Lecturas veraniegas
Unhas cantas recomendacións estivais de BD
Puntadas do Xastriño
19 / 8 / 2009
Agosto é unha época chea de tópicos: as queimaduras solares, as romarías, os incendios forestais, os xeados, as picaduras de faneca, andar moscado por mor dos tabáns, a canción e os amoríos do verán, as
Viñetas desde o Atlántico, etc... Por suposto, servidor non vai ser menos, así que véñolles cunhas cantas recomendacións estivais.
Para os que non se afastan demasiado e se atreven a somerxer as súas cirolas no frío Atlántico, que é cousa de valentes, daquela é moi axeitado levar consigo o compilatorio de
Popeye o mariño, de E. C. Segar. Recuperación dun dos clásicos da BD, que comezou sendo un gracioso secundario en
The Thimble Theatre para se converter na estrela principal. Acugulado de carisma, humor e personaxes inesquecíbeis, é esta unha de tantas mostras de que os clásicos xamais pasan de moda.
A sorpresa deste ano é
El arte de volar, con guión de Altarriba e abraiante posta en escena de Kim, veterano de
El Jueves. E digo abraiante, pois xulgaba impensábel que Kim fose alén do seu
Martínez, el facha. Moi na liña de
Maus, Kim e Altarriba convídannos ao relato da vida dun home, as súas ledicias e as súas miserias, ofrecéndonos un descarnado retrato da existencia na España do pasado século. Recomendado para os que tampouco van moi lonxe para descubrir inéditos páramos nacionais, fóra do contorno galaico.
Os aventureiros nostálxicos de Corto Maltés están de parabén pois a procura dun amigo desaparecido polos territorios de América do Sur convértese nunha vía perfecta para desenvolver aventuras cheas de denuncia social e carga existencial en
Los viajes de Juan sin Tierra, de Javier de Isusi. Co terceiro tomo, presentado hai pouco, e a inminente publicación do cuarto e derradeiro, Isusi expresa tódolos sinais dun autor para ser tido en conta no futuro.
El hijo del Ogro. Unha pequena alfaia de talantes medievais exquisitamente labrada por Grégory Mardon, cuxos ángulos de sinistros claro escuros faiscan de enxeño e ben facer, nunha historia de tinguidura psicolóxica con lección moral, cunha ambientación idealista da Idade Media, baseada nas miniaturas góticas. Unha peza de rara clasificación para viaxantes ilustrados e dispostos a descubrir pequenas marabillas.
Mi vida mal dibujada. Delirante, irónico, psicotrópico, costumista, sincero, estraño, introspectivo, xocoso, falcatrueiro, espontáneo, fabulador... Poucos son os adxectivos para describir esta xenial autobiografía de Gipi que bambea entre a veracidade e a invención. Cun bosquexo intensamente expresionista e extraordinarias acuarelas que apoian eficazmente a escenificación dunha vida marcada polas substancias alucinóxenas e unha mocidade desbocada. Indicado para aqueles que realizan outro tipo de viaxes non necesariamente terreais.
Aqueles desafortunados que se poñen ao abeiro das radiacións solares baixo o aburrimento do seu teito, o soberbiamente editado
Catálogo de novedades ACME pode mantelos ocupados toda a canícula. Minucioso e detallista deica o exceso, require unha longa exploración para asimilar a elaborada xeometría dos prodixios visuais e narrativos de parte dun dos contemporáneos máis notables do cómic norteamericano, Chris Ware. Como particularidade, apunto a presencia da tira cómica máis pequena do mundo... ¡nos cantos do libro!
A pesar de tódalas críticas negativas que se poidan achacar ao manga shojo, tamén quero propor
RG Veda, das CLAMP agora que acaban de sacar ao mercado unha reedición de luxo, nada que ver coa trapallada que sacou a mesma editorial hai anos. Maxestoso e vibrante drama coral de divindades orientais cun elaboradísimo e intricado guión que non deixa ningún cabo solto. Fascinante no seu desenvolvemento e hipnótico nas súas paixóns, crea todo un mundo quen de satisfacer a sedentos de universos e sagas fantásticas como a
Terra Media ou
Boneville, para viaxeiros a destinos exóticos.
A inclusión de
Pecados veniales, de Arthur de Pins, non obedece máis que ao mester de pór algún título que non faga espremer moito as neuronas e obedeza aos imperativos de sinxelo e refrescante presentes na maioría das distraccións do verán. Álbum compilatorio de chocarrerías eróticas que destila graza e sensualidade polos seus catro costados gracias ao virtuosismo gráfico das fémeas, sendo estas o seu sinal de identidade. É ideal para os que son felices cunhas chanclas e unha piscina inchable.
Por último, se o destino vacacional é a bucólica tranquilidade campestre e o retozar por entre vacas, ovellas e o resto da facenda, daquela, nada mellor que
Tamara Drewe, dunha das invitadas "atlánticas" deste ano, Posy Simmonds. Sorprendente na súa concepción que equilibra a banda deseñada coa literatura para narrar, coma un contiñeiro rural, paixóns esquecidas, fogaxes xuvenís e infidelidades con efectos colaterais. Todo isto, no marco dunha camposa inglesa.
Ah! Non se esquezan do protector solar, factor 90 e que vostedes o pasen ben. Deica despois da "operación retorno".