerado coma o primeiro cómic publicado en América, en 1842, baixo o título de Obadiah Oldbuck, o que espertará novas ideas en novos autores ata chegar a Richard Felton Outcault.

Por todo isto, non sería de estrañar que a corrente actual sexa a de considerar a Rodolphe Töpffer coma o verdadeiro pai do cómic moderno.
Ligazóns
Töppfer en FanofunnyTöppfer en Ricochet JeunesTöppfer en Zompist

Rodolphe Töppfer

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org