Novela gráfica
Estamos ante unha nova etiqueta ou ante unha «evolución» da BD?
Entre as viñetas
21 / 7 / 2010
A banda deseñada ten unha boa cantidade de denominacións, ningunha delas completamente satisfactoria para todos. Con todo, desa morea de nomes hai algúns que non son completamente sinónimos: por exemplo, o español
tebeo non se correspondería, en xeral, coa denominación da arte e si coas revistas que conteñen
historietas. Desde hai uns anos, está a empregarse de forma cada vez máis habitual o termo
novela gráfica para falar da banda deseñada, aínda que tampouco se trata de termos intercambiábeis: por resumirmos, podemos dicir que a novela gráfica é só un tipo de BD. A novela gráfica, en principio, é un formato que asimila externamente o cómic á maioría dos produtos que o lector pode encontrar na libraría: o tamaño e a presentación exterior dos libros de bolso, das novelas. Naturalmente, non é só iso. Para moitos autores, liberarse dos canons estabelecidos nos diferentes mercados (as férreas estruturas do
comicbook americano e do álbum francobelga) supuxo unha nova forma de afrontar os ritmos narrativos e as velocidades de execución —coa non aplicación de cor, por exemplo—, e mesmo traballar para outro tipo de público, xa non necesariamente só o afeccionado aos cómics. Así pois, hai algo tamén de fondo na novela gráfica no referente a como conciben os autores as súas obras.
Cuestión de amor propio
Hai quen, non obstante, encontra a aplicación do termo como unha mostra da falta de auto-estima do mundo da BD, que necesita, segundo isto, do recoñecemento externo como produto equiparábel a outros socialmente prestixiosos. Isto mesmo úsase tamén contra os que buscan antecedentes para o cómic na historia da arte, sexa na columna de Traxano ou nas
Cantigas de Santa María; sen lles quitar a razón aos críticos en que hai un certo complexo de inferioridade dos afeccionados ao cómic, creo que este argumento non é válido para ningunha das dúas cuestións. O cómic ten validez de seu, sen necesidade de procurar relacións con outras artes ou medios socialmente mellor valorados, pero iso non é óbice para que poida buscar o seu propio pasado ou empregar etiquetas que axuden o público a saber de antemán o tipo de produto que ten nas mans. Para alén disto, podemos dicir que o concepto de
novela tampouco é socialmente positivo
per se, e aí está o seu estendido emprego popular para se referir ao folletinesco —o nome común dos seriais radiofónicos e televisivos,
as novelas—. Valla, pois, o emprego do termo como marcador dun tipo de banda deseñada que resulta novo para boa parte do público.
Madurez
O termo «novela gráfica», por tanto, definiría unha etapa no cómic que podemos denominar «de madurez como medio», na que se están a producir achegamentos ao público impensábeis tan só dez anos atrás (tanto que o «cómic alternativo» pasou a ser o que figura nas listas de vendas de libros do noso contorno, fronte ao tradicional «mainstream», que queda para o lector especializado). O libro
La novela gráfica, de Santiago García, publicado recentemente, constata estas mudanzas tentando indagar cales son as claves deste novo estadio dos cómics. O ensaio, de recomendábel lectura, produce porén a impresión (creo que involuntaria), ao enfocar a súa tese como unha «evolución» nos cómics desde os seus inicios até esta madurez actual, de que o realmente válido é só o encadrábel dentro desta última etapa, e conseguintemente pode levar a infravalorar obras moi importantes e tan notábeis ou máis que moitas
novelas gráficas actuais. Se ademais, como é o caso, se subestima a importancia que teñen tido dentro deste estado de cousas as tradicións europea e xaponesa, a visión global fica un pouco desequilibrada. O libro de García demostra, en fin, que aínda estamos moi lonxe de lograr definir cales son ou serían os límites desa novela gráfica. Xulgo, no entanto, que o importante é que coa etiqueta de
novela gráfica se abriu un camiño para os novos lectores descubriren moitas obras da BD internacional que permanecían ocultas por esa imaxe pública tan falsa e limitada que identificaba cómic con pouco máis que Mortadelo, Asterix e Superman.