Ryoichi Ikegami
Extraordinario mestre do pincel, delimitou primorosamente novelas gráficas ateigadas de sexo e violencia
Puntadas do Xastriño
26 / 3 / 2008
Se, da revelación do manga no noso país, se responsabilizaron Jiro Taniguchi e Yosihiro Tatsumi con costumistas historietas no El Víbora, por asentar os alicerces para a súa colonización apostou, entre outros, o debuxante Ryoichi Ikegami, extraordinario mestre do pincel, que delimitou, con primorosos trazos de sutil inspiración caligráfica oriental, novelas gráficas ateigadas de sexo e violencia acompañados de atraentes desenrolos argumentais. Dúas obras foron a súa carta de presentación: Crying Freeman e Mai, The psychic girl.
É de salientar que este autor tamén foi o responsábel da introdución do manga en EE.UU. coa mencionada Crying Freeman aínda que o seu contacto co mundo occidental xa se produciu moito antes coa adaptación á estética manga das aventuras de Spiderman, substituíndo a Peter Parker por un Yu Komori de típicos trazos estáticos. Emporeso, o seu estilo habería de evolucionar ao carón de guionistas da talla de Kazuya Kudo (Mai the psychic Girl), Kazuo Koie (Cryng Freeman) e Sho Fumimura (Santuario e Strain), deica liberar totalmente as súas pinceladas nun prodixio de dinamismo corporal que adquire tinguiduras de descarnado hiperrealismo nalgunhas viñetas.
É en Ryugetsusho, a súa derradeira obra deica a data de hoxe, onde aplica tódolos seus coñecementos anatómicos ao servizo dunha lenda sobre samurais e mozas fogosas. Pero esta non é unha morfoloxía idealizada ao modo de superheroes hormonados ou femias de peitos vizosos. Ao contrario, Ikegami achega ao concepto de heroe ou ás poses amatorias, unhas complexións realistas e dinámicas, non exentos de elegancia e boas maneiras. Sorprende a axilidade das súas pinceladas de tinta, que dan a impresión de esgazar as directrices previamente trazadas con lapis, adquirindo unha indescritible plasticidade corporal que, ás veces, vese frustrado por uns fondos atrancados na súa propia rixidez. Lembremos que no Xapón é habitual que outro debuxante se encargue dos fondos. Liberamos así das culpas a Ikegami.
Volvendo a Crying Freeman, a súa primeira obra publicada en España, esta deliciosa historia de yazukas e protagonista con predisposición a bagoxar, tamén nos mostrou as primeiras formas de censura nipona con borróns que suprimen calquera atributo xenital susceptible de magoar a vista. Iso, adobiado de tremendistas e sangrantes secuencias de violencia e crimes, fíxonos dubidar sobre os verdadeiros designios da mutilación gráfica. Á marxe disto, descubriuse unha historia que mostraba novas formas de expresión narrativa, descoñecidas naquel momento, acrecentando o interese polo manga. Posteriormente Mai, the psychic girl, con candorosa protagonista adolescente, deixounos outra mostra do bo facer do país do sol nacente que seduciu ao mesmo Tim Burton cun malogrado intento de levala ao celuloide. Obras posteriores como Santuario ou Strain adquiren tinguiduras políticas difíciles de dixerir que se ven compensadas pola contemplación da pericia artística deste creador orixinario de Fukui.
As historias propostas polos seus colaboradores non deixan de ser estupendos tópicos do xénero pero, as súas obras lémbranse, sobre todo, polo impacto que produciu a súa aparición nos quioscos. En 1992, Crying Freeman, xunto ao Puño de la estrella del norte de Buronson e Hara, procurounos a primeira advertencia de que o manga non era cousa de broma.