culturagalega.org

inicio / colaboradores / Entre as viñetas por Henrique Torreiro Entre as viñetas
Entre as viñetas

por Henrique Torreiro

Os tópicos sobre a BD (e III)

Concluímos, de momento, esta pequena serie sobre prexuízos sociais e culturais relacionados coa BD.

Entre as viñetas
31 / 8 / 2006
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Nesta derradeira das aproximacións aos preconceptos que mesmo as elites culturais teñen sobre a arte nona, despois de termos repasado dous dos máis grosos —o que atribúe á BD unicamente a capacidade de iniciación á lectura e o que a confunde con certos subxéneros populares— chegamos a un que pode considerarse fulcral: a suposta simplicidade ou carencia de dificultade como arma para a (des)cualificación do medio.

Sinxeleza e complicación
Preténdese, desde certa perspectiva moi estreita de miras, que só o complicado ten valía cultural, e, así, canta máis complexidade, maior valor; este razoamento peregrino acaba levando a pensar, por exemplo, que unha peza musical é mellor cantas máis notas conteña a súa partitura. Porén, non só é un razoamento radicalmente falso: con respecto á BD, nin sequera temos a necesidade de convencer de que a sinxeleza non é menos válida que a complexidade.
Dicía hai uns anos nun reflexivo artigo o prestixioso animador Peter Chung (ver nas ligazóns) que é unha falacia moi estendida dicir que «o cinema é un medio pasivo», que non precisa esforzo por parte do espectador, non precisa o emprego da imaxinación como sucede cando se le un libro. Chung afirma, con razón, que o que un lector ten que imaxinar nunha novela son as propiedades físicas, os aspectos máis obvios dunha historia, «que son, de facto, os compoñentes menos interesantes dunha historia», concluíndo: «Eu non leo libros para imaxinar a aparencia física das cousas». En troques, hai cousas que fican completamente debulladas nunha novela, e que hai que imaxinar nun filme: as intanxíbeis, o importante, o que senten e pensan os protagonistas, por exemplo, que unha novela describe con pelos e sinais, e que nun filme é o espectador quen ten que o imaxinar.
Algo semellante sucede cos cómics. O feito de ser identificado libro ilustrado con «infantil» fixo que os libros que maior número de «ilustracións» tiñan —e por tanto máis «simples» eran, xa que recorrían máis ao debuxo que á palabra—, os de BD, fosen os menos respectados.
Non fai falta dicir que non todas as BD ofrecen o mesmo nivel de facilidade ou dificultade para a súa lectura —e iso non depende en absoluto do número de palabras que empreguen: curiosamente, os cómics máis difíciles de ler soen ser os mudos, porque precisan dunha atención extraordinaria do lector, até o punto de seren complicadísimos para aqueles non habituados á lectura de BD—. Seguindo o razoamento de Peter Chung, tampouco cabe a idea de que este sexa un medio que precise menos «imaxinación», menos participación por parte do lector, posto que iso é rotundamente falso: un cómic (calquera cómic) non dá «todo feito» ao seu lector. Este ten que ler todo o texto formado por imaxes e palabras, e entender, como nun filme, cousas que nunha novela virían completamente explicitadas. Só o exercicio mental que supón unir as viñetas unhas con outras —ese lapso chamado elipse, esa cantidade de cousas que suceden entre unha viñeta e outra e somos capaces de entender— supón xa de por si un complicado proceso que non é innato, como tampouco o é entender a linguaxe audiovisual.
Ligazóns
Interesantísimo artigo de Peter Chung

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org