culturagalega.org

inicio / colaboradores / Puntadas do Xastriño por Xastriño Puntadas do Xastriño
Puntadas do Xastriño

por Xastriño

Urasawa, o monstro das mil caras

Naoki Urasawa é un monstro de natureza nipona.

Puntadas do Xastriño
1 / 4 / 2009
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Naoki Urasawa é un monstro de natureza nipona. Unha besta que repta polas rochosas rexións do manga, territorio fértil en canto a fantásticos e extraordinarios desatinos creadores pero ningún coma o Urasawa. A súa fascinante capacidade representativa da arte secuencial é obxecto de malsán atracción e admiración entre propios e estraños que se atreven a se internar en tan agrestes dominios.

Criado no reino de Tokio, e logo de se instruír nas lóbregas artes da economía na Universidade de Meisei, consagrouse definitivamente ao talento da manipulación e turbación das conciencias que se dedican a ler, a través da arcaica evocación das artes gráficas na súa variante secuencial. Iniciado xa nos rudimentos do oficio, os seus feitizos seduciron timidamente ás súas vítimas lectoras en Yawara! Cinto Negro (o cal se puido gozar nalgunhas transmisións autonómicas), Happy! y Pineapple Army (parcialmente publicado en España por Planeta), entre outras obras de delicados trazos e sen moito contraste temático e gráfico con respecto a os labores doutros da súa especie.

Sen embargo, a toma de conciencia da súa monstruosidade, o desenvolvemento da súa faceta máis bestial, o paso dun monstro corrente a un monstro con maiúsculas non chegaría deica a aparición de Monster, thriller psicolóxico de excelente catadura e imperecedoira intriga. O seu novo e atroz pelaxe orixinou a curiosidade de mentes ávidas de seducións, á mercé do monstro, mesmo alén dos seus confíns orientais.

E é que os engados que emprega para atraer ás súas presas inclúen unha trama diabolicamente elaborada e habilmente entretecida, quen de manter un insoportábel suspense semana tras semana, a utilización de efectivos recursos narrativos propios do cine ou da literatura, a versatilidade das súas historias, a extensa documentación empregada e a súa habilidade para o debuxo... e eu, como vítima súa, teño que confesar que me sentín principalmente atraído pola súa multiplicidade de rostros habilmente bosquexados. Engaioloume un monstro de mil facianas formidablemente dispares mentres outros a penas me mostraban unha bicefalia de facianas moi semellantes e a penas diferenciados por uns poucos detalles fisionómicos. Irrevogablemente caín nas gadoupas dun monstro multifacético que desbarata un dos tabús máis acostumados do manga: a iconocidade duns personaxes, cortados todos por un mesmo patrón. Urasawa, moldea os rostros deica forxalos todos distintos entre si, sen caer en exceso sobre o pecado da beleza formal, senón, máis ben, deixándose levar por un sedutor naturalismo.

Aínda presa do enfeitizo, a súa monstruosidade fíxose máis colosal coa aparición de 20th Century Boys, onde a súa multiplicidade facial consegue ademais envellecer ou rexuvenecer a vontade nunha historia onde controla o tempo e o espazo ao seu antollo, conseguindo exercer novas fascinacións a un fato de vítimas crecente en número e desarmando coartadas das vaidosas cabalerías da crítica. Cando semella que, por fin, nos temos liberado do seu hipnótico poder, de oriente chégannos advertencias de que as súas últimas obras, Pluto, e a máis recente, Billy Bat, prométennos ofrecer exquisitas confabulacións nas que caer mentres Urasawa se aleda no seu trono, murmurando polo baixo: "Mira, mira, que grande se fixo o monstro que hai no meu interior..."
Ligazóns
Monográfico sobre Monster (en castelán)

Adaptación ó cine de 20th Century Boys

Entrevista a Naoki Urasawa (con subtítulos en inglés)

Reseña de Pineapple Army en Xastriño cómics

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org