culturagalega.org

inicio / colaboradores / Entre as viñetas por Henrique Torreiro Entre as viñetas
Entre as viñetas

por Henrique Torreiro

A nova «cadea de valor» da edición

Cómpre analizar os novos lugares dos intervenientes no proceso editorial.

Entre as viñetas
12 / 5 / 2010
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
O único certo de todo o asunto do advento do libro dixital é que ninguén ten claro como será realmente, como irá funcionar. Só se sabe que é unha evolución inevitábel, e tarde ou cedo tamén para a BD. Neste panorama, o realmente útil é comprender ben o presente, para poder afrontar o que virá. Aínda que se fale moito do contacto directo entre creador e lector, sen intermediarios, non debemos esquecer que na internet hai sempre un, como mínimo: as empresas subministradoras dos servizos, que non son precisamente neutras. Intermediarios vai haber, mais hai que buscar moderar a súa presenza até o razoábel.

Na edición necesítase a figura do editor, un profesional que debe, primeiramente, seleccionar con criterio as obras que ofrece, e, ademais, facer que cheguen ao público na mellor das calidades posíbeis, nos niveis técnicos e creativos. O editor pode mesmo ser o promotor dunha obra, e, na maioría dos casos, ten un labor de revisión e afinación, incluso se falamos de autores consagrados. Despois, no mercado tradicional, o editor ten que pór en marcha unha serie de mecanismos para que a obra poida chegar ao lector. Isto inclúe todos os procesos relacionados con calquera produto físico: fabricación, almacenaxe, promoción, distribución; nalgúns casos, con empresas que cobran un tanto fixo (a imprenta), e noutros, unha porcentaxe sobre as vendas (a distribuidora, a libraría).

De todo isto, até agora, a participación sobre o prezo de venda ao público era —simplificando— do 10% para o autor (nalgúns casos menos), o 30% para a libraría (en grandes superficies máis, até un 40%), o 20% para a empresa de distribución, e o resto para a editorial, que loxicamente tiña que cubrir todos os gastos de edición (imprenta, deseño e maquetación, promoción, etc.).


Do físico ao virtual

Co dixital, no libro deixa de existir todo o que tiña de produto físico. Mais, se é erróneo pensar que desaparece a intermediación, tamén o é tentar reproducir exactamente os mesmos esquemas tradicionais, incluída a proporción dos intervenientes no proceso de produción. O editor ten moitos labores que son idénticos aos dun libro analóxico, mais non algúns dos que o encarecen; libraría e distribuidora, pola súa parte, pasan a ser plataformas tecnolóxicas (se non unha soa), cuns custos técnicos iniciais e de mantemento, pero moitísimo menos gasto de persoal e nada do de transporte. Por iso, que as empresas queiran operar no dixital coas mesmas marxes do libro tradicional está nitidamente fóra do sentido común.

Deste xeito, parece haber consenso en que os prezos dos libros deberían ser máis económicos, porque soportan menos custos reais, pero tamén debería estar claro que dese prezo o autor ha de obter unha maior marxe. Algunhas organizacións de creadores están a reclamar o 30%, sen descartar cifras maiores segundo o caso. É certo que, de momento, o negocio do libro dixital é moi pequeno, pero todo indica que non vai deixar de crecer exponencialmente, e chegará a ser parte importante dos ingresos dun autor. Hai editoriais que nos últimos anos incluíron nos contratos que a versión electrónica ficase paga polo prezo da edición en papel. Corresponde aos autores non asinaren novos documentos con ese tipo de cláusulas. E, tal e como están as cousas, esixir que, de momento, os contratos para o dixital non duren máis que un ou dous anos, mentres non se aclare a situación.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org