Mulleres na BD
Chama a atención a escaseza de mulleres no mundo da BD, tanto entre o público lector como na parte autoral. A situación está a mudar, pero aínda falta moito para que tamén se normalice ese aspecto.
Entre as viñetas
8 / 3 / 2006
Na edición de 1999 do Viñetas desde o Atlántico moitos nos sorprendemos cando François Boucq comentou que en Francia a BD tamén era máis lida por homes que por mulleres; algo que el só se explicaba como froito dunha tradición transmitida, de forma que a educación dada ás nenas as levaba por camiños distintos aos dos nenos. Sorprende constatar iso, dada a normalización sociocultural da banda deseñada no país galo, que fai que os cómics sexan considerados un produto cultural de primeira orde. Pero é evidente que as nosas sociedades aínda teñen moito que avanzar en igualdade entre sexos, e isto pode ser unha pequena mostra de cómo o que se segue a transmitir a través da educación, a familia, etc. é diferente para homes e para mulleres.
Machismo na BD?
Creo que non é válida a análise que ten feito algún autor sobre que a falta de interese feminina polo mundo dos cómics vén polos estereotipos machistas que inclúen; sen escusar que dentro do medio hai e ten habido deses estereotipos, a cantidade deses exemplos que hai no cinema nunca foi óbice para a presenza da muller como espectadora (e cada día máis como cineasta).
Antes ben, coido que se trata novamente da visión que a sociedade ten da BD, que fai que sexa un produto cultural oculto para o gran público. Malia os avances conseguidos nas últimas décadas, a muller aínda non accedeu plenamente a moitos ámbitos da cultura, e ten a súa lóxica que un medio tan minorizado e desprezado socialmente como o cómic sexa dos últimos en captar a atención de novas lectoras.
Producións ‘en feminino’
A situación comezou a mudar coa difusión masiva dos
manga, que fixo que moitas rapazas se interesasen por ler e facer BD. Non necesariamente porque as súas temáticas sexan máis «para rapazas», senón porque grazas a eles descubriron que se podían tratar temas moi distintos aos que socialmente aparecen ligados aos cómics.
Resulta complexo falar sobre a necesidade ou non da existencia de produtos pensados directamente «para rapazas». O certo é que, polo menos en certas idades, as rapazas e os rapaces tenden a consumir produtos culturais diferentes. A historia das revistas femininas de BD non resulta unha referencia que seguir (precisamente no ‘Viñetas’ de 2005 unha exposición deixaba ben claro o carácter velenosamente transmisor de roles e valores ‘tradicionais’ desas publicacións), pero a xeración de revistas actuais para rapazas que empregan a BD está a ser un auténtico éxito. As vendas millonarias de
W.i.t.c.h. (que aproveita moitas claves do
manga levándoas ao cómic europeo) falan por si mesmas.
Porén, o realmente importante é que a maior parte dos cómics están pensados para seren lidos por persoas, independentemente do seu sexo. Mais non parece ilícito que as editoriais poidan facer accións ou promocións dirixidas a captar público feminino. Podería ser unha forma de comezar a equilibrar a balanza.