Sinaturas
Os debuxantes de BD parecen ter unha ‘obriga’ como autores: debuxaren individualmente nos libros dos seus lectores.
Entre as viñetas
29 / 10 / 2008
Unha das críticas que se fixo á edición deste ano do Viñetas desde o Atlántico, que mesmo se reflectiu nalgúns blogs, foi á decisión de que nas sesións de sinaturas os autores só fixesen autógrafos en libros, e non en calquera papel presentado polo interesado. Alguén razoaba que tal medida non se podía tomar con cartos públicos, como se fose feita unicamente por favorecer as editoriais.
Xa teño escrito nalgunha outra ocasión sobre o tema das sesións de sinaturas e a imaxe que no fondo acaba dando do oficio de debuxante ou de ilustrador. Repasemos: un escritor dunha novela, por exemplo, acode a unha sesión de autógrafos para asinar exemplares do seu libro, pois é un acto promocional deste. O que o seu público vai esperar del é, ademais da súa sinatura, unha pequena dedicatoria, que pode ser simplemente o nome da persoa que leva o exemplar ou algo máis extenso, de tres ou catro liñas ao sumo. En troques, o que se espera dun autor de BD é que faga unha ilustración o máis completa posíbel —hai quen mesmo aplica cor—, ademais de asinala e dedicala. E todo isto polo mesmo prezo: nada.
Fenómenos de feira
Unha sesión de sinaturas non é un espectáculo en que gratuitamente vemos como debuxa un señor para nós, senón un acto en que se pode chegar a producir o contacto entre o autor e o seu lector, e o primeiro ten a cortesía de regalarlle un pequeno debuxo ao segundo.
En realidade, o que a maior parte do público quere é ter a sensación de asistir ao proceso de creación dun debuxo polo seu autor favorito, cousa irreal nos máis dos casos: aínda que hai certamente debuxantes con moita capacidade de improvisación e rapidez na execución, o máis normal é que se trate dun debuxo que xa ten medianamente automatizado —dentro dunha serie que vai variando—, a base de o repetir nas sesións de autógrafos; non é o mesmo proceso que o levaría a facer unha das súas viñetas. Porén, moitos dos agradecidos lectores acaban tendo, ademais de admiración, a impresión de que, visto o fácil que lle resulta ao autor sacar figuras vistosas do seu rotulador, o traballo de realizar os cómics é moito máis livián do que é en realidade. Non creo que iso sexa demasiado bo para a imaxe profesional que se proxecta, aínda que o autor reciba unha satisfacción inmediata, o equivalente ao aplauso a un actor ou a un músico. Algunhas das horas desas sesións están pagas polas editoras —é un traballo, vaia se o é!—, mais non sempre sucede así.
Por iso, que nun salón totalmente aberto e gratuíto como o Viñetas a única condición que se poña a quen quere un debuxo dedicado é que traia polo menos un libro do autor parece máis que lóxica, para evitar que o clásico
espelido poida aproveitar para pórse na fila e pedir debuxiños a todos os convidados, aínda que non os coñeza de nada (total, é gratis!). Non esquezamos que iso non impide que o autor, se o ten a ben, faga un debuxo nun caderno ou similar. Mais teñamos presente que ese é un agasallo pola súa parte, non unha obrigación.