culturagalega.org

inicio / colaboradores / Entre as viñetas por Henrique Torreiro Entre as viñetas
Entre as viñetas

por Henrique Torreiro

Translacións entre medios

A conversión de cómics en bos filmes xa non é algo excepcional, afortunadamente.

Entre as viñetas
26 / 5 / 2011
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Hai xa cinco anos falaba nesta mesma columna das relacións, bastante irregulares, entre cinema e BD. Neste tempo moito ten cambiado o panorama con respecto á visión social que se ten dos cómics, e non só no noso contorno inmediato, senón tamén noutros lugares do mundo. Un dos síntomas destas mudanzas é, precisamente, o cambio que se está a producir tamén no tratamento que o cinema dá á banda deseñada. Non é que desaparecesen de todo os achegamentos epidérmicos —auténticas festas de disfraces e sobreactuacións admitidas como frivolités—, mais foron gañando espazo outras aproximacións moito máis acaídas. O cambio de mentalidades ten permitido que moitas desas películas que noutrora acabarían sendo «mascaradas» agora naturalicen o seu contorno gráfico para se centraren na historia que queren contar, e consigan que o aparato estético do filme sexa un elemento a favor da atmosfera narrativa da historia, non un atranco. Non é casualidade que moitos directores ben situados dentro da industria sexan lectores de cómic e nas súas adaptacións busquen pór o acento no que de verdade lles interesa: as historias e os personaxes.

Traducións falidas...

Outra consecuencia é que o cinema está a focalizar a súa atención cada vez máis en novelas gráficas e historias autoconclusivas, e non só en series de personaxes fixos. Os problemas de adaptación pasan a ser, en moitos casos, moi parecidos aos de calquera outra obra literaria: as traducións entre linguaxes dun medio a outro unhas veces conseguen superar as barreiras e outras non. A versión de Stephen Frears sobre a BD Tamara Drewe, de Posy Simmonds, é un exemplo de como se poden superar os problemas en aparencia máis complicados da adaptación e en cambio caer nos xa propios dun guión fílmico: a fita recolle á perfección o espírito xeral da obra e o seu ambiente gráfico, mais a historia non funciona —como si o fai no papel— por causas comúns a centos de filmes que nada teñen que ver cos cómics. Mesmo con caracterizacións moi diferentes ás que aparecen nas viñetas, na maioría dos personaxes fan resoar os da obra, e conseguen ter unha vida propia no novo universo resultante da adaptación; porén, o conxunto acaba fallando, creo eu, por non reflectir correctamente na pantalla as múltiples perspectivas da historia orixinal.

... e melloradas

Ocorre xa tamén que, como sucede de forma excepcional coas novelas convencionais, se dan casos curiosos en que a adaptación cinematográfica mellora o orixinal. Na miña opinión, a de 30 Days of Night de David Slade supera notabelmente o cómic orixinal de Steve Niles e Ben Templesmith, e a versión animada de Persepolis a cargo da propia Marjane Satrapi e de Vincent Paronnaud (o tamén autor de BD Winshluss) é bastante máis redonda que o seu orixinal en papel.

O que si parece claro é que non todos os cómics teñen unha translación doada ás películas con actores de carne e óso. Unha improbábel adaptación de Maus, por seguir co exemplo que puxen da outra vez, non podería usar xente disfrazada, porque caería no peor dos ridículos, pero ao tempo parte da súa esencia, xa desde o propio título, está en que os personaxes sexan animais antropomorfizados. Aquí é onde nos encontramos con outro dos aliados no camiño: a mellora, nos últimos tempos, da visibilidade social do cinema de animación, que coa irrupción das imaxes xeradas por computadora ten creado un continuo, unha indefinición de límites, entre a «imaxe real» e o «animado». O feito de que, no papel como na pantalla, poidamos ver un rato a falar sen que pensemos que se trata dun produto infantil (problema á parte é considerarmos que infantil é sinónimo de mao) é algo que gañamos ao agrandarse enormemente o rango de posibilidades expresivas e artísticas a que podemos acceder.
Ligazóns
«A BD a través do cinema» (Entre as viñetas, 3/5/2006)

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org