O valor do orixinal
Representa o orixinal dunha BD máis ou menos que a súa reprodución?
Entre as viñetas
21 / 1 / 2009
Unha BD, salvo raras excepcións, está pensada para ser lida sobre papel —nos últimos tempos, tamén na pantalla do ordenador—. Aínda que a arte secuencial pode, con toda a razón do mundo, ser rastrexada en todo tipo de formatos, o caso é que a día de hoxe o seu emprego como obra mural, por exemplo, é absolutamente excepcional.
As exposicións que se fan de páxinas de BD e de material relacionado (bosquexos, ilustracións do mesmo autor para outros traballos...) buscan principalmente chamar a atención do público sobre o cómic como medio de expresión, a través dunha obra determinada. Dalgunha forma, emprégase o gancho da aparencia estética da obra, que é a tarxeta de presentación do cómic, como o sería se o futuro lector olla rapidamente as páxinas do cómic antes de o comprar. É dicir, até certo punto priorízase a estética fronte á narrativa, que en xeral só se pode así apreciar nos seus
sintagmas básicos: a relación das viñetas na páxina. Mais, como dicimos, isto tamén acontece folleando o cómic. É unha arma de dobre fío, porque hai obras que poden non resultarlle a alguén esteticamente atractivas de inicio e seren porén grandes obras cuxa estética ten que ser precisamente a que teñen, e tamén pode suceder xusto ao contrario.
En todo caso, o orixinal dun cómic é, en realidade, un elemento para chegar á obra final, que é unha reprodución en papel na cal se poñen en relación varias páxinas. En moitas ocasións, o orixinal inclúe correccións —viñetas pegadas, trazos borrados con témpera...— que non deben notarse na versión impresa, e o autor emprega o seu coñecemento das técnicas de reprodución para decidir o que vai ser visíbel, e de que forma, na súa páxina.
Adoradores de páxinas
A exposición serve tamén para os afeccionados veren as páxinas
ao natural, e saciaren a súa curiosidade polas técnicas de debuxo, ou para «sentiren de perto» a obra dun autor. Mais raramente unha páxina pode considerarse como unha obra de arte en si mesma, separada das que conforman o conxunto da mesma historia.
O orixinal nunca foi exactamente
a obra en termos de banda deseñada, entre outras cousas porque case sempre lle faltou algún detalle importante: a cor, cando esta se aplicaba mediante técnicas mecánicas seguindo as indicacións do autor; a rotulación, cando moitos autores comezaron a empregar a «cor directa», ao deixaren o espazo en branco para posibilitar a inserción de textos na edición noutros idiomas... Hoxe, ese orixinal que se achegaba bastante ao resultado que aparecía despois impreso tende a desaparecer. Moitos autores xa só debuxan coa técnica tradicional o lapis, ou mesmo fan a totalidade do proceso directamente co computador, mediante o emprego de tabletas gráficas. Que queda, pois, do «orixinal»? Apenas bosquexos, en moitos casos. Hoxe a exposición das páxinas ten de se facer, as máis das veces, a partir dos arquivos dixitais. Os orixinais, por todo isto, representan xa o pasado; permiten un estudo dunha parte importante do traballo dun cómic, mais é un estudo que fica limitado no tempo.
Todo o dito leva a pensar se non estaremos automaticamente a empregar, cando falamos de museos relativos ao cómic, un concepto tomado doutras disciplinas artísticas, mais insuficiente para esta: nunha pinacoteca, basta con expor o cadro para o
mostrar na súa totalidade; nun museo do cómic, non parece abondo con expor o orixinal. Talvez, o máis parecido ao concepto de museo que podemos encontrar xa existe, e ten por nome
bedeteca: unha boa colección de libros de BD.