culturagalega.org

inicio / colaboradores / Entre as viñetas por Henrique Torreiro Entre as viñetas
Entre as viñetas

por Henrique Torreiro

Cómics políticos

Aínda que hai quen entende o adxectivo ‘político’ unicamente relacionado coas cuestións de partido, o termo e infinitamente máis amplo. Como medio de expresión, a BD tamén ten un papel neste ámbito.

Entre as viñetas
14 / 11 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Agora que se cumpren cinco anos da catástrofe do Prestige, podemos lembrar tamén un dos primeiros sinais claros desa certa "maioría de idade" que a BD estaba a acadar no país. Dentro do movemento cidadán que se xerou desde as primeiras semanas após o afundimento do petroleiro, un dos elementos máis activos e visíbeis foi o Colectivo Chapapote, que xustamente agrupaba creadores gráficos, nomeadamente procedentes do mundo do cómic. O volume colectivo H2Oil, que reuniu sesenta e seis autores reflexionando acerca das consecuencias de todo tipo provenientes daquel afundimento, é un moi bo exemplo sobre como a BD pode ser empregada para a transmisión de ideas sociais e políticas.

E non é que a parodia e a sátira non teñan acompañado os cómics desde os primeiros tempos. Mais hai outras moitas formas de tratar estes temas, e adoitaban aparecer socialmente tapadas pola BD «de evasión» —tan válida e necesaria coma esta, aclaremos—. Como ben comentaba Scott McCloud en Understanding Comics (Entender el cómic, Astiberri), o potencial dos cómics está en múltiples facetas, e non simplemente na narrativa de ficción; tamén pode ser un magnífico medio para expor ideas. E non se trata de falarmos de cómics panfletarios, senón da posibilidade de tratar a través da BD problemas da nosa sociedade actual, de tentar chegar a entender o noso mundo a través doutras perspectivas: cadernos de viaxe, diarios en forma de BD, mesmo cómics simplemente expositivos.


BD «documentais»
No cómic, como na escrita, parece máis difícil a división aparentemente tan clara —só aparentemente— que existe no audiovisual entre ficción e documental. Aquí todo pasa polo filtro autoral —na realidade, no cinema tamén: ningún documental deixa de ter elementos que o ficcionan; é imposíbel separar unha cousa da outra—. Como todo o que se publica, estas BD poden ter cousas discutíbeis, mais esa é unha das cuestións importantes: fomentar o debate. Exemplos de obras como as de Aleksandar Zograf (Cómo fui bombardeado por el mundo libre, Under Cómic, 2000), Joe Sacco (Gorazde, zona protegida, Planeta DeAgostini, 2001; Palestina: en la franja de Gaza, íd., 2002), Joel Andreas (Adictos a la guerra, Astiberri, 2004), Didier Lefèvre e Emmanuel Guibert (El fotógrafo 1-3, Glénat, 2003-2007) ou a xa afamada Marjane Satrapi (Persépolis1-4, Norma, 2002-2004) conseguen traer á palestra realidades do noso mundo que doutra forma poderían pasar inadvertidas, e que nos afectan moito máis do que pensamos.

Todos estes temas poderían ser tratados desde outros medios expresivos, pero o cómic acada tons que non conseguiría ningún deles. Coa estrea da versión cinematográfica de Persépolis —magnífica como adaptación e como obra en si, dígase de paso— houbo quen tamén lamentou o que se perde nela e quedou nos cómics: matices da historia, un ritmo narrativo máis acougado... Se se tratase dunha novela, outros aspectos serían irreproducíbeis nunha versión a outro medio, e se se fixese unha versión en BD a partir dun filme, perderíanse outras cousas: cada medio ten elementos que fan que o seu goce sexa único, e prescindir de calquera deles sería unha insensatez.
Ligazóns
Colectivo Chapapote (memoria de actividades, pdf)

‘H2Oil’ en CulturaGalega.org (datos e pdf)

Scott McCloud (inglés)

Aleksandar Zograf (inglés)

Joe Sacco en Fantagraphics (inglés)

Joel Andreas: ‘Addicted to War’ (inglés)

Emmanuel Guibert na Wikipedia (francés)

Marjane Satrapi (francés)

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org