culturagalega.org

inicio / colaboradores / Entre as viñetas por Henrique Torreiro Entre as viñetas
Entre as viñetas

por Henrique Torreiro

A Historia e as fontes gráficas

A historia da BD galega pode remontarse ‘oficialmente’ xa ao XIX, mais iso non só beneficia o cómic.

Entre as viñetas
4 / 4 / 2012
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Baixo a coordinación de Rosario Crespo, a exposición As orixes do cómic en Galicia, que pode visitarse estes días na Cidade da Cultura, abre unha nova fiestra para a banda deseñada galega. Aínda que a contribución da mostra será completa cando, algún día, se poidan publicar os resultados íntegros da investigación, con reproducións de todos os exemplos encontrados, esta primeira ollada trae consigo a consciencia de que todo vén desde moito máis atrás do que semellaba, tamén en Galicia. Chamémoslle ao achado, ao igual que no caso das Cantigas de Santa María, historia, prehistoria ou protohistoria da BD; a cuestión é que a perspectiva que proporciona esta investigación é moi importante, e reescribe o que viña a manterse desde que comezou a falarse de cómic polas nosas terras: que todo se iniciou na década de 1970.

Non é que a BD galega sexa agora máis importante ao se remontar a 1880, mais podermos inserir o cómic actual nunha senda con tradición de máis dun século permite ver as cousas con outra percepción, a da integración nun tecido cultural moito máis enraizado e interconectado do que algúns poderían pensar, e de forma máis natural do que parece. En pouco pode afectar aos creadores actuais saberen que, indo atrás no tempo, se encontran con Castelao entre os cultivadores da súa mesma arte: a obra destes autores non vai ser mellor nin máis digna por iso. Mais a situación global é moi distinta, e matices como estes marcan percepcións sociais radicalmente diferentes.

Cultura visual

Podemos preguntarnos por que non foi até agora (con algunhas excepcións, como o adianto feito por José Daniel Buján e a propia Rosario Crespo no catálogo da mostra Historieta galega 1973-2008) cando puidemos ser coñecedores da existencia desta gran riqueza da nosa produción artística, e a resposta será sinxela: os estudos académicos aínda comezaron reparar nos contidos gráficos de revistas e libros en tempos moi recentes. Antes, as pescudas en arquivos ían dirixidas primordialmente á busca de escritos e datos mediante o baleirado das fontes. E a Historia da Arte comezou a prestar atención á ilustración (así mesmo con excepcións previas, claro) hai tamén poucos anos. É certo que había uns problemas técnicos para rexistrar e especialmente para acceder despois a toda esa información gráfica de xeito eficiente, problemas que as novas tecnoloxías foron superando, mais tamén que o paradigma cultural deixaba moi de lado o compoñente gráfico e visual para se concentrar no texto escrito.

Agora toma corpo cada vez máis outra tendencia, de forma que non se trata unicamente da ilustración en libros e prensa (como o proxecto La ilustración artística en las editoriales vanguardistas gallegas), senón, ademais, da recuperación doutros materiais gráficos, como poden ser os planos (caso da publicación Galicia y el siglo XVIII. Planos y dibujos de arquitectura y urbanismo). Este tipo de investigacións, en definitiva, non só serven para dotar de antecedentes a banda deseñada ou calquera outra arte; permiten ir paseniñamente expandindo a globalidade da historia cultural galega, que non se compón só de textos e obras artísticas «maiores», e que debe moito, como no resto do mundo, ás inxustamente alcumadas «menores». Trátase dun avance que merece todo tipo de parabéns, especialmente cando os resultados se fan accesíbeis á sociedade e non fican restrinxidos aos ámbitos académicos.
Ligazóns
Sobre a exposición ‘As orixes do cómic en Galicia’, na web da Cidade da Cultura


Web do proxecto ‘La ilustración artística en las editoriales vanguardistas gallegas’


Información sobre o libro ‘Galicia y el siglo XVIII. Planos y dibujos de arquitectura y urbanismo’

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org