11/08/2020
A Mostra de Cinema Periférico presenta un formato dual de actividades presenciais e contidos deseñados para a rede
O (S8) Mostra Internacional e Cinema Periférico celebrará entre o 27 de setembro e o 3 de outubro a súa undécima edición explorando un novo formato dual. Nel combinará diversas performances, encontros e proxeccións na cidade da Coruña cunha serie de formatos deseñados para a súa emisión a través da web e as redes sociais do festival. Nesta edición dual, a Mostra amosará máis que nunca o seu carácter internacional: chegará a todos os recunchos do mundo con contidos en galego, castelán e inglés e reforzará especialmente o seu carácter divulgativo. Deste xeito, a formación de públicos e a descuberta de creadores e creadoras continuarán a ser dous dos eixos principais da programación do evento.
.
Amplía a nova>>
11/08/2020
Botan a andar as accións formativas do Plan de reactivación do sector cultural
A Consellería de Cultura anunciou este 10 de agosto un investimento de 90.000 euros en accións formativas dentro do Plan de reactivación do sector cultural ante a Covid-19. O organismo público asinou cadanseu convenio coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), a Asociación de Empresas Tecnolóxicas e Servizos Audiovisuais de Galicia (Agatec), a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e mais Escena Galega para desenvolver diferentes programas didácticos que se desenvolverán ao longo do segundo semestre de 2020..
Amplía a nova>>
10/08/2020
O filme 'Reboiras, acción e corazón' estrearase en Ferrol no 45 aniversario da súa morte
Tras da súa preestrea este sábado en Imo (Dodro), lugar natal de Ramón Reboiras, o filme
Reboiras, acción e corazón estrearase este vindeiro día 12 de agosto, coincidindo co aniversario do homicidio do activista a mans da policía, e será na cidade onde ocorreron os feitos en 1975, Ferrol, no cinema Duplex. A longametraxe producida pola Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas e con guión e dirección de Alberte Mera, recrea momentos clave da vida de Reboiras (1950-1975) coma o do día da súa morte. A longametraxe inclúe tamén abundante material de arquivo e máis de quince testemuños de persoas que coñeceron persoalmente a Reboiras e partillaron con el vida persoal e ou política entre os que están nomes coma Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Xosé Luis Méndez Ferrín, Nemesio Barxa ou Manuel Mera entre outros. As dramatizacións están protagonizadas polo actor Daniel Celester, que interpreta a Moncho Reboiras. Daniel Priet, Lidia Veiga, Carlota Mosquera e Sergio Alfonso completan o elenco de intérpretes para as recreacións. .
Amplía a nova>>
10/08/2020
Rebeca Losada gaña o certame de 'Contos arrepiantes' do festival Curtas de Vilagarcía
O certame literario 'Contos arrepiantes para tremer ao carón da lareira' convocado desde o Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía ten en Rebeca Losada a súa primeira gañadora co conto
No profundo. O xurado composto por Maite Mosconi, Tomás Rivera e Josué Ramos, coordinado por Xosé Duncan, escolleu o relato de Losada como gañador así como outro nove finalistas desta primeira edición do certame. Os dez relatos formarán parte dun volume especial que se presentará e se distribuirá de balde no festival entre o 23 de outubro ao 1 de novembro de 2020 en Vilagarcía de Arousa. Rebeca Losada recibirá un premio de 300 euros e cinco exemplares do libro publicado, ese mesmo número de copias será o que recibirán os nove finalistas. Conforman a lista de relatos finalistas:
Espérame, de Vanesa Santiago;
As malas compañas, de Marcos Dios;
Non creas o que contan as lendas, de José Paz;
A torre dos lamentos, de Mónica Penas;
A caída, de Carlos Vega;
Diario do Confinamento, de Ilda Luaces;
Presa, de Silvia Martínez;
As campás tocaban a morto, de Paula Cascallar;
Entre conto e lenda, de Raúl Costas. O festival ten aínda aberta ata o vindeiro 15 de agosto a convocatoria para o concurso de ilustración 'Ilustracións arrepiantes para tremer ao carón da lareira', para o cal elixirán unha gañadora e outras nove finalistas coa mesma finalidade de ilustrar a cuberta e as páxinas interiores do libro
Contos Arrepiantes para tremer ao carón da lareira que xuntará as dúas convocatorias no volume..
Amplía a nova>>
04/08/2020
A serie Vidago Palace entra no catálogo de HBO España
A serie de televisión Vidago Palace, un drama romántico de seis capítulos producido pola galega Portocabo e a portuguesa Hop Filmes, ven de engadirse ao catálogo da plataforma HBO España. A serie, protagonizada por Micaela Lupu, Pedro Barroso e David Seijo, foi a primeira coprodución galego-portuguesa para Televisión de Galicia e RTP, e agora adquirida por HBO. Desde o 31 de maio está dispoñible en HBO Portugal, onde se estreou con grande éxito de público. A trama romántica de Vidago Palace transcorre no hotel e spa aberto en Vidago a comezos no século XX para recibir os persoeiros máis notables da sociedade europea. Nun contexto marcado polos Xogos Olímpicos de Berlín, a ditadura de Salazar en Portugal e o inicio da Guerra Civil en España. Mentres que o portugués Henrique Oliveira foi o responsable da creación e dirección da serie, no guión tamén participaron Pepe Coira e Araceli Gonda, traendo parte da historia á fronteira entre Galicia e Portugal no verán do 1936. No elenco atópanse destacadas actrices e actores galegos como David Seijo, Antonio Mourelos, Eva Fernández, David Novas, David Amor, Sheyla Fariña ou Xosé Antonio Touriñán. Ademais figuran no equipo recoñecidos profesionais do audiovisual galego como Alfonso Blanco na produción executiva, Ana Míguez na produción, Xavi Font como creador da banda sonora ou Antonio Pereira na dirección de arte. Esta é a segunda serie da produtora Portocabo que podemos ver en HBO en toda península, logo da estrea en abril nesta mesma plataforma de Auga Seca, un drama policial coproducido tamén entre España e Portugal, esta vez coa produtora lusa SP-i. Ao igual quer con aquela, Vidago Palace poderá visionarse na plataforma no seu idioma de rodaxe orixinal, en galego e portugués, pero tamén contará cunha versión dobrada ao castelán..
Amplía a nova>>
03/08/2020
O audiovisual en loito pola morte de Dolores Ben Pena
O pasado sábado 1 de agosto falecía aos 64 anos Dolores Ben, empresaria fundadora dos estudios de son cinematográfico Cinemar Films e que durante unha década estivo á fronte da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI). Ben recibiu o Premio de Honra Fernando Rey 2011 da Academia Galega do Audiovisual, da que era socia e no seu rol de presidenta de AGAPI tamén recibiu o Premio da Cultura Galega en 2014. O seu pasamento foi recibido con tristura a nivel colectivo polas principais entidades do sector audiovisual como a AGAPI á que tantos anos dedicou, a Academia Galega do Audiovisual, a asociación Escena Galega, que lembraba a súa colaboración na organización da feira Culturgal, e desde a mesma dirección de Culturgal tamén se sumaban ao loito. O mesmo facía a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) lembrando o traballo conxunto coa AGAPI. Dolores Ben foi presidenta de AGAPI dos anos 2007 a 2019, ano no que Felipe Lage tomou o seu relevo no cargo. E desde esta asociación comunicaban definían así á súa ex-presidente: “Dolores foi un exemplo de muller rexa, loitadora e imprescindíbel no panorama cultural galego e estatal. Lamentamos con fondura a perda dunha muller pioneira, valente e comprometida.” Tamén a Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España facía lembranza da súa figura como “muller de retos” e “referente do audiovisual galego”..
Amplía a nova>>
03/08/2020
A directora Manane Rodríguez recibirá o premio Pedigree de Cans
A Asociación Cultural Arela, que organiza o Festival de Cans, acordou outorgarlle o Premio Pedigree desta edición á directora Manane Rodríguez.A entidade, segundo informa valorou especialmente o logro da cineasta "de sacar adiante catro películas de ficción, un fito inédito en Galicia para unha directora muller", ademais da súa traxectoria "comprometida e valente, cunha obra caracterizada polo rescate da memoria e cun irrenunciable compromiso feminista tamén como activista da asociación CIMA de mulleres realizadoras, premiando un cine honesto e necesario”. Este será o primeiro recoñecemento que Rodríguez, nada en Uruguai, reciba dun festival galego..
Amplía a nova>>
31/07/2020
Sete proxectos audiovisuais terán participación da TVG dentro do plan de apoio ao sector
A CRTVG acordou este xoves a súa participación nun total de sete novos proxectos cinematográficos -dúas longametraxes, unha serie infantil de animación e catro películas documentais- en cumprimento das accións de apoio dos medios públicos ao sector audiovisual. Despois da avaliación realizada pola Comisión Directiva de Avaliación de proxectos da TVG, determinouse a participación da Corporación nesta selección de sete proxectos, dentro do coñecido como o cumprimento do 6%. Apoiar a creación no eido audiovisual e favorecer o sostemento dun sector audiovisual galego que busque tamén a mellora da sociedade son algúns dos criterios que se seguen neste proceso de selección. A compañía publica valorou en moitos dos proxectos as súas perspectivas de difusión internacional. No pasado mes de maio a CRTVG xa aprobara a súa participación noutras sete producións..
Amplía a nova>>
30/07/2020
O Play-Doc expándese por Tui e difundira contidos en liña para adaptarse as necesidades do momento
A organización do XVIº Festival Internacional de cinema Play-Doc ven de avanzar algúns dos cambios previstos para a súa celebración entre o 23 e 27 de setembro na edición adaptada ás circunstancias e aos protocolos de seguridade. Diversificar en localizacións dentro da vila de Tui para non xuntar demasiado público e saír á rúa son as opcións escollidas O Festival seguirá a manter no Teatro Municipal o seu punto de encontro principal pero súmanse lugares como a Praza do Pracer, convertida na súa segunda sede, e outros puntos da cidade onde o público poderá participar de encontros, concertos, talleres e actividades dirixidas especialmente a eles. Como novidade engtadida o festival tamén se poderá gozar desde a casa, xa que parte dos seus contidos estarán dispoñibles en liña, e para todo o territorio español grazas á colaboración con Filmin, a plataforma de cine en streaming por excelencia en España.Esta XVIª edición de Play-Doc celébrase por primeira vez baixo a marca creada pola Deputación de Pontevedra, Rias Baixas Film Fest, creada para axuntar e fortalecer os principais festivais audiovisuais da provincia..
Amplía a nova>>
30/07/2020
Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez protagonizarán a comedia ‘Cuñados’
O próximo 17 de agosto dará comezo na cidade de Ourense a rodaxe de
Cuñados, a primeira longametraxe de ficción da produtora Portocabo. Esta comedia costumbrista e familiar, que xirará arredor das peripecias criminais de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado, estará protagonizada por tres grandes actores cómicos do país: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez, acompañados, entre outros, polas actrices Iolanda Muíños e Eva Fernández. O filme suporá o salto á longametraxe de Toño López que, tras dirixir ficcións seriadas internacionais como
Miracle Tunes ou
Auga Seca, asume nesta ocasión a dirección desta comedia. Nas súas palabras, "esta é unha comedia de case criminais, alegre, alborotada e vitalista para todos os públicos que basea o seu humor en facer leña das miserias humanas cun toque de tenrura e compaixón, e que tal vez nos sirva tamén para ver as nosas propias miserias e torpezas con máis sentido do humor"..
Amplía a nova>>