Compartir lecturas
As actividades das bibliotecas son un excelente recurso para todos.
Entre as viñetas
27 / 10 / 2010
Temos xa falado noutras ocasións sobre o paso adiante que a presenza da banda deseñada nas bibliotecas públicas supuxo (e supón, pois son máis cada día as que a incorporan) como elemento dinamizador e normalizador desta arte dentro da sociedade. Nunha época nada afastada só era posible encontrar algo de cómic nas seccións infantís, e en moitos casos era evidente que os bibliotecarios o vían como un «mal menor», un xeito de chegar á lectura de «libros de verdade». Hoxe, en troques, cada vez son máis as que, tamén en Galicia, prestan á BD unha atención que é semellante á que se outorga ás outras seccións (o ensaio, a novela, a poesía), e xa para todo tipo de públicos, sen por iso descoidar o infantil e xuvenil.
Non debemos esquecer que o mercado da BD segue a ser máis intensivo que extensivo —infelizmente, parece que a tendencia seguirá sendo esa, porque o resto do mercado do libro vai xa máis por ese camiño que polo dos bos fondos de libraría de antano— e que encontrar títulos vivos durante moito tempo nas tendas é máis complicado do que parece. Por isto, saber que calquera poderá encontrar nunha biblioteca unha boa colección de títulos básicos sen ter que estar atento á súa vida comercial é xa unha vantaxe evidente. Aínda é habitual que a persoa que queira estar ao día do mundo dos cómics, ou coñecer un pouco da súa historia, se vexa obrigada a facer un importante desembolso na compra de libros, xa que corre o risco de perder a súa lectura. A non ser, claro, que conte cunha boa rede de amigos que fomenten o empréstito mutuo. Esa é, precisamente, unha das funcións das bibliotecas, facer que a cultura non teña que depender unicamente dos esforzos económicos persoais de cada un.
Labor sobre o terreo
Falarmos de bibliotecas —como tamén da introdución da BD nas aulas— supón, ante todo, baixarmos ao nivel do chan, analizar de primeira man como é percibido o cómic entre o público máis variado. A soa presenza de libros de cómic nos andeis das bibliotecas é xa encomiábel, pero é que ademais desde elas poden proporse actividades que van moito máis alá. Os clubs de lectura, por exemplo, supoñen unha forma non só de dar a coñecer a novena arte a novos públicos, senón tamén de promover que a vida das obras teña unha extensión alén da lectura individual. Moitas veces carecemos de oportunidades para falar con vagar dunha obra que o merece (unha obra de calquera tipo: BD, novela, filme...), ou non coñecemos moitas persoas que poidan comentar connosco esa obra e as súas reflexións sobre ela. Os libros, en máis ocasións das que merecerían, sofren unha especie de «morte por esquecemento» porque o noso ritmo de vida impide un repouso adecuado e un intercambio de ideas sobre eles (algo que tamén pode ou debería poder remediar en parte a crítica literaria).
Un club de lectura fai que os temas que trata unha boa obra, e mais os centos de perspectivas que se lle poden dar, poidan ser canalizados nun grupo humano para a análise en común. Iso dá unha nova vida a esa obra: enriquécea e saca dela todas as súas posibilidades. Mesmo as visións a favor e en contra dun libro contribúen a ese enriquecemento de todos (incluídas as persoas encargadas de coordinar o grupo). Á parte de que, en ocasións, supón un reto moi saudábel —unha forma de obrigarse a ler unha obra que non nos atreviamos a comezar, ou que por algunha razón nos quedou atravesada nas primeiras páxinas—, un club de lectura pode dar lugar, aínda cos libros máis sinxelos, a unha experiencia colectiva difícil de describir se non se vive.