culturagalega.org

inicio / colaboradores / Puntadas do Xastriño por Xastriño Puntadas do Xastriño
Puntadas do Xastriño

por Xastriño

Max

Cunha longa experiencia ás costas, Max é moito máis que o primeiro Premio Nacional de Cómic

Puntadas do Xastriño
12 / 12 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Max

Agora que o primeiro autor en recibir o Premio Nacional do Cómic, concedido polo Ministerio de Cultura, foi o barcelonés Max por Hechos, dichos, ocurrencias y andanzas de Bardín el Superrealista, convén que dediquemos esta columna ao que responde polo nome de Francesc Capdevila.



Nos seus comezos, e fortemente influenciado polo movemento underground, sobre todo por Robert Crumb, comezou a súa travesía bedegráfica en publicacións de corte fanzinero como El Rrollo enmascarado, Star ou Butifarra! e, máis tarde, foi responsábel, sen querelo, de distintas iconas xeracionais coma o anarquista Gustavo e o perverso Peter Pank, en concordancia coa inquedanza social do momento e o xurdimento punk, respectivamente. Ambos personaxes xermolaron nas páxinas da que había ser a súa escola de aprendizaxe durante moitos anos, a revista de El Víbora, desde o seu mítico primeiro número con portada de Nazario. E, nela, haberíase de dar conta da súa evolución gráfica a liñas cada vez más angulosas e xeométricas que definen o seu particular estilo.

Un estilo que, se ben mantén unhas características comúns ao longo de toda a súa faena bedegráfica, non se estandariza para compracer ao seu público senón que o pon ao servizo das súas inquedanzas artísticas e literarias, sempre en continua evolución e explorando máis alá dos seus propios límites.

O primeiro contacto que tiven coas súas maneiras gráficas e narrativas foi nas páxinas de El Pequeño País coas intelixentemente fantásticas aventuras de Cris e Óscar en La biblioteca de Turpin, amén dalgunhas olladas furtivas e de esguello ao Víbora e ao seu Peter Pank. O seu talante historietístico xerou unha profunda e perdurable atracción na miña preadolescencia.

Son moitas as historias, curtas e longas, que publicou durante os 80. Emporeso, á fin da década, atravesa un período de desconcerto e insatisfacción que se traduce nun cambio de rexistro ao terreo da ilustración, labor que desempeña con notabilidade. Téndose decatado da existencia de nutridos autores que non tiñan cabida en publicacións convencionais, é responsábel tamén do monstro experimental que é Nosotros somos los muertos, fito da historieta española contemporánea que agrupa o máis selecto do panorama bedegráfico actual internacional.

Tamén ten as súas incursións literario-ilustradas con Monologo y alucinación del gigante Blanco. O seu retorno á viñeta dáse co nacemento do onírico Bardín, cuxo periplo superrealista rebrinca a través de multitude de publicacións, recompiladas todas por La Cúpula na edición gañadora do premio. Tamén hai que salientar daquela época El prolongado sueño del Sr. T, marabilla freudiana onde o autor racha co seu habitual serenismo gráfico para nos ofrecer unha serie de negras coiteladas que nos transportan ao máis profundo do subconsciente humano, nunha viaxe que culmina cunha abafante lóxica. Na miña opinión, un dos seus traballos máis conseguidos.

As súas historias son de todo menos simples pois conteñen un trasfondo moi persoal que responde ao seu afán por explorar os conceptos máis abstractos da mente humana, acompañado de choscadas metafísicas e irónicas a través dun estilo efectivamente minimalista. Menos é Max.
Ligazóns
LIGAZÓNS:

Páxina oficial de Max


Extensa entrevista a Max


Reseña sobre La biblioteca de Turpin en Xastriño

Reseña sobre El prolongado sueño del sr T. en Xastriño

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org