As cidades escuras de Schuiten e Peeters
Benoît Peteers e François Schuiten crearon na saga das "Cidades Escuras" un complexo universo fantástico, cunha visión kafkiana da modernidade industrial, arquitecturas oníricas e ecos de Xulio Verne
Puntadas do Xastriño
5 / 4 / 2006
A saga de
Las Ciudades Oscuras é un complexo universo saído da fantástica imaxinación do francés Benoît Peteers e materializado sobre o papel polo firme trazo arquitectónico do belga François Schuiten que non é senón un reflexo do noso propio mundo, nunha dimensión paralela que se encontra lonxe do noso alcance. E son estes mencionados autores os únicos posuidores do segredo, da chave que franquea a súa porta de acceso para rastrexar ata o seu recuncho máis sombrizo a pesares de que a súa celosa indagación non está, nin de lonxe, rematada xa que deica agora só nos amosaron unha pequena parte dos seus cadernos de explorador en
La fiebre de Urbicanda,
La torre,
Las murallas de Samaris,
La ruta de Armilla,
Brüsel,
La sombra de un hombre,
La chica inclinada,
El Archivista e, a máis recente,
La frontera invisible. O resto da súa extensa cartografía segue sendo un misterio para todos.
Deslizándonos por entre as principais capitais, posuidoras dunha sorprendente similitude con algunhas do noso mundo, sobre todo no caso de Brüsel, atopamos un continente que manifesta o gusto romántico e idealista dos autores polas ilustracións e gravados decimonónicos que reflectían unha estilizada xeración de fin de século envorcada nunha carreira cara a glorificación do ser humano a través dos inventos e as arquitecturas, deixando de lado toda dignidade compasiva cara os seus semellantes, unha visión kafkaiana da modernidade industrial con ecos da Xulio Verne.
E no medio deste marxinal absurdo emerxen, de forma maxestosa, edificios imposibles, propios dunha arquitectura onírica xurdida da rara habilidade de Schuiten para amalgamar tódolos estilos coñecidos creando outros novos pero perfectamente recoñecibles. Unhas cidades das que, as esplendorosas construcións acaparan a maior parte do protagonismo das historias, relegando aos personaxes a ser uns meros pelellos que non puideron escapar ao influxo academicista das ilustracións expresando certo estatismo nas súas actitudes, coma se formasen parte da arquitectura mesma, do sombrío destino que albergan os seus infinitos muros xa que interpretan, en repetidas ocasións, o papel de incomprendido social que se afasta do establecido polas ríxidas leis e pensamentos que imperan, mesmo en contra da súa vontade. Un capricho do fado establecido por Peteers será o que os levará a descubrir o irracional das súas pulcras existencias no medio dos altísimos edificios que os observan de forma impasible.
Unhas veces en rigoroso branco e negro, outras veces cunha tímida gama de colores pastel, ás veces combinando ambas cousas e nunha ocasión incluíndo a fotografía como vínculo co mundo real, ao longo dos distintos albumes, os cales se poden ler de forma autoconclusiva, establécense puntos de conexión entre eles e as historias que albergan, instituíndose entre eles un mundo intransferible e persoal, o de Las
Ciudades Oscuras que xa posúe un aura mística dentro do mundo da banda deseñada grazas á súa elaborada escenografía que sorprende á primeira vista.