culturagalega.org

inicio / colaboradores / Puntadas do Xastriño por Xastriño Puntadas do Xastriño
Puntadas do Xastriño

por Xastriño

Jiro Taniguchi, a serenidade nipona

Nouvelle manga: Un adxectivo francés e unha palabra xaponesa. Descubre como é que as BDs do autor oriental Jiro Taniguchi combinan os dous termos harmonicamente.

Puntadas do Xastriño
14 / 9 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Bastante antes de que estalase a febre do manga grazas á serie Dragon Ball, de Akira Toriyama, emitido primeiro polas televisións autonómicas e a súa posterior divulgación da versión impresa, a extinta revista de El Víbora encargouse de poñer o felpudo de entrada serializando na súa lendaria publicación as historias curtas de Yoshihiro Tatsumi e Jiro Taniguchi. Este último deuse a coñecer cunhas historias sorprendentes, reagrupadas baixo o título de El Caminante, nas que non sucedía absolutamente nada, limitándose a describir a efémera beleza das paisaxes próximas e a breve emoción dos actos cotiáns a través dos lugares polos que paseaba un tranquilo transeúnte. Este era, pois, un cómic atípico que foi unha invitación á curiosidade polas publicacións do País do Sol Nacente, podéndose dicir de Jiro Taniguchi que é un dos primeiros autores que introduciu o manga en España, grazas ó seu estilo influenciado pola estética e a temática do cómic europeo.
Nacido en 1947, na prefectura de Tottori, comezou a traballar como asistente do debuxante Kyota Ikishawa que o introduciu nas técnicas narrativas pausadas propias do cine nipón, debutando, en 1970, coa historia Un verán seco (Kareta Heya), sendo as súas vindeiras obras dun marcado ton comercial durante as dúas seguintes décadas. Acadado certo prestixio, as súas creación adquiren un ton máis persoal e actualmente é unha das cabezas visibles do Nouvelle Manga, nova tendencia do cómic xaponés, establecida polo francés residente en Xapón, Frederic Boilet. A temática de dito movemento céntrase no descorrer da vida, cousa que a Jiro dáselle mellor que a ninguén, sendo as súas obras un claro expoñente do novo movemento a pesar de que algunhas delas xa foran creadas antes do seu nacemento.

Fronte á ultraviolencia e o sexo que caracterizan os mangas ós ollos do lector occidental, Jiro Taniguchi representa a serenidade e a beleza orientais nunhas obras que saltan a través dunha ampla diversidade de xéneros, desde o histórico (A época de Botchan) ó cotián (El almanaque de mi padre), pasando pola ciencia ficción (Sobrevivir en la nueva era glaciar) e a novela negra (Hotel Harbour View) sen se esquecer do xénero fantástico (Barrio Lejano) ou o melodrama (El olmo del Cáucaso).

Dentro desta ampla diversidade de xéneros, a súa obra posúe unhas características comúns coma o seu aspecto gráfico, nas que son obvias as súas influencias europeas no tratamento realista dos personaxes e ambientes, traballados nun correcto branco e negro de liña clara e un uso moderado das tramas, impregnando as súas historias dun carácter clásico e certa nostalxia polo pasado. Pero, se hai algo que caracteriza a Taniguchi é o seu sorprendente desenvolvemento narrativo sumamente contido e pausado, sen apurar a historia, chegando mesmo a valerse de longas pausas que alargan a historia a prol do detalle. Un autor paciente e capaz de aguantar o tempo que se precise para chegar a debuxar o final.

En definitiva, un mestre posuidor do segredo da beleza dos tempos mortos.
Ligazóns
Un web sobre Taniguchi con permiso do autor.
Frédéric Boilet, outro autor de nouvelle manga

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org