Concursos
Os certames de BD seguen a ser un apoio esencial para o futuro do medio.
Entre as viñetas
20 / 8 / 2008
A análise dos resultados dos diversos concursos de BD no país —aínda que a publicación dos traballos gañadores non sempre foi habitual, como é agora— deixa ver ás claras como foi evolucionando positivamente o panorama. É certo que non todos os anos teñen o mesmo nivel de calidade, mais a súa importancia queda evidenciada polo número de autores galegos que soan hoxe en día e que no seu momento recibiron un pequeno ou gran pulo grazas ao premio dun concurso.
Malia estaren deostados por moitos, os certames son unha oportunidade de darse a coñecer e de conseguir certo apoio económico para un labor polo xeral moi pouco agradecido (entre outras cousas, porque unha historia de cinco ou dez páxinas supón moitas horas de traballo que se traducen en poucos minutos na súa lectura). Aínda que existe unha tendencia aos «traballos de concurso» —moitas veces produto dunha falsa prevención por parte do concursante, que pensa que hai cousas que non se poden presentar—, os certames tamén serven a algúns autores como «banco de probas» para a súa obra. É unha oportunidade, nalgúns casos, para experimentaren técnicas, como a cor, que serían de difícil publicación noutras circunstancias.
Os concursos galegos
Ademais dos concursos de diversas vilas e cidades, de maior ou menor vida, o concurso galego que maior repercusión ten tido até agora é o organizado pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta, que pasou xa por múltiples formatos e denominacións. Foi este concurso —hoxe GZ Crea— o que conseguiu en moitos casos focalizar a atención en autores que despois teñen despuntado na BD galega. Nas últimas edicións, subiu a contía do premio e o nivel de dificultade, ao pedir un mínimo de dez páxinas ás historias participantes, o que xa supón unhas certas habilidades narrativas e técnicas que poderían escamotearse en cómics de dúas ou tres páxinas. Nese mesmo sentido, de apostar por aumentar os retos creativos, vai desde hai catro anos o Premio Castelao de Banda Deseñada, da Deputación da Coruña, que outorga o seu galardón a historias terminadas de máis de 46 páxinas.
Malia as evidentes vantaxes destas propostas, talvez sería bo que as grandes institucións non esquecesen deixar oco tamén para aqueles que están aínda comezando; recuperar no concurso da Xunta a estrutura de categorías por idades que xa tivo podía ser unha forma. No entanto, outro oco intermedio vai poder cubrirse nos próximos meses, a través da convocatoria de Bolsas de Creación de BD da Consellaría de Cultura. O mecanismo é, en vez de escoller traballos terminados, elixir proxectos interesantes para que sexan desenvolvidos nun prazo estabelecido. O resultado será un álbum, tamén de polo menos 46 páxinas, mais as posibilidades reais de enfrontarse a un reto así increméntanse ao permitir que o traballo se faga coa seguranza dunha bolsa concedida. Tendo en conta o actual estado do mercado en toda a Península, a única forma de permitir que os nosos autores poidan dedicar o tempo necesario para un álbum sen teren que depender unicamente da seu portentoso amor polo medio (clave para a existencia dos álbums de produción propia publicados no Estado nos últimos anos, porque ninguén pode gañar a vida con eles) segue a ser o apoio das institucións con convocatorias como estas.