Yukito Kishiro, o pai de Alita
Son poucos os cómics quen me provocaren un proído sentimental no máis acochado da miña materia gris e Alita é un dos primeiros.
Puntadas do Xastriño
6 / 8 / 2007
Agora que o director de cine James Cameron subiuse ao carro das adaptacións fílmicas de cómics cun potente manga titulado Gunnm, máis coñecido por estes lares occidentais como
Battle Angel Alita, non puiden evitar lembrar unha das máis gratas sorpresas que nos deron os comezos do manga en España. Unha miniserie de 6 números que levaba por titulo
Alita, Ángel de combate e asinado por un descoñecido Yukito Kishiro, fixo acto de presenza nos quioscos. Particularmente, supuxo toda unha revelación que desprazaba todo o coñecido deica agora. Se o rei indiscutible da Mangamanía foi Son Goku, a súa princesa sería a perigosamente rebuldeira Alita.
Son tantas as virtudes da obra de Kishiro que non sabería en cal determe e tampouco tería espazo dabondo para as describir todas. Ao mellor, a miña esaxerada devoción por este autor vén marcada polo gran impacto que me produciu, no seu momento, alá polo afastado xa 1993, así que voume permitir tratar este tema dunha maneira máis persoal. Cando Kómic era a única tenda especializada en Banda Deseñada de Santiago, as miñas visitas a este lugar eran dabondo frecuentes e, na miña desconsideración xuvenil, tomábaa por biblioteca pública. Na entrada, á beira do mostrador, uns caixóns almacenando series de manga chamaron a miña atención e alcancei o primeiro número de
Alita, cunha turbadora portada duna cabeza de muller robótica, durminte e pelona.
Aberto. Unha viñeta a toda páxina, cunha aliña esnaquizada polo monstro Makaku e caendo a cámara lenta, produciu en min toda unha serie de sensibilidades que ían do estupor á marabilla. Neste momento pacientes faccións do dependente tornáronse nun aceno de xúbilo cando observou que, para variar, no me ía coas mans baleiras.
Son poucos os cómics quen me provocaren un proído sentimental no máis acochado da miña materia gris e Alita é un dos primeiros.
Unha recreación ambiental de estética cyberpunk coidada ata o último detalle, un estilo narrativo eminentemente cinematográfico sumados a un expresivo dinamismo plástico e uns guións poeticamente brutais, cuns personaxes soberbiamente deseñados na súa fisionomía e na súa personalidade, foron as principais bazas para o triunfo de Kishiro no meu sentimento Bedegráfico. E en España, sendo esta unha das poucas series que chegaron á súa conclusión nunha época marcada por abruptas cancelacións.
Yukito Kishiro, nado no Xapón en 1967 pero criado en Hong Kong, posúe unha bedegrafía escasa en títulos que se poderían resumir esencialmente en
Gunmm,
Ashen Victor e
Aqua Knight, as tres ambientadas no mesmo mundo futurista con alicerces na súa hiperactiva imaxinación. Un universo solidamente construído que acubilla unha multitude de impactantes historias, dominadas nos seus primeiros anos por unhas maneiras deliciosamente underground e, máis tarde, axeitándose aos xa sobados e comerciais estándares xaponeses, quedando os primeiros números de Alita coma un dos recordos literarios máis gratos, dos que é mellor no remover se quero conservar a impresión tan fresca como a do primeiro día.
Emporeso, espero con desvelo a mesturanza dos talentos de Cameron e Kishiro.