Love & Rockets
Se a publicación en 1967 da revista Zap, de Robert Crumb, marca o comezo do cómic underground, o primeiro Love & Rockets dos Bros. Hernández en 1982 significa o nacemento do cómic independente.
Puntadas do Xastriño
30 / 11 / 2005
Situándonos no panorama estadounidense da década dos 80, atopámonos coa rápida agonía do Underground dos 70 que daba os seus derradeiros escintileos mentres que se iniciaba unha volta á sempre entretida temática superheroica que pouco ou nada novo aportaba ao cómic. Unha desacougante perspectiva na que semellaba que se esgotara o filón creativo cando os Bros. Hernández irromperon con forza, autoeditándose a lendaria revista Love & Rockets que rapidamente entrou na órbita da recentemente estreada Fantagraphics, responsable da edición da meirande parte dos títulos independentes (ou alternativos) daquel intre, entre os que soaban nomes coma os de Peter Bagge ou Chester Brown.
Volvendo ós Bros. Hernández, un fraternal trío formado por Mario, Beto e Jaime, californianos de nacemento pero con profundas raíces familiares mexicanas, unha dualidade cultural que souberon sementar e cultivar de forma frutífera nos sucos de tinta que debuxan o pobo de Palomar, de Beto, e o ambiente das Locas de Jaime, dous mundos opostamente paralelos e fronteirizos que orbitaron entre si ó longo dos 14 anos e 50 números que durou a publicación de Love & Rockets.
Dous mundos nos que os Bros. Hernández teceron un imposible encaixe de palillos onde se entrelazan os fíos das vidas de multitude de personaxes e que sorprende pola súa mestría e perfección, sen deixar ningún cabo solto ou filamento mal trenzado. Esta multitude contribúe a que, de ningún modo, sexan obras dunha soa lectura senón que, olladas posteriores irannos descubrindo novos detalles ou matices que enriquecen un dobre universo eminentemente feminino. E é nesta feminidade onde radica un dos seus maiores logros que conseguiu abrir as portas do cómic a un marxinado gueto de lectoras que non lograban identificarse cuns cómics creados por e para homes. E é que as personalidades de Luba, Maggie, Ofelia, Hopey, Carmen, Izzy, Chelo e Penny, entre moitas outras, son tan marabillosamente complexas, máxicas e elaboradas que conseguiron elevar o status do protagonismo feminino no cómic deica extremos insospeitados. E o mellor de todo é que ós homes gústalle por igual.
Graficamente, é onde máis se aprecian as diferenzas entre Beto e Jaime. Mentres que Jaime debuxa coma os anxos, nun estilo realista e sintético que xoga cos claroscuros, o estilo de Beto é máis expresionista, cun carácter popular. Dous estilos perfectamente adaptados ás historias dun cuarteto de Locas punk urbanas e ó transcorrer da vida no tradicional pobo de Palomar, respectivamente. Moitas veces chegouse a comparar ambas obras cos máxicos realismos de Gabriel García Márquez ou Isabel Allende, situándoas ó mesmo nivel da boa literatura hispanoamericana.
A revista Love & Rockets finalizou oficialmente en 1996. Emporeso o éxito acadado provocou que cada un seguise fabricando os seus respectivos universos nunha nova publicación cuadrimestral. Pero iso xa é outra historia.