culturagalega.org

inicio / colaboradores / Puntadas do Xastriño por Xastriño Puntadas do Xastriño
Puntadas do Xastriño

por Xastriño

FREDERIK PEETERS

Moitos son os chamados e poucos os elixidos

Puntadas do Xastriño
10 / 11 / 2010
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Á hora de buscar novas bandas deseñadas sempre se teñen uns autores de referencia, cuxa influencia nas nosas predileccións lectivas son ineludibles. Son aqueles mestres aos que te entregas cegamente, os nomes dos cales xa soan case divinos e a aparición dun novo título non se pode considerar por menos que un milagre, un feliz acontecemento digno de ser celebrado. No meu caso, teño no meu particular Olimpo aos irmáns Hernández, Joann Sfar, Suehiro Maruo, Carlos Giménez, David B. e, sen me corar, Ai Yazawa. Outros, como Frank Miller ou as CLAMP tiveron o seu momento de esplendor, cuxo lustre foi embazado polas veleidades da fama e, a menos que xa non formen parte deste mundo como Osamu Tezuka ou Will Eisner, deidades superiores e inmortais, todos corren o mesmo risco de se esnafrar ou quedaren a medio camiño.

No mundo da BD moitos son os chamados e poucos os elixidos. E, mira por onde, aquí teño a un novo aspirante a estar cóbado con cóbado coas divindades antes mencionadas. Trátase do suízo Frederik Peeters, cuxo primeiro mérito foi o de nos dar unha lapada en toda a cara coa emocionante autobiografía de Píldoras azules. Nela, o xogo das humanidades que tanto deleita aos lectores de BD, discorría por vieiros bastante inexplorados, daquela, e tan só armado dunha sincera sensibilidade (que non sensiblería). Un emocionante relato que rememoraba a súa relación con Cati e co seu fillo, ambos seropositivos, ateigado de revelacións e reflexións psicolóxicas quen de nos impregnar dunha profunda humanidade. Despois viñeron outras obras como Constellation, breve e brillante. Como diría o protagonista de Píldoras azules "estivo ben... como unha burbulla de xabón..."

A confirmación de que Píldoras azules non era flor dun día veu cos catro tomos que conforman Lupus, que é destas obras que me fan dicir: mira que me gusta ben pouco a ciencia ficción pero hai que ver como me conquistou. E é que nesta Space ópera, o transfondo futurista e espacial é unha mera escusa para desenvolver unha fabulosa historia de amor e amizade entre dous amigos que van de excursión e recollen a unha moza polo camiño. Poético, reflexivo, imaxinativo, emotivo... pode ser de todo menos convencional. Desde entón espero albiscar as palabras "Frederik Peeters" entre as novidades mensuais. Con RG demostra que se atreve con calquera xénero, neste caso policial pero sempre saíndo do convencional ao se desenvolver dentro do marco biográfico (o guionista é Pierre Dragon, integrante dos servizos secretos) e nun entorno actual, cunha técnica dibuxística envexable.

Non podía faltar a súa colaboración para co público miúdo. Para isto alíase con Pierre Wazem para crear Koma, cuxa envoltura infantil se esfuma ante a complexidade coa que aborda o seu argumento con toques ao Hayao Miyazaki e unha nena protagonista repleta de carisma. Desde logo, non toma aos nenos por tontos. Logo chegou Paquidermo para se internar no mundo dos soños e desenvolver unha trama de espías non exenta desta humanidade que tanto caracteriza ao suízo. Persoalmente, esta obra supón para min un pequeno baixón pero que se pode gozar só polo pracer de perderse no onirismo hospitalario das súas viñetas con razoamento final a todo o que sucede. E co tomo recompilatorio de Dándole vueltase e as 26 historias curtas que contén podemos terminar de apreciar a súa traxectoria evolutiva.

Hai pouco que a casa encargada da edición española de case todas as súas obras, Astiberri, acaba de sacar o seu más recente álbum, Castillo de arena, con guión do cineasta Oscar Pierre Lévy, e aínda que non poida afirmar que é a súa mellor obra si que contén unha forza e potencia inusuais. De inspiración Buñueliana, cunha exquisita planificación e unha ausencia total de medo á hora de retratar personaxes de todas as idades e graos de beleza que xa quixesen moitos autores que se estancan en esquemas fixos e idealistas. Pero o que é Castillo de arena, é unha obra destas que ao despregar as tapas, xorde de entre os seus pregos un puño quen de che estrullar e retorcerche o corazón.

Fáganme caso, señoras e señores. Este rapaz váleo.
Ligazóns
Páxina con ampla información sobre ó autor e as súas obras
Curioso proxecto de Frederik no que zombifica a famosos
Antiga páxina de Frederik, pechada máis cunha curiosa animación
Todalas obras de Frederik publicadas en castelán en Entrelectores

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org