A infancia perdida (e recuperada)
Non, non vou falar das historietas da nosa infancia.
Puntadas do Xastriño
26 / 5 / 2010
Para iso temos a Antoni Guiral e aos seus dous extraordinarios tomos editados por El Jueves. Do que pretendo discursar nesta ocasión é sobre a perda da capacidade de abraio e de fascinación aventureira que unha vez tivemos todos, cando aínda non chegabamos ao metro de estatura. E sobre cómo recuperala, aínda que sexa momentaneamente...
A infancia, ventureiramente espida como ela soa, é un longo instante que se vai ataviando, pouco a pouco, con prendas interiores de dubidosa catadura moral. Patróns de corte educativo e costuras urbanistas, tan ateigados de restricións e ataduras como un asfixiante xustiño. A estas roupas séguenlle rebeldes trapiños adolescentes estampados de confusión vital. Farrapos riscados de motíns nocturnos e manchados co sangue brotada da desilusión amorosa. Finalmente, estas vestiduras son remendadas con ríxidas aparencias sociais e laborais, ornadas de prexuízos repuxados en metal, impedindo calquera asomo daquel feliz nudismo sen ser víctimas da murmuración pública.
Créndonos seguros na nosa adulta coiraza, tachamos a infancia de remota e irrecuperábel, aínda desabotoándonos casualmente fronte a antollos de gominolas, secretos enredos con chintófanos deixados por outros nenos ou cántigas de animacións televisivas que criamos esquecidas. É algo que apenas nos molestaremos en airear, conformándonos co fastío da rutina e escusándonos co peso da responsabilidade, minando calquera sospeita de sa fantasía e imaxinación.
Emporeso, o xaponés Kiyohiko Azuma, negouse a esquecer o feitizo do encanto infantil, extraéndoo da súa armadura e plasmándoo, desde 2003 deica hoxe, a través dos ollos dunha nena de pelo clorofila: !Yotsuba! E consegue sinalarnos, para ledicia nosa, que endexamais o tiñamos perdido. E é que, ler calquera dos seus tomos, é como morder unha feliz libra de chocolate cuxo sabor retórnanos, de socate, á infancia perdida.
A Kiyohiko Azuma, debuxante hentai reconvertido, coñecémolo brevemente a través da súa serie Azumanga Daioh, sinxela parodia de colexialas que xa apuntaba maneiras antes de irromper con !Yotsuba!, a mellor comedia costumista sobre nenos que se pode encontrar actualmente, á marxe de xéneros ou idades. Pero non creo que se lle poida chamar comedia pois é tal o naturalismo das súas situacións que case se nos pode antollar un documental sobre nenos. Kiyohiko espreme ao máximo as expresións propias do manga, dunha simplicidade abafante, que emprega para retratar con absoluto realismo os acenos e accións infantís, aportándonos unha estraña sensación humorosa, quen de nos facer esquecer o peso da vida. Isto é, o retorno á infancia. O regreso á inxenuidade e con iso a recuperación da capacidade de marabillarse coas pequenas cousas da vida.
Así, pois, se temos un mal día, agoniados polos amargos pormenores da vida adulta, non hai nada como dedicar uns minutos a reler as cándidas aventuras de Yotsuba!, totalmente opostas aos despropósitos do irreverente Shin Chan que non fan senón resaltar o absurdo do mundo adulto. Ao contrario, Yotsuba! é a perfecta demostración de que é posíbel crear un manga ateigado de tenrura e sinxeleza e que, por enriba, sexa quen de nos arrincar un sorriso dos beizos, tentando a nos desposuír das nosas pesadas vestiduras e ser, de novo, nenos, libremente espidos e embriagarnos de fantasía e capacidade de asombro para cos asuntos máis triviais, coma se acabáramos de os descubrir por primeira vez.