Os tópicos sobre a BD (I)
A BD é vítima de múltiples prexuízos dun e doutro tipo. Propomos analizalos para entender mellor as chaves da existencia deses tópicos, daniños por seren falsos ou non totalmente certos.
Entre as viñetas
5 / 7 / 2006
Algúns tópicos que caen como lousas sobre a banda deseñada impiden que levante o voo definitivamente para ser considerada socialmente como debe. Certo que non todas as culpas hai que botalas fóra do medio, e despois destas entregas haberemos de pasar a analizar tamén o que ocorre dentro deste para que a imaxe que se transmite ao exterior non sexa a adecuada.
A iniciación á lectura
Un dos asertos máis divulgados —e xustamente aquel que tradicionalmente permite inserir a BD nos terreos «cultos» oficiais— é o de que os cómics son «excelentes ferramentas para a iniciación á lectura» dos nenos. Aínda que é un tópico moitas veces ben intencionado, os seus efectos finais son máis negativos que positivos. Non se trata de negarmos a existencia de obras que van servir perfectamente para este fin. O problema é estabelecer como inherente á BD esta característica, que define aquela (tacitamente) só como elemento suplementario e desbotábel unha vez cumpre o seu obxectivo —neste caso, iniciar o infante na «cultura seria».
O tópico nace dunha visión da escola tradicional máis rancia, segundo a cal as ilustracións nos libros son só un complemento para facelos máis levadíos, mais un signo de infantilismo do cal hai que librarse para ser adulto. Nesa lóxica, dado que nas BD a maior parte da páxina é ilustración, o adxectivo
infantil non pode ser máis apropiado.
Por tanto, é un tópico equivalente ao da identificación unívoca entre BD e infancia. E claro que existen cómics para nenos —e tamén os hai válidos para nenos e adultos—, que serven para iniciarse no gusto pola lectura. Pero en primeiro lugar hai que entender a
lectura nun senso amplo, non necesariamente só referida ao texto escrito; unha BD ofrece un
texto (entendido na súa significación semiótica) composto por imaxes e por palabras, unha linguaxe que hai que aprender tamén, e que responde a mecanismos que non son os mesmos que os do escrito, pero tan enriquecedores como estes. De feito, a falta de hábito na lectura de cómics fai que algúns adultos se encontren inseguros, incómodos, lendo BD, por non saberen entender enteiramente o que están a
ler. Aínda que nos sorprenda reflexionalo, as linguaxes audiovisuais e a do cómic non son naturais, senón aprendidas, malia que na maioría dos casos inconscientemente.
O coñecemento de todas as diversas linguaxes fornece ferramentas intelectuais que sería de necios desbotar; pensar que o único importante dos cómics son as palabras que neles aparecen escritas é ter unha visión moi estreita das cousas. É dicir, comezar a ler cos cómics permite tamén exercitar os cativos na lectura de palabras escritas, pero sobre todo permite atraer a súa curiosidade cara aos medios impresos e a toda a diversidade de contidos que neles poden encontrar.
Da mesma forma que existen contos e novelas sinxelas, que serven para encetar a afección pola lectura, e iso non descualifica ditas obras (e dotalas dunha valía unicamente instrumental dalgunha forma é descualificalas), hai cómics simples e complexos, de temática máis ou menos accesíbel; uns servirán ben para iniciarse na lectura (na lectura de libros de todo tipo: BD, novelas, ensaio...) e para outros haberá que estar previamente iniciado. Igual que pasa no cinema, na música... e en case todo nesta vida.