Censuras modernas
No que respecta ao tan traído e levado secuestro da revista ‘El Jueves’, parece haber bastante unanimidade acerca do inapropiado da acción. Porén, noutros casos non parece haber tanto acordo.
Entre as viñetas
5 / 9 / 2007
Que hoxe en día sexa secuestrada unha publicación satírica por facer sátira ten ben pouca explicación; só cabe imaxinalo en réximes totalitarios, sen sequera espazo para o sentido do humor. Desta vez, salvo a algunhas voces conservadoras, parece que a todo o mundo lle pareceu unha barbaridade reaccionar deste xeito.
Non obstante, diríase por momentos que todos estamos tentados a prohibir a publicación de materiais que nos resultan
ofensivos. Certamente, na nosa mente están marcados certos límites a partir dos cales cremos pouco adecuado pasar. Por causas éticas, políticas ou as que foren, non hai unha semana en que algún colectivo non proteste porque considera lesivo un anuncio publicitario, un artigo... ou unha BD. Iso non tería nada de mao se non fose porque en moitos casos a protesta leva implícita a petición dunha actuación por parte das autoridades.
Casos como os cómics
Hitler = SS de Gourio e Vuillemin, prohibido en España e parcialmente tamén en Francia, e
Psychopathia sexualis de Miguel Ángel Martín, que tivo problemas en varios países e chegou a ser secuestrado xudicialmente en Italia, falan de que hai fronteiras na liberdade de expresión que non todo o mundo está disposto a deixar abertas, e non necesariamente desde as posicións máis reaccionarias.
Contidos dubidosos
Deberían ser prohibidos certos contidos que, desde unha óptica
progresista, democrática ou mesmo
libertaria poidan parecer execrábeis? Poñamos un caso máis ou menos extremo: un libro que defenda claramente ideas neo-nazis. A humilde opinión do que isto escribe é que non. Malia o que poida parecer, abrir a porta á censura é dar un grave paso atrás nas liberdades individuais. Prohibir as publicacións «perigosas» supón un acto de menosprezo da intelixencia do lector, que será quen terá que decidir se é moralmente «bo» ou «mao» o que ten entre as mans. Por non falarmos de como a prohibición consegue outorgar unha aura ao libro prohibido que o fai moito máis atractivo ao seu público potencial.
Non esquezamos que, nun traballo de ficción, distinguir entre o que opina un personaxe e o que opina o autor é realmente difícil; se a isto engadimos que entre os responsábeis públicos hai unha certa tendencia a non entender a ironía, deixar nas mans dun funcionario a decisión de prohibir ou non unha publicación dá lugar a unha conxuntura en que todos temos moito que perder e moi pouco que gañar.
Iso non significa que un editor non deba decidir sobre a conveniencia ética de publicar o que sexa, nin que non se poida criticar todo o que é publicado, desde mil e unha perspectivas. Por outra parte, ao mesmo tempo que debe haber a máxima liberdade para que calquera poida publicar caricaturas como as de Mahomet, tamén temos que ter a capacidade de comprender que haxa quen se moleste polo seu mal gusto (aínda que nunca sexa comprensíbel que iso derive en actos violentos).
En todo caso, deixar que a lei decida sobre a
moralidade dos contidos dunha publicación si que é un perigo que non nos deberiamos permitir como sociedade.