¡Louvado sexa Craig Thompson!
Goza da contemplación do esmero e a excelencia deste evanxelista gráfico.
Puntadas do Xastriño
2 / 11 / 2011
Con Craig Thompson e as súas tres novelas (Good-bye Chunky Rice, Blankets e a recente Habibi) manteño unha forma de aprehender a Banda Deseñada que inclúe o lirismo e a poesía visual, daquela que te eleva a outros niveis menos terrenais. É a miña, unha relación espiritual baseada na contemplación do esmero e a excelencia deste evanxelista gráfico de Milwaukee, Wisconsin.
Non obstante, é en Portland, Oregón, de onde emerxeron as páxinas de Good-bye, Chunky Rice, o seu primeiro traballo publicado aos 25 anos. Editado pola editorial Top Shelf, é unha libre interpretación da súa marcha de Milwaukee a Portland, abordada dende a tristeza do afastamento e a amargura da soidade. O formato cadrado do conto recorda a funda dun disco de vinilo, un pequeno LP que entona unha balada triste sobre o remate da amizade entre un rato e unha tartaruga que seguen camiños separados. Un buque con estraños pasaxeiros materializa a metáfora do rumbo ao incógnito e os perigos que axexan na tempestade do mar da existencia. En palabras do autor,
é a canción triste que pos nunha noite de choiva mentres pensas en vellos amigos.
Cun estilo pulcro e unha composición de páxina que me marabillou no seu momento, alá polo 2000, aínda segue sendo un dos meus favoritos, polo que degoxei a súa seguinte obra con prontitude.
En canto me decatei do peso do seu posterior traballo, Blankets, captei, sen comelo nin bebelo, o significado do que agora se coñece como novela gráfica. Un monumental volume autobiográfico co que Thompson marabilla a través dos ornamentados retallos da súa manta, fragmentos atentamente ganduxados que forman unha composición que roza o sublime.
Ateigado dunha abafante espiritualidade, Blankets é un canto á relixión e aos sentimentos de culpa que leva consigo un desmedido afondamento nos misterios celestiais. Ademais, é un himno fraternal dedicado ao seu irmán Phil, pero, sobre todo, é unha louvanza paixonal cara Raina, o seu primeiro amor, o máis místico e platónico, ateigado dunha sensualidade, que non sexualidade, de calidades case divinas e extáticas. Pero tamén é un longuísimo camiño de cara ao desengano relixioso e a expiación.
Plasmado cunha pincelada máis seca, texturada e solta que en Chunky Rice, é un estilo delicado que ha de evolucionar de cara ás moi detalladas composicións da súa obra máis longa e laboriosa: Habibi.
A lectura de Habibi é hipnótica ata a dor de cabeza. As súas 675 subxugantes páxinas non convidan, en ningún momento, a deixar a lectura para outra ocasión, sendo isto un impacto cerebral tan colosal que os seus ecos seguen resoando moito tempo despois de a ter finalizada. E é que a historia de amor entre Dodola e Zam (o fío principal) é tan conmovedora como apaixonante o seu grafismo, de traballadísima factura.
En Habibi, albíscase na férrea Dodola a Sherezade, a contista das mil e unha noites, a quen se pon a camiñar da man do feble Zam, a través de intricados arabescos que nos falan da dor da perda, do padecemento da sexualidade e, sobre todo, do bálsamo espiritual na súa vertente máis tenra. Tamén afonda alén das súas raigames cristiás e ábrenos os ollos ás semellanzas entre as doutrinas bíblicas e coránicas (que teñen moito en común) e á degradación dun mundo moderno carente de valores morais e ecolóxicos, que se mesturan coa tirana beleza das civilizacións orientais. Craig Thompson retoma os elementos máis importantes das súas anteriores obras (o barco de Chunky Rice e a beatífica sensualidade de Blankets) e os magnifica nunha complicada taracea mourisca, cuxos aderezos nunca se terminan.
É moi difícil sacar unha conclusión xusta e definitiva da oda de acordes orientais que é Habibi, pois é tanta a marabilla, a complexidade, que serán necesarias incontables lecturas para poder calmar, tanto o ánimo como a mirada e discernir a obra na súa xusta medida. Agora mesmo é o máis achegado a unha experiencia relixiosa, que me desposúe de calquera observación crítica ou racional. E por agora prefiro derramar a miña alma no éxtase, antes que poñer os pés sobre a terra. ¡Louvado sexa Craig Thompson!