culturagalega.org

inicio / colaboradores / Puntadas do Xastriño por Xastriño Puntadas do Xastriño
Puntadas do Xastriño

por Xastriño

Anacos de vida

As historias cotiáns poden ser tamén as máis suxerentes

Puntadas do Xastriño
23 / 5 / 2012
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
O slice of life, ou liscas de vida, é un xénero do que me declaro fervente lector polas súas aproximacións á natureza humana máis cotián e simple. Porén, ben empregado, pode transformarse nunha apaixonada lectura, grazas ás súas reflexións acerca dos aspectos máis mundanos da vida, non exento de certo voyeurismo. Antes de seguir analizando o Slice of Life, citarei exemplos dos mesmos:

Un adiós especial de Joyce Farmer: O coidado dos pais anciáns por parte da autora, un sensible e amoroso retrato da decadencia no ocaso da vida.

El playboy, un estudo serio sobre o onanismo; Nunca me has gustado, un retrato da adolescencia e Pagando por ello, unha análise certeira sobre a prostitución. Os tres son obra do canadense Chester Brown.

Mis circunstancias trata sobre como enfrontarse ás crises existenciais e artísticas, narrado coa fina ironía que caracteriza ao francés Lewis Trondheim.

Píldoras azules é o emocionante relato de vivir cunha moza seropositiva e as implicacións e angurias ás que se ten que vincular Frederik Peeters, o autor.

Torpe, Inverosímil, Piltrafilla, Cualquier sencilla intimidad, Escenas imborrables e Pequeñas cosas son os mellores exemplos do slice of life. Estes títulos abranguen a case totalidade dos episodios vitais de Jeffrey Brown.

Monstruos representa a anguria de Ken Dahl ao se saber portador dunha enfermidade de transmisión sexual (herpes) e o seu descoñecemento ante a enfermidade que o transforma nunha ameaza.

Sofía y el negro vai das diferenzas raciais, nun amable relato elaborado por Judith Vanistendael.

Fresa y Chocolate de Aurelia Aurita conta o sexo desaforado dela con Frederic Boilet, coñecido autor de BD.

Paul va de pesca, Paul va a trabajar este verano, Paul en el campo y Paul se mudason catro traballos nos que o alter ego de Michael Rabagliati presenta un dos máis emotivos e acaroados slices of life.

Buen tiempo, Pobre cabrón y Consumido versa sobre a valentía de se retratar con todos peores defectos. Asina Joe Matt.

Nononba e Una vida errante de Yoshihiro Tatsumi narran respectivamente unha infancia ateigada de episodios máxicos e o posterior proceso de se converter en autor de manga e inventar un xénero (o gekika ou manga para lectores maduros).

Diario de Nueva York e El caso Madame Paul reflicten as peripecias e experiencias da estudante de Belas Artes Julie Doucet na gran metrópole.

Binky Brown conoce a la Virgen María suxire que a relixión é quen de facer tormentosos certos aspectos da vida. Ademais é un dos primeiros slices of life. Fíxoo Justin Green.

La muñequita de papá de Debbie Drechsler: Como enfrontarse aos traumas do abuso infantil familiar nun estilo sumamente expresionista.

Vida de una niña e Diario de una adolescente, de Phoebe Gloeckner, mostra o tremendismo dunha infancia e unha adolescencia pouco correntes.

Háblame de amor é o amor retratado a dúas mans, o matrimonio formado por Robert e Aline Crumb.

Los veranos más largos, El año que vimos nevar e Mi organismo en obras, slices of life máis achegados xeograficamente, son como toros de mortadela con olivas cortadas, por Fermín Solís.

Podería estar citando infinidade de obras que se engloben dentro do slice of life mais aínda teño que manifestar o por que de que me cautive tanto este xénero, tan simple en aparencia. En primeiro lugar, a constatación de que a banda deseñada é unha ferramenta moi eficaz para contar calquera tipo de historias, e que o único requisito que ten é saber empregala con mestría para subxugar o lector. Mais ben, esta afirmación é aplicable ao cine ou á literatura, por non dicir a case todas as manifestacións artísticas. E o mellor de todo é que non é primordial saber debuxar ben senón que o estilo "libre" que posúen a meirande parte das obras imprime, se non unha maior autenticidade, un contacto máis directo cos feitos e o autor que nos narra as súas vivencias.

En segundo lugar, a exposición dos feitos cotiáns, na súa maior parte autobiográficos, é unha acción que implica valentía e coraxe, un refregar a súa vida ante a cara dos demais que implica non poucas consecuencias, quer o rexeitamento quer a incomprensión, diante de determinados feitos que poden sernos alleos mais que ben puidesen sucederlle a calquera de nós. Co cal, o seu valor didáctico está fóra de toda dúbida. O slice of life é un espello no que nos vemos reflectidos e, ás veces, ponnos no noso sitio. ¿E qué dicir do seu papel testemuñal do pensamento da época?

En terceiro e derradeiro lugar, o slice of life é un xénero que me apaixona pola capacidade que posúe de nos introducir a vivir mil vidas distintas sen perder de vista a propia. E é que unha soa existencia sábenos a pouco...

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org