Manara, un clásico do erotismo
Adorado ou aborrecido, Milo Manara plasma o máis carnal cunha liña fronteiriza entre o erotismo e a pornografía tan exigua que semella non existir. Pero é algo máis que deseñador de mulleres en coiros.
Puntadas do Xastriño
7 / 6 / 2006
Milo Manara é un deses autores cuxo labor gráfico pode ser bendicido ou maldicido, segundo os ollos do que le, xa que plasma en tódolos seus álbumes unha obsesión polo carnal cunha liña fronteiriza entre o erotismo e a pornografía tan exigua que semella non existir. Por este motivo atópase, en moitas ocasións, encaixado vulgarmente coma un hábil autor da obscenidade feminina para deleite onanista do lector, presente en tódolos mercadiños de ocasión coas súas baratas edicións en branco e negro de New Cómic. Pero todo isto é tan só circunstancial.
E é que a temperán vocación de Maurillo Manara, verdadeiro nome deste autor italiano nacido na provincia de Bolzano, foi a de seguir a fastosa tradición artística do seus país. Dotado para o debuxo e a pintura, axudante do escultor Bolzano e estudante de arquitectura na universidade. Non obstante, a súa ampla formación en tódalas ramas non é suficiente para a súa pervivencia nun mundo ateigado de arte e, coincidindo cunha época na que se comezan a publicar os comics vangardistas de Barbarella e Jodelle, Manara atopa na BD un novo medio sobre o que expresarse e do que tivo ocasión de experimentar e evolucionar nas editoriais de Furio Viano e Erregi a través de sucesivas entregas acuguladas de lubricidade. Non é ata a publicación de O rei mono, en 1975, con guión de Silverio Pisu, cando comeza a saír das publicacións eróticas baratas para erguerse coma un autor con sinais de identidade propias.
No momento no que se converte en autor íntegro é cando demostra tódalas súas potencialidades como narrador gráfico, punto de ruptura iniciado co desenvolvemento dun dos seus máis coñecidos personaxes, Giussepe Bergman, e no que plasma a súa devoción por Hugo Pratt, creador de Corto Maltés. Outra das súas creacións,
O clic, vén demostrar que en ningún momento renunciou á lascivia. Sen embargo, a súa forma de plasmar o erotismo é tan elaborada que deixa moi lonxe o simplismo pueril asociado ás publicacións deste tipo, como viñeron demostrar outras obras coma
O perfume do invisible ou
Candid camera, entre outras.
Mención aparte merece a representación feminina que, se ben pecan de certa semellanza entre elas, é o que mellor retrata a súa exuberante sensualidade, non só pola súa habilidade anatómica senón tamén polo exquisito tratamento nas expresións faciais que as fan máis realistas e acaroadas. Pero, non só nos sorprende coas súas féminas senón que introduce de forma prodixiosa a personaxes de orixe real como James Dean ou Marcello Mastroianni que se moven sobre o papel cunha fidelidade lindeira coa realidade.
Ademais, as súas colaboracións con mestres da talla de Fellini (
Viaxe a Tulum) ou Hugo Pratt (
Verán indio) amósanos a un principal do xénero, capaz de se mover en calquera ambiente pero que, sobre todo, é quen de transcender os lindes da mestría sen renunciar ao seu gusto polo voluptuoso, un feliz sátiro a quen non lle importa o que digan del, que nos recompensa dabondo se asumimos tranquilamente o seu perenne erotismo coma un elemento máis da historia.