culturagalega.org

inicio / colaboradores / Puntadas do Xastriño por Xastriño Puntadas do Xastriño
Puntadas do Xastriño

por Xastriño

Son un sentimental.

Aguillóanse conciencias políticas, culturais e económicas, antes pouco interesadas na BD. ¿Será o cómic quen de prosperar sen renunciar aos principios cos que os creadores forxaron as súas obras até agora?

Puntadas do Xastriño
22 / 5 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
As máis das veces do proceso creativo dunha Banda Deseñada esixe unha estreita implicación sensible, non só do autor senón tamén do lector, que inclúe un espontáneo afecto a prol dos personaxes e historias e unha inamovíbel crenza neles como forma de expresión artística. Un vencello case paternalista no que se fai case todo por eles: darlles vida e movemento, vestilos, corrixilos. Achegarlles unha visión da vida e do seu entorno, mesmo unhas maneiras de actuar en consecuencia ás situacións que se producen, sexan estas acertadas ou erróneas. Mesmo, como na mesma vida.

Xa que estamos entrando en territorio existencial, cómpre sinalar que os compromisos realizados con dedicación e desinterese, sen maior recompensa que a de ver o teu rebento medrar e progresar, son os que máis valor teñen e, desgraciadamente, as que menos se aprecian polo aparentemente decadente do seu aspecto externo. Ditos compromisos frecuentemente partiron de cero sen máis apoio que o de tratar de facer as cousas o mellor posible á marxe da opinión de terceiros.

Así é como veu sucedendo deica agora no entorno creativo da BD galega. Autores-pais que adoptaron unha idea-fillo e loitaron duramente por sacala adiante nunhas condicións adversas para o seu progreso. Condicións que, por outra banda, conseguiron moldear unhas interesantísimas formas expresivas-personalidades cuns sinais de identidade propios que as fan especiais dentro do seu xénero-humanidade.

E agora que a BD conseguiu facer un oco mediático dentro do panorama nacional e, por qué non, do internacional, aguilloando conciencias políticas, culturais e económicas, antes pouco interesadas, dando lugar a novos confíns en forma de substanciosas axudas (Promesa de creación dun Museo do Cómic en A Coruña, apoios da Xunta, etc...), cabe preguntarse se seremos quen de nos de manter, polo menos de prosperar adecuadamente, protexendo os principios nos que nos temos baseado para a forxa dos nosos xermolos de papel deica o día de hoxe.

Certo é que calquera tipo de apoio sempre será benvido, sempre e cando non implique un cambio drástico de rumbo respecto do que se está seguindo ata o de agora. Non me refiro a unha comercialización empobrecedora, a un acomodo estilístico ou a un snobismo hermético senón á perda dos valores nos que se foi sustentando, ao esquecemento daquelas características forxadas no medio da anterior soidade institucional, editorial ou cultural de décadas pasadas que nos fixeron particularmente populares.

Digamos que chegou o momento de soltar aos nosos benxamíns, para enfrontalos, metaforicamente falando, ao mundo e desexar con tódalas nosas forzas que lles vaia ben e que non renuncien a ser eles mesmos. Que a sociedade non os transforme en meros subprodutos de consumo ou, aínda peor, que fracasen estrepitosamente no seu intento.

E, como afastado observador do seu crecemento, acubillo o temor a perdelos de vista... Unha característica innata en min de me seguir aferrando un pasado máis substancioso que dirixir a vista a un futuro incerto. No debedes de me facer demasiado caso.

O antedito, son un sentimental...

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org