culturagalega.org

inicio / colaboradores / Entre as viñetas por Henrique Torreiro Entre as viñetas
Entre as viñetas

por Henrique Torreiro

Os futuros da BD no dixital

A BD dixital non deixa de ser un cómic, como o libro dixital non deixa de ser un libro. Ou talvez si?

Entre as viñetas
1 / 2 / 2012
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Desde hai uns anos, moitos especialistas e algún que outro aspirante a gurú cultural veñen repetindo con insistencia que os libros na era dixital van ser todos multimedia, e proclamando con alborozo a morte do libro tradicional. Xa teño comentado nesta columna a miña certeza acerca de que o libro dixital veu para quedar e que trae consigo innumerábeis vantaxes, mais tamén a de que en ningún caso supón a fin de nada.

Xa cos CD-Rom, de acordo con algún deses profetas, viñan case todos os cambios dos que estamos a falar agora. Non hai dúbida de que houbo moitas mudanzas (e moi interesantes: redefiniron de forma absoluta, por exemplo, o concepto de enciclopedia), pero seguiron existindo os libros tal e como os coñecemos, e a revolución foi ben máis discreta do que se auguraba.

Cómics con sons, música e animacións veñen sendo propostos tamén desde moito tempo atrás. Hai que preguntarse, non obstante —deixando de lado a calidade dos resultados—, se estes poden chamarse dalgún xeito «banda deseñada», ou antes ben estamos perante algo moito máis amplo, que se coñece comunmente como «audiovisual» (e que inclúe, entre outras moitas manifestacións, os videoxogos). Algo, pois, alleo á etiqueta do puramente «gráfico». En calquera caso, non teño intención de comezar unha discusión ao respecto, e se hai bos exemplos destes novos produtos non terei ningún problema en desfrutar deles, como de calquera filme ou aplicación interactiva. Mais acho que non vou moi desencamiñado se digo que o cómic tal e como o coñecemos hoxe seguirá existindo, porque ten unha razón de ser: o feito de que lle «falten» eses elementos multimedia constitúe unha das súas definicións como medio expresivo.

Sobrevivencias

A fotografía «fixa» seguiu existindo malia ter feito o cinema a súa aparición; a presenza cada vez maior da internet non está supoñendo a desaparición do resto dos medios, senón que os está a canalizar e a reforzar. Non se trata de reivindicar o «antigo», senón de defender a riqueza que produce a convivencia de propostas. Igual que sería moi triste pensar que pola facilidade de crear imaxes en cor fose quedar desterrada a posibilidade de facelas en negro e branco, pensar que as ilustracións «fixas» non teñen cabida no mundo dixital paréceme caer na trampa de ver no moderno o único camiño. Sobre todo porque o que se conta cunha ilustración tradicional non ten nada que ver co que se transmite cunha versión animada.

De verdade que se ven exemplos moi suxestivos de ilustracións animadas para libros nas súas versións en tablets. Porén, por máis que poidamos entender o interese dos editores por dinamizar un novo mercado, non podemos esquecer que, coa cantidade de títulos que se editan anualmente —e cos orzamentos de produción editorial en franco decrecemento— a realidade é que eses libros brillantemente animados van ser unha minoría dentro das minorías. Por iso sorprende que moitos deses editores lancen mensaxes que dan a entender que ese é o auténtico futuro da ilustración, e por extensión, da banda deseñada. Non; sendo realistas, a maioría dos libros dixitais que veremos a medio e longo prazo serán, con moi poucos engadidos, unha versión o máis fiel posible da súa edición en papel. E non creo que iso sexa malo nin anticuado. As novas formas convivirán coas tradicionais, como ten ocorrido en tantos outros casos de substitución tecnolóxica.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org