Quinoterapia
Isto non é un artigo sobre Banda Deseñada. Isto é o prospecto dun coñecido medicamento terapéutico, a QUINOTERAPIA®
Puntadas do Xastriño
31 / 1 / 2007
Presentación e indicacións:
A QUINOTERAPIA® Retard preséntase en varios volumes que conteñen un número variable de doses cáusticas para a administración ocular. QUINOTERAPIA® Retard está indicado para o tratamento do fastío e do malestar vital en xeral. Así mesmo, está indicado no tratamento de diversas afeccións orixinadas por malestar social e derivados, así coma do estreñimento mental ocasional. QUINOTERAPIA® Retard actúa sobre o lado máis negativo do cerebro, liberando partículas corrosivas, sendo as súas virtudes especialmente beneficiosas a longo e curto prazo.
Composición:
QUINOTERAPIA® Retard está composto por finas follas de celulosa sobre as que se imprimen, a través de sinxelos procedementos artísticos, liñas de tinta chinesa con determinada cantidade de surrealismo e cinismo en proporcións variables. A súa agradable estética faina indicada para a súa doada inxestión.
Administración e posoloxía:
QUINOTERAPIA® Retard no esixe unha determinada posoloxía, nin cómpre seguir as indicacións do seu libreiro. Recoméndase a súa inxestión a calquera hora do día, preferiblemente naquelas horas que resulten máis sosegadas; pódese acompañar cun pouco de líquido, a ser posible, de sopa. Unha vez inxerida unha das súas cápsulas, é posible que tarde en notar o seu efecto psicoterapéutico, xa que é necesario certo exercicio cerebral antes de asimilar o seu contido. En certas ocasións o efecto é inmediato pero rara vez, negativo. Ditos efectos descríbense como unha sutil ironía e un agradable proído no ánimo, cambiando a percepción da vida a unha forma menos neurálxica. Repetir tantas veces como se desexe.
Efectos secundarios:
En QUINOTERAPIA® Retard non se describiron contraindicacións nin efectos adversos. Se acaso, lixeira dor de mandíbula ou ollos chineses, así como flatulencias. Non obstante, ditos efectos son síntoma do seu correcto funcionamento. Non existe risco de sobredosificación ou intoxicación e pódese empregar en embarazadas, sendo un magnifico complemento para o san desenvolvemento do neno.
Ao longo da época franquista, a QUINOTERAPIA® Retard etiquetouse coma "para adultos". Hoxe en día pódese deixar ao alcance dos nenos e nenas e a diferenza doutros medicamentos aconséllase a súa recomendación a outras persoas que presenten os seus mesmos síntomas. No ten data de caducidade indicada no envase.
O seu creador, o Dr. Joaquín Salvador Lavado (Quino) coñecido polo seu medicamento máis soado, MAFALDA®, integrado dentro da QUINOTERAPIA®, leva máis de 50 anos elaborando, de forma completamente artesanal, as distintas cápsulas de QUINOTERAPIA® Retard, que se inxiren en todas as partes do mundo, comezando polo seu país natal, a Arxentina.
Non precisa receita médica. Consulte co seu libreiro.
Recoméndolles que o proben. A min funcióname de perlas dende hai moitos anos e son máis feliz. Non podería vivir sen a QUINOTERAPIA® .