culturagalega.org

inicio / colaboradores / Entre as viñetas por Henrique Torreiro Entre as viñetas
Entre as viñetas

por Henrique Torreiro

A didáctica de McCloud

Scott McCloud é un dos poucos creadores que combina a autoría de BD coa súa dedicación á análise da linguaxe das viñetas. É o autor do libro "Understanding cómics", unha obra esencial e louvada.

Entre as viñetas
27 / 10 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A banda deseñada, como calquera outro medio de expresión, precisa non só bos autores, senón tamén mentes lúcidas que se paren a analizalo de múltiples puntos de vista. Aínda que é difícil, hai ocasións nas que se xuntan ambas condicións, a de autor e a de teórico; Scott McCloud é unha das poucas excepcións nas que ademais se reúne calidade nos dous ámbitos.

Se falabamos nas anteriores columnas da necesidade de dar a coñecer a BD á sociedade —porque está claro que para unha gran parte dela continúa na máis absoluta das escuridades, sometida a todo tipo de prexuízos—, non é menos certo que iso precisa a reflexión, a crítica do medio: por exemplo, saber qué é o que se quere transmitir aos leigos na materia, e identificar os problemas e as posibilidades dos cómics.

Entender o cómic
Scott McCloud era xa coñecido por algúns como autor de BD, pero desvelou a súa faceta de teórico en 1993 cun libro que resultou esencial: Understanding comics. The invisible art (Entender el cómic, na nova edición española, en Astiberri; nalgunhas bibliotecas pode encontrarse a primeira edición, traducida entón co título Cómo se hace un cómic, en Ediciones B). Son reflexións que van desde a análise do máis básico dos elementos que compoñen unha BD até propostas de interpretación das súas claves, explorando os mecanismos empregados nos cómics para crear movemento, ritmos, narración... Non só se atreve a facer esas exploracións en moitos casos de forma pioneira (a maior parte dos tratados até entón tiñan unha perspectiva demasiado externa, demasiado formalista), senón que ademais emprega o propio medio para expresar as súas teorías, mesmo poñéndoas en práctica, e faino de forma orixinal, rigorosa, e por riba amena e divertida! Non fai falta ser ningunha persoa entendida, nin sequera afeccionada, para ler e gozar o libro de McCloud.

Revolucións
Isto non quere dicir que todo o que opina McCloud sexa indiscutíbel, mais sentou unhas bases sobre as que proceder á discusión. Demostrou que se pode lanzar unha visión global sobre o medio, sen desprezar, como fixeron outros, partes tan importantes como a dos manga, nin esquecer os antecedentes históricos da BD, que nos levan até épocas remotas das civilizacións humanas. Understanding comics converteuse nunha obra de referencia sen parangón, e é probabelmente un dos maiores cantos de amor á BD xamais vistos. Mais McCloud non ficou aí, e seguiu remoendo, dando voltas ás súas ideas, propondo renovacións nos modos de presentación do cómic, nas súas formas de venda, etc. Unhas reflexións ofrecidas a través da súa web, e tamén nun novo libro, Reinventing comics (en España La revolución de los cómics, Norma Editorial). Malia non ser tan fundamental como o anterior, dado que está dedicado a analizar a conxuntura actual, polo que carece daquel carácter case intemporal, lanza reflexións de moi grande interese. E novamente, empregando para iso a propia linguaxe da BD, e de forma maxistral, o que non é pouca cousa.
Ligazóns
Web de Scott McCloud

‘Entender el cómic’ en Astiberri.com

‘La revolución de los cómics’ en Norma-ed.es

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org