Little Nemo in Slumberland
As xigantescas pranchas dominicais de Winsor McCay son a materia da que están feitos os soños
Puntadas do Xastriño
30 / 1 / 2008
As xigantescas pranchas dominicais de Little Nemo in Slumberland, de Winsor McCay, son a materia da que están feitos os soños e pouco importa que teñan sido realizadas no lonxano 1905 pois o seu potente onirismo permanece inmutábel na longa noite dos tempos da Banda Deseñada. A obra e o seu autor permanecen coma un dos sobranceiros lábaros do Cómic.
Debuxante de vodevil, Winsor McCay, arrincaba ilusións e sorrisos nun dime museum de Detroit, unha sorte de circo, a un público decimonónico que aínda se abraiaba coa aparición dunha locomotora a todo vapor nunha pantalla de cine. Era unha época na que todo comezaba a ser posible e os novos prodixios tiñan a súa orixe na materialización das máis recónditas quimeras da humanidade. Fiel ao espírito da época, Windsor emprendeu a tarefa de atrapar soños sobre papel valéndose da ferramenta que estaba comezando a se definir como historieta. Recurso que Windsor soubo zafar de prexuízos e murmuracións para adoptalo coma o más lexítimo para o seu anhelo.
Trasladado a New York ondeo os seus traballos de Little Sammy Sneeze e Dreams of a Rarebit Fiend foron o limiar do seu atropelado surrealismo, o seu adestramento gráfico para a eclosión de Nemo (Ninguén, en latín) o 15 de outubro de 1905 no New York Herald. E, domingo tras domingo, descompoñía a páxina nun estouro cromático que separaba o real da ensoñación nunha fantástica exhibición do seu dominio do medio impreso. O quebrantamento das leis físicas e da realidade ponse ao servizo das caprichosas odiseas do venturoso raparigo durminte, dando sempre de fociños co peso da existencia na esquina inferior dereita da páxina.
Sen embargo, as distintas entregas posuían unha continuidade de carácter folletinesco de gran riqueza narrativa e imaxinería de estética modernista, un moi luxoso mundo de irrealidades onde as viñetas se estiran e deforman en consonancia cos acontecementos, adiantándose, en moitos aspectos, ás técnicas bedegráficas actuais e xerando algunhas das entregas máis sonadas da historia do Cómic.
Slumberland eternizouse deica se diluír na resaca dos loucos anos 20 sen acadar os loureiros das primeiras entregas e mesmo o seu fillo Robert McCay intentou retomalo nas décadas dos 30 e os 40 sen oír demasiados aplausos.
Despois de algo máis de cen anos, poucas publicacións son quen de nos conceder a graza de engulirnos ao seu interior e nos adormecer nas dondas rexións da evocación dos soños da nosa infancia. De nos acubillar en brancos pixamas de flanela bambeados polo aire, sobre o enorme paxaro que nos transporta a través de coloristas fogos artificiais ou obrar o prodixio de que a cama da bisavoa alongue as súas patas, cabalgando polas altas azoteas de New York. De nos deformar como espellos de feira e de patinar a través de palacios cristalinos de infinita perspectiva cambiante con xigantes encarnados agochados tralos seus bosques de columnas.
De nos facer esquecer o porqué das cousas para recuperar o noso gusto pola deliciosa irracionalidade dos soños, somerxernos neles e desexar que endexamais chegue o albor.
En suma, de nos facer ser Nemo.