culturagalega.org

inicio / colaboradores / Puntadas do Xastriño por Xastriño Puntadas do Xastriño
Puntadas do Xastriño

por Xastriño

A Xénese de Robert Crumb

Escrito queda

Puntadas do Xastriño
7 / 1 / 2010
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Cando se anunciou a intención de Robert Crumb de realizar a versión da Xénese da Biblia en banda deseñada, o xentío agardou, con case toda seguridade, que do pai do cómic Underground soamente podía xurdir unha feroz e desapiadada parodia dos valores bíblicos do texto que máis ten influído, para ben ou para mal, nas maneiras do pensar e do sentir da civilización occidental. E, é que do debuxante que concibiu, de pé feito, unha estética feísta, sostén gráfico de psicodélicas historias que arremetían contra a hipocrisía social e os seus supostos valores morais, non podía esperarse outra cousa. En realidade, xa tiña feito varios achegamentos burlescos ao misticismo con seu Mr. Natural. E, qué dicir da súa fetichista representación das féminas de poderosas pernas torneadas e proclives a seren sometidas a todo tipo de pervertidas contorsións? Desde logo, motivos había de sobra para crer que a integridade das Sagradas Escrituras ía ser agredida por enésima vez.

Sen embargo, no momento da súa publicación, sorprendeu tanto a piadosos como a malignos. Crumb recompila o texto orixinal e pono en imaxes con documentada fidelidade, sendo unha exacta representación gráfico-secuencial do Verbo Divino. Catro anos para a realización do seu traballo máis obsesivo... Significa, daquela, que o descarreirado Robert Crumb tomou a recta senda do arrepentimento motivado pola súa palpable senectude? Sente Crumb a calor das chamas eternas da súa posíbel condenación polos seus pecados de xuventude agora que se sente próximo a ser xulgado por Deus tralo seu derradeiro estertor?

Posteriores entrevistas deixaron perlas como a seguinte: É incrible pensar que ao longo de máis de 2000 anos a xente tomase este texto tan en serio [...] porque ler de cerca a santa escritura da Xénese e considerala como unha guía moral é estar completamente louco [...] Eu non vexo ningunha senda moral. E, se a hai, é unha moral primitiva, atávica.

Declaracións coma esta veñen demostrar que non perdeu de todo a súa cordura.

Qué fixo, pois, Robert Crumb, con esta versión da Xénese?

Desde un punto de vista persoal, o que fixo foi mostrar con imaxes o texto sagrado tal como é, mostrando con crueza tódalas súas vicisitudes homicidas e carnais sen a habitual edulcoración doutras adaptacións máis inxenuas. Crumb pon diante dos nosos fociños estampas exactas das pasaxes bíblicas da Xénese milagrosamente virxes de calquera interpretación ou crítica persoais para a taxación da súa gravidade moral na súa xusta medida por parte do lector.

Emporeso, iso é algo que puido ter forxado calquera autor de banda deseñada medianamente experimentado, así que o valor deste libro non radica tanto no seu contido fiel ao orixinal, nin no seu indiscutible valor estético como en quen o realizou. Por ser Robert Crumb quen é. Un reaccionario e un provocador con longa experiencia ás súas costas que fixo un laborioso exercicio de contención, case unha flaxelante penitencia debuxística, para realizar unha insuperábel adaptación gráfica do Verbo Divino e, ao mesmo tempo, un innegábel alegado contra a irracionalidade relixiosa revelando a Xénese en toda a súa magnificencia.

Escrito queda.
Ligazóns
Extractos da Xénese de Crumb (en francés)
Entrevista a R. Crumb En relación coa Xénese (inglés)
Vídeo entrevista a R. Crumb
Tódolos libros de Robert Crumb publicados (Bookaffinity)
Site oficial de Robert Crumb

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org