culturagalega.org

inicio / colaboradores / Puntadas do Xastriño por Xastriño Puntadas do Xastriño
Puntadas do Xastriño

por Xastriño

Unha cuestión de estilo

¿Cal é o estilo máis axeitado para representar a banda deseñada?

Puntadas do Xastriño
19 / 1 / 2011
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Teño eu o temor de que sexa unha persoa moi influenciada polos aspectos visuais do entorno, sobre todo no que respecta ás Bandas Deseñadas xa que, facilmente, me deixo seducir polo seu grafismo. E é que o impacto que poden exercer as ilustracións é mesmo máis poderoso que o das palabras, polo menos para mín. E debido a isto, á hora de me fornecer de novos exemplares gráficos, valoro, ás veces de forma errónea, o seu contido en base ao seu estilo debuxístico cando texto e debuxo van unidos de forma indisoluble. Non reparo en que non son estampas para "ver" senón para "ler".

Así que, como particular emenda, vou teorizar un chisco sobre eses aspectos, ateigados de contradicións, co san obxectivo de salientar algúns factores que poden pasar desapercibidos á hora de xulgar un cómic.

Calquera mortal medianamente formado niso das Bandas Deseñadas, lector ou delineante, sabe moi ben que unhas viñetas espectaculares non minimizan o dano que pode facer un mal guión. E, ao contrario, un argumento estupendo pódese ver empobrecido por un aspecto gráfico inadecuado.

Emporeso, todo isto é moito máis complexo do que parece a primeira vista. Os debuxos son un importante vehículo condutor da historia e estes determinan, en moitos casos, o ritmo e o interese da lectura. Por poñer un par de casos prácticos, mencionarei a Uncle Sam, con acuarelas prodixiosamente hiperrealistas, xurdidas da man de Alex Ross que, non obstante, ralentiza ou entorpece o interese polo argumento que propón Steve Darnall xa que, é tanta a marabilla na nos temos que fixar, que nos esquecemos del. Soamente, cando teñamos apoucada a emoción ocular, daquela seremos quen de seguir a historia. Outro caso nas antípodas: El arte. Conversaciones imaginarias con mi madre, de Juanjo Saéz, cun estilo que roza o garabato, o cal, sen lle restar eficacia, non termina de suprimir a sensación de que, co apartado textual, tería sido suficiente, deixándoo nun mero discurso teórico con faíscas de comedia.

¿Daquela? ¿Cal é o estilo máis axeitado para representar a banda deseñada?

Todos, e mesmo ningún. Non hai un estilo universal. Cada argumento ten unhas necesidades representativas que hai que saber canalizar e conciliar para que a experiencia lectora sexa o máis satisfactoria posible e sexa capaz de transmitir a idea primordial. Exemplo: Sharazad de Sergio Toppi. Un estilo denso e barroco, con certa estilización, altamente eficaz para representar a maxestade e a cadencia dos contos orientais. Neste caso, o impacto gráfico cómpre, é necesario. Trátase de marabillar ao lector. Cun estilo máis inxenuo sería un conto para nenos. Outro exemplo: Maus de Art Spielgeman. Un estilo ríxido e crebadizo, cunha moi oportuna simplicidade que plasma, de forma directa, o horror do holocausto. Fluído e sen interferencias narrativas grazas á ausencia de artificios ou malabarismos gráficos, é simple na súa condición pero completo na súa empresa. Cun estilo ao Marvel sería pura choqueirada.

Actualmente, dilúense cada vez máis os aspectos académicos e clasistas do deseño, en prol do seu lado máis icónico e expresionista, rompendo as restricións do que se entende por "bo debuxo" e permitindo todo tipo de técnicas e materiais. É máis, moitos traballos dos autores máis actuais veñen caracterizados por debuxar de forma lixeira e aparentemente simple co obxectivo de non perder o tempo durante o proceso creativo e proporcionar unha maior fluidez narrativa como Joann Sfar ou Bastien Vivés. Para ambos, o debuxo non é un mero artificio visual senón que o empregan como unha forma de escritura. Por iso debuxan coma se "escribisen" e non se empantanan elaborando unha fermosa "caligrafía" que atasque a súa evacuación creativa. En suma, que hai maior liberdade no emprego dos recursos gráficos para conseguir contar unha boa historia a través da ilustración secuenciada. O truco está en saber empregar estes recursos en harmonía co guión. Non é tarefa doada.

Non é todo o escrito unha argumentación completa, faría falta encher máis páxinas e páxinas. Pero, o que si espero, é que se recapacite un pouco no servizo que fai o debuxo á historia e que non sempre un estilo atraínte é sinónimo de boa historieta. É o "todo" do exemplar impreso (ou dixital) o que o fai merecente do noso tributo.

Que teñan un bo día.
Ligazóns
http://manifiestong.tumblr.com/

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org