culturagalega.org

inicio / colaboradores / Puntadas do Xastriño por Xastriño Puntadas do Xastriño
Puntadas do Xastriño

por Xastriño

A BD feminina

Boa parte da BD recente sobre relacións afectivas bebe das mulleres que se retrataron a si mesmas.

Puntadas do Xastriño
26 / 11 / 2008
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
De tódolos heteroxéneos xéneros que incrementan a banda deseñada, hai un que aguilloou a miña curiosidade cando a miña idade perdeu a exclusividade do díxito único e esta é a variedade destinada a satisfacer a sede de aventuras das nenas, que tamén a tiñan.

Revivo unha tediosa visita ao fogar dunha amiguísima da miña nai, onde a miña hiperactividade non cabía dentro das súas banais conversacións, ao redor dunha mesa, con té e pastas, polo que me mandaron coa filla. Aquela rapaza, maior ca min, tampouco semellaba interesada en padecer as miñas trasnadas polo que me arrombou nunha esquina non sen antes empapelarme con revistas e cómics do tipo: Súper Pop, Esther, Lily e outros derivados femininos populares na década dos oitenta. Nada que ver cos meus Pulgarcito, Zipi e Zape, Superlópez e outros entes saídos da rama masculina da factoría Bruguera.

Aquelas prensas desgustáronme polo seu estilo realista e adulto, habituado como estaba a formas máis simples de historietas. Emporeso, empecei a ler... Un dos folletíns incluídos titulábase La robot que lloraba, onde unha construción robótica, con forma de nena loura e uniforme verde mazá era tan perfecta que mesmo tiña conciencia dos sentimentos como a soidade, a liberdade ou o medo. Ao día de hoxe, descoñezo se atopou a felicidade xa que estaba estruturada en dúas partes, das cales nunca cheguei a ver a última.

Non obstante, e quizás novelando un chisco esta sinxela evocación, este primeiro contacto coa, deica agora, descoñecida feminidade da banda deseñada inseriu en min un novo afervoamento por historias máis humanas e sentidas, cuxas virtudes ían máis alá dos pinchagatos, chistes e falcatruadas tan comúns e propias do tebeo infantil e xuvenil. Algunhas furtivas lecturas dos traballos de Purita Campos, todo unha icona para a xeración feminina dos oitenta, satisfixeron, en parte, as miñas pretensións, sen saber que era exactamente o que inquiría.

A resposta habería de chegar co fenómeno dos manga e a tardía variante shojo, onde a violencia física de Dragon Ball daba paso ao drama e aos excesos sentimentais fortemente agarrados da man. Caracterizados polo uso de recursos expresivos sinxelos e altamente eficaces á hora de retratar o complexo universo das emocións, déronme a entender a posibilidade de acaroamento das historias á alma humana, en contraste coa evasión que ofrecía a repetitiva e morbosa intimidación dos Shonen. Pola contra, o Shojo ofrecía puntos de partida, desenvolvementos e finais cativadores no seu planeamento e execución. Tokio Babylon das CLAMP, Maison Ikkoku de Rumiko Takahashi e Paradise Kiss de Ai Yazawa, entre outras artistas de regusto oriental, enriquecían a miña concepción do universo dos cómics.

O abandono dos excesos tráxicos e o inicio da madureza do cómic feminino como medio de expresión habería de me chegar máis tarde coa crecente revelación das novelas gráficas, sendo de suma importancia a aparición dos catro libros de Persepolís, de Marjane Satrapi, onde a teatralidade e os sentimentos ateigados son substituídos pola honestidade e a sinceridade biográficas. La muñequita de papá, de Debbie Drechsler, as mulleres alteradas de Maitena ou a reciente Lost Girls de Melinda Gebbie (con guión de Alan Moore) son algúns exemplos.

Paralelamente ao seu crecemento como creadoras, a meirande parte dos cómics recentes conteñen unha estimulante riqueza psicolóxica das relacións afectivas que bebeu moito do atrevemento dunhas féminas que se retrataban a si mesmas, baseándose na autenticidade e a proximidade, nunhas historias concibidas con honrado sentimento, que non sentimentais. E así estamos, cada vez máis interesados por historias próximas a realidade humana, sobre todo, eu.
Ligazóns
LIGAZÓNS:

definición do Shojo Manga en Xastriño Cómics


Enlace para descargar un catálogo de tebeos femininos publicados en España


outro enlace con algúns tebeos femininos da época

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org