Sahrazad
Sergio Toppi recreou visualmente as engaiolantes lendas da contacontos nocturna das mil e unha noites.
Puntadas do Xastriño
21 / 5 / 2008
Nesta ocasión, non vou ganduxar sobre un autor, senón sobre unha obra que todo o mundo debería ter na súa bedeteca, sexa esta modesta ou colosal. Aínda que, á fin, estaría dando conta da figura do milanés Sergio Toppi pois, mesmo que só tivese publicado esta obra, é merecente de se por no senlleiro andel das crónicas do cómic, se non, no da beleza inmortal, imperecedoira a través dos séculos:
Sahrazad.
Realizada no seu país de orixe, en 1976, por encargo do redactor xefe da revista
Linus, pero cun compromiso aberto á experimentación, tendencia que se estaba a impor en Francia e en Italia, xa que logo o cómic estaba empezando a adquirir valor como medio para a narración de historias non dirixidas exclusivamente a un público infantil.
E é, ao través desta autonomía creativa, conquistada había pouco, cando Toppi orienta todo o seu entusiasmo en recrear visualmente as engaiolantes lendas da contacontos nocturna das mil e unha noites que trata de escapar ao seu aciago fado, o da súa inmolación coa primeira luz do abrente. Máxicas e moralizadoras lendas orientais que recuperan todo o seu nervio evocador de arredadas situacións xeográficas endexamais soñadas, de extravagantes aldeáns de requintadas vestimentas e de inmemoriais mitoloxías de xenios e outros seres de estirpes arcanas.
As plasmacións de Toppi sobre o papel delatan o seu pasado no terreo da ilustración, rompendo os rexos esquemas da cuadrícula para formar fermosas composicións a toda páxina nas que se enlean debuxo, viñeta e texto, encarcerándonos dentro dunha enleada roseira de fermosísimas flores e embriagadoras fragrancias, nas que só unha absorta lectura pode desenlear os seus segredos narrativos. E, unha vez desvelados, asistimos a unha cadenciosa danza de tintas, texturas e, en ocasións, colores, que bambean entre o realismo e a abstracción máis fantasiosa, impregnando os relatos dunha estraña melodía case palpábel.
Un ritmo visual, acugulado e barroco, que reinventa os escenarios e personaxes das mil e unha noites de maneira tan poeticamente expresiva que no podemos por menos que marabillarnos a través da sucesión de historias dentro da historia, coma un estoxo que encerra outro. De sentir a vibrante maxia que antano sentiron os lectores do medo oriente de hai máis de mil anos.
E o que consegue Toppi é apropiarse dos cantareiros beizos de Sahrazad para nos prender nunha sucesión de mitos fascinantes, impedíndonos que cerremos o volume coma se con iso temésemos perder a súa voz, coma o rei que non ousa convocar ao verdugo por medo a derramar as súas historias no esquecemento da morte, conseguindo así perdurar a través da noite dos tempos.
E así foi. En España puidemos gozar dalgunhas entregas nos felices anos das revistas de BD como Tótem e Blue Jeans, pero axiña caeron no esquecemento. Polo menos, deica hai tres escasos anos nos que a editorial Planeta as recuperou en dous tomos, permitindo recrearnos cunha coidada edición que atesouraremos con celo coma o rei a Sahrazad.