culturagalega.org

inicio / colaboradores / Puntadas do Xastriño por Xastriño Puntadas do Xastriño
Puntadas do Xastriño

por Xastriño

Miau!

Omaha: Un "culebrón" con sexo e moita leria

Puntadas do Xastriño
17 / 8 / 2011
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  

A asistencia do recoñecido Blacksad na derradeira edición de Viñetas desde o Atlántico, fíxome cavilar sobre a presenza de michos entre as viñetas. Xa houbera unha exposición sobre o tema no pasado Saló del cómic, de Barcelona (Comicats, maullidos entre viñetas), así que non é miña intención repasar a historia da BD na súa vertente máis felina. Tampouco é a de facer unha loubanza sobre a calidade debuxística de Juanjo Guarnido, as marabillosas acuarelas do cal, aínda me seguen fascinando, así como o bo quefacer dos guións de Díaz Canales.

Nada diso. Só farei lembranza dunha gata esquecida: Omaha.

Publicado en España en 1990 de forma incompleta por La Cúpula, en nove números e actualmente recuperada de forma completa por Astiberri en catro tomos, Omaha, the cat dancer (La gata bailarina), creada e debuxada por Reed Waller, con guións de Kate Worley, é unha banda deseñada acugulada de substanciosas rexoubas logo da súa elaboración e publicación, que fan dela unha obra con historia. A característica, que xa coñece case que todo o mundo, é que se trata dun "culebrón" á maneira de Falcon Crest de animais antropomórficos que inclúe dilatados diálogos e sexo explícito. Pero non un sexo hormonado e salvaxe para a rápida satisfacción do lector, senón dun sexo que forma parte do día a día e do quefacer dos personaxes. Ben é sabido que á hora de representar largos diálogos é mester que os actores exerzan algunha actividade como comer, pasear, etc… co obxectivo de evitar caer na monotonía narrativa. E os autores tiveron a ousadía de incluír o foder entre as actividades. Así, da forma máis natural, o que lles valeu algúns encontróns coa horda bempensante daquel entón, os anos 70 e 80 estadounidenses. De feito, dentro da obra, pódense encontrar numerosas críticas contra a falsa moralidade do país e mesmo propiciou a creación da Comic Book Legal Defense Fund.

E agora que xa sinalei o que máis vende, poden seguir circulando, xa que non hai máis lubricidades que resaltar. Porén os máis intelectuais e curiosos poden quedar e seguir lendo aínda sabendo que non volverei a mencionar características impúdicas da obra. ¿Estamos todos? Ben…

En 1976, dentro da revista Wootie, fanzine de corte underground dedicado a historias adultas que tiñan como protagonistas animaliños, xurdiu Reed Waller quen, influenciándose no Fritz Cat de Crumb, deseñou a parella formada pola gata loura Omaha e o gato a raias Charlie, sobre cuxa relación habería de xirar o groso da obra, ateigada de secundarios memorables como a cadela Shelley ou a boa paxara Joanne. Máis tarde, cando Wootie finalizou a súa existencia no breve mundo dos fanzines, apareceu na vida de Reed, Kate Worley, con quen establece vida en común. Ao principio respectou o traballo de Reed pero cando quedou sen ideas, as suxestións da súa parella terminaron dándolle un traballo de guionista. E é aí, a partir da colaboración de Kate, cando os personaxes e a trama se definen por completo. Corrupción, antros de striptease, envurullos familiares, traizóns, desenganos e un asasinato dan idea do folletín que pode chegar a ser Omaha.

Comeza así unha relación afectiva e laboral. Compañeiros no traballo e na arte, cuxa similitude co publicado en Omaha era unha das bazas do seu éxito, aínda que se alimentase do morbo. Mais nada é para sempre e, en 1995, interromperon a súa relación e, con ela, a serie que quedaba sen final durante unha década.

Facendo homenaxe ás sinuosidades propias do folletín, Kate Worley xuntouse co editor de Omaha, James Vance o cal, en 2006, decide reimprimir todo o publicado de Omaha coa condición de que ambos autores e exparella finalicen a obra. Así o fixeron, ao tempo que Kate enfermou de cancro de pulmón, pero que non houbo impedimento para que traballase deica o último día na obra que máis recoñecemento lle deu. En 2004, o triángulo quebra co pasamento de Kate e a finalización de Omaha.

Rematada a parte morbosa deste artigo, se aínda tendes paciencia, podereivos dicir algo máis verbo da calidade de Omaha como obra de BD. A verdade é que non é unha obra que conteña grandes doses de acción pero, se por algo se define, é polos seus diálogos que achegan moita humanidade a uns animais xa antropomorfizados. De feito, só está elaborada a base de longos coloquios e algunhas gotas de acción e suspense, o cal pode supoñer unha BD de estraño sabor mais que "alimenta a base de ben". Fáganme caso, comida para gatos igual de rica e alimenticia que o surrealismo enlatado de Krazy Kat de Herriman, o "leite cortado" underground do Fritz Cat de Crumb, as enxeñosas larpeiradas de Doraemon de Fujiko F. Fujiko, o saquiño de rico pienso de Miau de José Fonollosa, as irónicas raspas do Gato do rabino de Sfar, as indixestas lasañas de Garfield de Jim Davis ou o gourmet documental dos gatos de Jeffrey Brown. E pode que non chegue á delicatessen pictórica de Blacksad mais si erixirse como unha das máis importantes obras da BD gatuna. Ao fin repasei a historia…

Se os gatos puidesen, leríana. E miañarían de agrado…


Ligazóns
Omaha, the cat dancer

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org