culturagalega.org

inicio / colaboradores / Puntadas do Xastriño por Xastriño Puntadas do Xastriño
Puntadas do Xastriño

por Xastriño

Xúrocho por Snoopy!

Cos Peanuts sucede como coa manteiga de cacahuete: ámalos ódialos.

Puntadas do Xastriño
16 / 7 / 2008
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Era este o bradido de guerra que escapulía da gorxa das nenas fachendosas dos oitenta cando precisaban afirmarse na súa frívola sabedoría. E por máis voltas que lle dea non son quen de encontrar relación algunha coa intelixente comedia humana de aceda sinxeleza contida en apenas catro viñetas diarias e unha páxina dominical que se estenderon ata as 17.897 tiras: Peanuts.

Descartada calquera malsán relación da expresión con un dos cadelos máis populares do mundo, presentamos ao seu autor: Charles M. Schulz. Nado na Minneapolis de 1922, os primeiros anos da súa vida foron unha rutineira sucesión de feitos intranscendentes e comúns á maioría dos mortais. Afeccionado aos cómics, apuntouse a un curso de debuxante por correspondencia e, máis tarde, logo de volver da 2ª Guerra Mundial, publicou Li´l Folks (Xente miúda) nun periódico local.

O tal periódico no soubo aproveitar o potencial do autor, o cal abandonou para emigrar a Nova York onde daría comezo a serie que o consagraría como autor: Peanuts, titulo imposto polo sindicato e que se lle indixestaría a Schulz por sempre. Desde 1950, a tira foi diariamente confeccionada sen máis interrupción que a da enfermidade e falecemento de Schulz, en 1999, cunha emotiva despedida na derradeira entrega.

Ao principio o seu estilo gráfico é claro e depurado, emporeso, co transcorrer dos anos a súa liña vai acadando un tremelicar sumamente expresivo e hábil, capaz de plasmar os máis variados e sutís matices do ánimo. As súas composicións de viñeta non son precisamente variadas, limitándose apenas a unha repetición de figurinos coas variacións necesarias que non contribúen senón a crear unha linguaxe completamente icónica, a cal, unha vez asimilada acaba formando parte dos nosos automáticos hábitos diarios da mesma forma que preparamos o almorzo ou collemos o camiño do traballo.

Schulz válese deste dialecto icónico para trasladar a sinxeleza da súa vida con eficaz humor ás súas tiras, sendo Carlitos o alter ego das súas frustracións e desesperanzas. Carlitos, Snoopy, Lucy, Linus, Patty, Marcia, Schroeder e o resto dos seus camaradas, unha heteroxénea galería de personaxes menores, roldan dentro do perímetro dunha urbanización tipicamente norteamericana de casiñas parceladas onde as súas infantís envolturas se descobren para debater sobre asuntos máis complexos e adultos, con especial miramento das anomalías da condición humana. Observacións cínicas e ferintes que non deixan de ter a súa graza. Co que, Peanuts se desmarcaba doutras variantes do seu xénero.

Non obstante, hai que salientar que Peanuts non é humor dunha soa tira. Tomando como exemplo a Mafalda, unha rápida lectura dunha das súas tiras ao chou, era quen de acadar unha sonora gargallada. E o aquel dos Peanuts, para que funcione, cómpre coexistir con eles no seu pequeno complexo urbanístico e saudar cada día aos seus veciños para entender o gracioso do asunto. Son unhas tiras humorísticas máis ben baseadas na complicidade e o cariño progresivo resultante da convivencia diaria, como unha camarilla coas súas exclusivas xocosidades soamente intelixibles se se sente parte da congregación. E integrarse cos Peanuts é doado, sen probas de virilidade ou novatadas polo medio. Coñecelos é amalos.

Publicado en España de forma fragmentaria (a editorial Fantagraphics estase dedicando á súa recuperación de forma cronolóxica, encargándose da súa versión castelá a editorial Planeta) cos Peanuts sucede como coa manteiga de cacahuete: ámalos ódialos.

Xúrocho polo carcasa do meu móbil
Ligazóns
LIGAZÓNS:

Páxina oficial dos Peanuts

Museo de Schulz en California

Parágrafo dunha entrevista a Schulz en Youtube

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org