No esguello da erotomanía
Mulleres de formas rotundas, pestanas acibeches e tacóns incorpóreos pululan con accidental erotismo nas divertidas parodias de folletíns decimonónicos de Georges Pichard
Puntadas do Xastriño
3 / 10 / 2007
Quizais, as impresións eróticas da infancia son as máis perdurables no curruncho das lembranzas xa que non remiten aos rexistros gráficosonoros do intre que se esvaece co tempo, senón ao estremecemento, á impresión que produciu a visión casual dunhas viñetas subidas de ton. Deica onde chega a miña memoria bedegráfica, tres foron, declaro, os cómics que me produciron este sobresalto. A saber:
Den de Richard Corben,
Laszivia de Jan e
La fábrica de Georges Pichard.
Se Corben produciu en min sensacións de carnosa voluptuosidade e Jan o morbo de ver o seu característico estilo andando por aventuras gozosas, o arreguizo de Georges Pichard foi de descubrir o sentido da corrupción na súa máis pura esencia. Anicado ao carón dun andel baixo, na libraría Vetusta, o pecado tomou forma (gráfica, enténdese). E é que as ilustracións sadomasoeróticas de
La fábrica antolláronseme pavorosas, posibles e, o que é peor, atraentes.
Emporeso, galopou o tempo, deixei de crer nos Reis Magos e en Deus, medrei e saíume pelo no peito, e os pecados da infancia perderon os seu tremendismo. Agora, que peiteo canas e evocado pola impresión de
La Fábrica descubrín outras obras do francés Pichard e encontreino coma un mestre do xénero. Abeirando o chiste facilón que provoca o seu apelido, é un dos autores máis deliciosamente verdes que merece, sen lugar a dúbidas, ser incluído nas crónicas da historieta voluptuosa do século XX.
De talante cabaleiroso e bigotes crechos, ergueu paixóns en media Francia cos desacougos de
Blanche Epiphanieaquí, máis coñecida como
Virginia) e
Paulette, unha sorte de Brigitte Bardot semiespida, despreocupada e movéndose coma un besbello. Sen embargo, na España dos 70 e os 80, as súas heroínas do destape non obtiveron moita continuidade como se pode ver na serie de
Las tribulaciones de Virginia, habitual nos mercadiños de segunda man e da que todo o mundo pregunta se existe vida máis alá do cuarto álbum,
Virginia en Nueva York. Obras puntuais nas editoriais Arcusa e Distrinovel (inesquecíbel Carmen, adaptación libre da obra de Merimeé) e aparicións espontáneas noutras editoriais, Pichard non calou tan fondo coma outras publicacións da época.
E é estraño, pois, as súas femias de formas rotundas e delicadamente porosas, pestanas acibeches e tacóns incorpóreos pululan con accidental erotismo por divertidas parodias de folletíns decimonónicos. Cun sentido do humor que xoga moito co relambido, ás veces raiando no surrealismo, e un grafismo de Art Nouveau, as súas historias alónganse de xeito deleitoso, deixando moi lonxe o asunto do po fácil. E é que, hoxe en día, co Hentai descarnado de bonecas choronas e os Kiss de mulleronas siliconadas e sementais hormonados, ter preto ao mestre Pichard é un alivio.
Traballando as máis das veces con guións doutros menos afortunados na arte do debuxo, (Lob, Wolinski, entre outros) ofrécenos bo erotismo, alegre e fresco unhas veces, sombrizas as outras, como me sucedeu con
La fábrica. En ambos casos, as obras de Pichard son un prato sumamente refinado fronte a outros destinados a padais menos esixentes.
Erotómano que é un.