Wilhelm Busch
Humorista, poeta, pintor e debuxante, é un dos adiantados da narración gráfica secuenciada
Puntadas do Xastriño
1 / 10 / 2008
Dentro da miña particular cruzada na pescuda de antecedentes de Banda Deseñada, onde xa teoricei sobre Rodolphe Töppfer no artigo inaugural desta sección, teño o antollo de vos presentar ao alemán Wilhelm Busch. Humorista, poeta, pintor e debuxante, é considerado, xunto co mencionado Töppfer, un dos adiantados da arte da narración gráfica secuenciada, cuxa presenza vén esparexer máis dúbidas sobre a artificiosa data de saída, marcada polo Yellow Kid de Outcault.
E digo artificiosa pois albisco certo complot ianqui cando se poden asumir multitude de exemplos da arte secuencial anteriores como parte da evolución da Banda Deseñada… Pero retornemos o fío sobre Wilhelm Busch. A comarca sobre a que gravitou o seu nacemento, en 1802, Wiedensahl, é de terras rurais moi humildes, o que non foi atranco para que desenvolvese unha temperán intelixencia que o catapultou á academia de Belas Artes de Dusseldorf, Amberes e Munich. Soamente cando publicou na revista Fliegende Blätter a súa primeira viñeta con texto, soubo qué forma expresiva adoptar e, desde entón, a súa literatura ilustrada, nun principio vendida en estacións de ferrocarril polo prezo dunha cervexa, segue presente nas reminiscencias populares dos xermanos deica o presente, celebrándose este ano o centenario do seu pasamento.
Monumental foi a súa importancia para outros autores bedegráficos. De feito, os seus máis coñecidos personaxes, Max e Moritz, foron iluminación directa para Rudholp Dirks, emigrante alemán, quen crearía The Kantezenjamers kids e, co tempo, inspirarían, á súa vez, a os xemelgos Zipi e Zape de Escobar, semellantes en fisionomías e trasnadas.
E é que os seus traballos, ateigados dunha innegábel dualidade textual relativa á lírica e ao debuxo, teñen algo de underground, reaccionando, baixo un mantón de suposto didactismo, contra os valores morais dunha sociedade burguesa filistea e hipócrita, polo que se lle adheriu unha dobre apreciación, primeiro de subversivo e, máis tarde, de autoritario. Emporeso, o que reciba con mente libre de censuras a lectura das súas narracións encontrarase cun relato agudo e acugulado de enxeñosidades rítmicas e verbais, acompañado de expresivos bosquexos dispostos de forma irreprochablemente secuencial, achegando unha eficacia á narración, daquela impensábel, novidosa e cativadora. Outra das particularidades da obra de Busch son as súas habilidades onomatopeicas como o chapuzaceo da lagoa na que caen os cans Plisch e Plum.
Se de algo hai que acusar a Wilhelm Busch é de ostentar un humor demasiado negro no que a propia morte é un gag máis que pon punto final ás narracións coa desculpa de ser parte da suposta sentencia que intentaba inculcar. E mesmo moitas descricións gráficas son groseiramente irónicas, a xeito de espello cóncavo que reflicte de forma esperpéntica a realidade e algúns dos seus incidentes máis corporais aparecerían más tarde en forma de animacións ao estilo de Tom e Jerry.
Ao meu modo de entender, o éxito de Wilhelm Busch vén dado polo seu atrevemento a quebrantar as normas clásicas da beleza e a verdade para reflectir ao xénero humano coas súas equivocacións e fealdades, non sen as unxir clementemente co bálsamo do humor, unha fórmula moi recorrente e unha das achegas máis elementais ao cosmos da historieta.