culturagalega.org

inicio / colaboradores / Entre as viñetas por Henrique Torreiro Entre as viñetas
Entre as viñetas

por Henrique Torreiro

BD nas librarías

O cómic necesita darse a coñecer. A chegada de múltiples librarías especializadas permite logralo, pero descoidar a presenza nas xeneralistas sería un erro.

Entre as viñetas
7 / 6 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Se hai unha materia pendente para a banda deseñada na nosa sociedade, esa é sen dúbida a de darse a coñecer. Sinxela e complicada cuestión. A BD segue a ser algo inexistente para a maioría dos consumidores de cultura. Por iso, tentar achegar o cómic ao público é unha das teimas de moitos afeccionados.

A chegada ás nosas cidades das librarías especializadas foi algo moi esperado e necesario. Por exemplo, en Ourense hai moi poucos anos só existía unha forma de conseguir banda deseñada: agardar á chegada da feira do libro, e con ela o posto da Libraría Paz de Pontevedra, verdadeira pioneira da difusión dos cómics en Galiza. Hoxe as librarías especializadas seguen sendo necesarias, mais a súa existencia é descoñecida para moita xente. A explicación pode ser que as librarías especializadas se converten, por desgraza, nun xeito de gueto, nun club de iniciados que até pode arredar unha clientela máis ampla.

Librarías xeneralistas
Hai que levar o cómic ás librarías xeneralistas. Iso non vai en contra das especializadas: unha libraría normal non é capaz de ofrecer certo tipo de produtos, atencións ou servizos que precisan algúns afeccionados. Mais hai moitos tipos de BD que son do interese dunha libraría xeneralista, e que só por descoñecemento dos seus potenciais lectores fican sen encontrar o seu público. Algunhas editoras xa hai tempo que comprenderon que hai que saír do círculo pechado dos afeccionados, e comezaron a distribuír nas librarías galegas un tipo de BD que non se parece en nada á que podía chegar até agora. Astiberri, De Ponent ou Sins entido van, pouco a pouco, levando os seu produtos á busca de novos lectores, moitos dos cales descobren un mundo totalmente novo, que racha cos seus preconceptos sobre a BD.

Formatos novos e vellos
Certamente, algúns son produtos que rompen con certas características vinculadas aos cómics, como o do formato. A asimilación do formato «novela» é unha das fórmulas máis afortunadas, e títulos como Blankets, de C. Thompson, ou Píldoras azules, de F. Peeters están a crear novos adeptos á BD polo simple feito de demostrar algo que os afeccionados xa saben: que o cómic pode tratar todo tipo de temas, e facelo ben, dunha forma única e intransferíbel, que nin unha novela nin un filme poderían ofrecer. Porén, conseguir novo público lector para un sector editorial carente de grandes investimentos publicitarios é un proceso longo, que de momento require de moitas casualidades -un libreiro atento aos «descubrimentos» dos seus clientes, disposto a arriscar e pedir a reposición dun exemplar que se vendeu; un cliente que chegue no momento de encontrar o tipo de cómic que lle chama a atención antes de que se produza a devolución...-. E, fundamentalmente, do labor continuado dalgúns afeccionados dispostos a emprestar os seus cómics a todos os seus coñecidos, porque están convencidos de que, dando cos títulos adecuados, moitos deles van acabar solicitando nas tendas esas BD para telas ou para regalalas. Un proceso que vai persoa a persoa é endiañadamente lento, mais, malia todo, vai dando os seus froitos.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org