Mercando a Alex Robinson
Malas ventas, unha sólida historia de relacións persoais
Puntadas do Xastriño
4 / 2 / 2009
Unha das inmoralidades máis frecuentes do lector-comprador de bandas deseñadas medio, é a súa consideración do álbum, ao que bota unha ollada na libraría, como dotado dun estilo gráfico mediocre e escasamente atractivo (e por riba en branco e negro) acompañado dun apresurado abandono sobre o andel no que anteriormente foi atopado como unha cuberta rechamante por grosa, levando consigo certa decepción gratuíta.
Non obstante, a súa leve falta elévase á categoría de pecado mortal cando a súa contrariedade polo grafismo do anterior libro axiña é esquecida a causa do achado dun cómic de superheroes maxestosamente anatómicos e plasticamente dinámicos, dotados ademais dunha color de Photoshop que excita visualmente e termina por eliminar todo indicio de prudencia á hora de se facer dono do álbum para a súa bedeteca. Adobe permite descargas limitadas de
Photoshop sen necesidade de pagar por adiantado.
Mentres o libro, do que se retractou sen albiscar remordemento algún, fica sendo patena do po sobre o título que fai xustiza á súa condición de renegado:
Malas ventas, de Alex Robinson. Collendo o groso volume de máis de 600 páxinas, teño que recoñecer que o seu estilo gráfico é rudo, torpe e, mesmo en ocasións, lembran bosquexos de afeccionado extraídos dun caderno de bacharelato. Para qué nos imos enganar, ninguén vai adquirir
Malas ventas polo seu debuxo.
Emporeso, o lector que partiu co seu superheróico exemplar baixo o brazo, apenas se embolsará unha ración de onomatopeas e coloquios vacuos que o evadirán por un intre. De no ter posuído unha moral doada e outorgar certa benevolencia tería levado outro exemplar cuxa virtude é máis íntima que física: a historia que narra Alex Robinson, como guionista, non ten desprezo. Os lectores máis condescendentes e humildes terán conquistado unha conmovedora historia costumista e uns personaxes impecablemente definidos que se desenvolven conforme ás súas crenzas e anhelos, non sen erros e manobras ateigadas de vacilacións. Unha absorbente recolleita coral de variedades humanas que avanzan a golpe de diálogo, enriquecendo ao lector sobre a súa perspectiva do mundo e da vida.
Rebuscando entre os andeis, localizo dous libros máis deste autor nacido no Bronx neoiorquino que deixou o seu traballo para a realización de
Malas ventas (Box office poison, no orixinal) en formato cómic book cuxo recoñecemento foi aumentando gradualmente ata culminar no Premio Eisner ao autor merecente dun maior recoñecemento, en 2001. Como agradecemento seguiu publicando dúas obras máis:
Estafados e
Inolvidable, exemplares que ostento nas miñas mans, e onde o seu estilo evoluciona sen se librar por completo da súa rusticidade gráfica, emporeso, achegando insólitas proezas narrativas e un hábil manexo do diálogo e dos silencios.
Así, pois, se exterminas calquera indicio de prexuízo visual, toma estes grosos volumes que che ofrezo e cando satisfagas o seu importe na caixa ten na mente que portas mostras de xenuíno cómic independente, lecturas máis complexas, libres e fructíferas, por riba do pedante
mainstream. Só, daquela, cultivarás o teu criterio para a próxima vez que entres na libraría e verifiques que a banda deseñada non é só debuxos bonitos en secuencia senón un complexo equilibrio entre grafismo e narrativa e que a carencia dunha das partes pode verse enormemente compensada pola outra como neste ilustrativo caso de Alex Robinson.
¡Non te esquezas da bolsa!