17/12/2020
A iniciativa Goxo de pano fino reúne poetas da Mariña e de Asturias
A canle web da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ten xa publicado o primeiro dos doce vídeos que compoñen o I Ciclo de Poesía Multidisciplinar
Goxo de pano fino. O proxecto reúne poetas da comarca da Mariña e do occidente de Asturias a expresarse desde os seus refuxios creativos a través da palabra nas súas diversas formas. A iniciativa conta coa coordinación de Ugía Pedreia e Marina Oural e reúne canda a elas a Quique Roxíos (Roxíos, Bual), Eloy Couceiro (en Valdepares, El Franco), Milio López (en A Escabelada, Pousada, Lourenzá), Olalla Cociña (en Aguieira, A Rigueira, Xove), Moisés Cima (en Mouguías, Cuaña), Vanina Bailone (en Mexota, Tapia de Casariego), Miguel Rodríguez Monteavaro (en El Valle del Salgueirín, A Cruz, Bual), Eva Rosado (no Mirador de Santa Gadea, en Castropol), Alejandro Fernández (en Viavélez, El Franco) e Kiko Poe (en Fuentes Cabadas, Bual)..
Amplía a nova>>
16/12/2020
Quiosco: Papeis da Academia
O efecto da pandemia de Covid-19 sobre o sector audiovisual centra a nova entrega de
Papeis da Academia. O anuario da Academia Galega do Audiovisual está xa na rede a reflexionar sobre cuestións como a pegada na produción, o consumo audiovisual doméstico, as problemática das salas de exhibición e as mudanzas nos diferentes ámbitos do sector. Entrevistas a Mamen Quintas, Paula Cons, Lidia Fraga, Xúlio Abonjo, Alicia Saturna, Emilio Baños, Ángel Sánchez e Manuel Precedo dan conta dos diferentes xeitos nos que a situación afectou a produción, dirección, guión, interpretación, vestiario, salas comerciais, festivais ou cineclubes..
Amplía a nova>>
16/12/2020
A Real Academia Galega presenta o proxecto Novas voces para a lingua
Coa intención de conectar a mocidade co idioma, a Real Academia Galega e mais a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela presentaban onte a iniciativa
Novas voces para a lingua. O proxecto consiste nunha serie de vídeos de curta duración para as redes que se inician coa serie
Conseguiremos. Estas primeiras entregas están protagonizadas "por mozos e mozas que son exemplo da Galicia con máis talento e que empregan o galego en todos os contextos da vida, da creación e do desenvolvemento profesional". .
Amplía a nova>>
15/12/2020
A caída dos hábitos culturais na pandemia non afecta á lectura
O Observatorio da Cultura Galega, do Consello da Cultura Galega (CCG), ven de presentar o estudo
Influencia da COVID-19 nos hábitos culturais da poboación galega. Trátase dun informe específico para coñecer o comportamento e o gasto en consumo cultural entre a poboación galega maior de quince anos no marco da pandemia e as súas consecuencias. Co apoio técnico da empresa Sondaxe, o Observatorio realizou un estudo propio sobre o total da poboación galega maior de quince anos, cunha mostra de 701 entrevistas telefónicas, encamiñado a analizar a lectura e compra de libros, prensa, música, concertos, artes escénicas, cine e contidos audiovisuais. As cifras recollidas no estudo amosan que a cidadanía galega le agora lixeiramente máis que antes, sobre todo os homes. O resto de prácticas mantéñense nos mesmos niveis agás nas artes escénicas, na asistencia ao cinema e nos concertos de pago, nos que, como é lóxico pola súa característica presencial, se produce un descenso moi acusado. Por iso, o gasto cultural caeu fortemente, cunha contracción media do 69,9%. .
Amplía a nova>>
11/12/2020
Novos Cinemas leva o audiovisual máis recente a Pontevedra
Pontevedra acollerá, entre o 15 e o 20 de decembro, a quinta xeira de Novos Cinemas. Coa súa sección Foco dedicada a Luís López Carraco, considerado "un dos cineastas máis coherentes da cinematografía española do segundo decenio do século XXI" o encontro proxectará tres das producións deste cineasta. A elas súmanse os nove filmes presentes na sección oficial, con traballos de Dalibor Barić, Fradique, Jonathan Wysocki, Ludovica Andò e Emiliano Aiello, Eléonore Weber, João Nuno Pinto, Salka Tiziana e Illum Jacobi.
.
Amplía a nova>>
10/12/2020
O Concello de Santiago convoca axudas de rescate do sector cultural
O Boletín Oficial da Provincia da Coruña recolle hoxe as bases e convocatoria de axudas para o rescate do sector cultural que ven de sacar o Concello de Santiago de Compostela. O consistorio capitalino destina a estas subvencións un orzamento total de 300.000 euros destinados a cubrir gastos correntes relacionados coa actividade daquelas empresas do sector cultural con sede de actividade no municipio e que sufriran unha baixada de facturación igual ou superior ao 20% nos nove primeiros meses do 2020. Cada solicitante poderá obter ata un máximo de 3.000 euros de axuda ao gasto corrente xustificado incluíndo alugueiros, seguros, subministros, nóminas e outros gastos. O procedemento de concesión non é competitivo porque o único criterio a ter en conta será a orde de rexistro de entrada das solicitudes, cuxo prazo de presentación iníciase ao día seguinte da publicación desta convocatoria no boletín e remata o vindeiro 15 de decembro..
Amplía a nova>>
09/12/2020
Premio á mellor dirección internacional para Lois Patiño en Colombia por 'Lúa Vermella'
O director Lois Patiño ven de ser recoñecido no Festival Internacional de Cine de Cali (Colombia) co premio á mellor dirección pola súa longametraxe
Lúa Vermella. O filme de Patiño participou na sección internacional deste certame que exhibiu nesta edición 56 películas baixo o lema “Cine para nuestro tiempo, O FICC 2020 buscou presentar este ano “un cine que corre riscos, que conta as súas historias desde unha mirada antipatriarcal e incluínte”. Patiño aumenta así o palmarés desta
Lúa Vermella que obtivo a Biznaga de Plata á Mellor Película Española na Sección ZonaZine do 23 Festival de Málaga e o Premio á Mellor Película na 25ª edición do Festival Cinespaña de Toulouse. O cineasta tamén ve recoñecido o seu labor como director grazas a este segundo traballo, como xa fixera con
Costa da Morte (2013) a súa primeira longametraxe pola que obtivera o premio á mellor dirección emerxente no festival internacional de Locarno..
Amplía a nova>>
09/12/2020
Pradorúa, Olaxonmario e O cabalo de Alberte Merlo encabezan o palmarés de Youtubeir@s
A IV edición dos Premios Youtubeir@s deu a coñecer na mañá deste 9 de decembro os seus galardóns. Pradorúa foi recoñecida como a mellor canle polos seus "contidos variados, orixinais e de calidade”" que achegan "a ollada dunha muller nova cun enfoque moi actual". O mellor Youtubeir@ foi Olaxonmario, de quen o xurado destacou o seu "grande impacto" e o seu carácter "novidoso e orixinal". O terceiro dos grandes galardóns do certame, dotados con mil euros, foi o Premio ao Mellor Vídeo, que levou
O cabalo de Alberte Merlo. O xurado valorou neste caso a "mestura da historia da literatura galega e os conflitos lingüísticos de Galicia" con grandes doses de retranca.
.
Amplía a nova>>
09/12/2020
A Agadic anuncia un investimento de 9,6 millóns de euros nun hub cultural
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, adiantou o pasado 4 decembro na presentación ante o Parlamento dos orzamentos da entidade para 2021 unha das principais novidades no apoio ao sector. Segundo anunciou, un investimento de 9,6 millóns de euros porá en marcha un
hub audiovisual-industria cultural que funcione como punto de encontro para as empresas destes ámbitos no país. O proxecto, que incorpora fondos do programa europeo REACT-EU para a recuperación logo da pandemia de Covid-19, quere "xerar sinerxías positivas no sector cultural profesional galego para que, a través dun proceso colaborativo, levemos a cabo investimentos na industria cultural que permitan incrementar as súas capacidades e acelerar a súa reactivación", segundo explicou..
Amplía a nova>>
07/12/2020
Outórganse os Premios da Cultura Galega 2020
Este sábado a Consellería de Cultura deu a coñecer os galardoados nos Premios da Cultura Galega 2020, no sque se recoñece "o labor creativo de Galicia e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade en diferentes ámbitos". Na modalidade de letras é a escritora Ledicia Costas, "unha das escritoras máis lidas e premiadas do panorama literario galego e tamén unha das máis traducidas". No campo das artes plásticas, o premio vai para Xurxo Lobato, "un dos fotógrafos máis representativos da actualidade. A súa obra ofrece unha peculiar imaxe da realidade, un selo persoal que nace dunha mirada subxectiva para ofrecer un diálogo antropolóxico e crítico con diferetnes tempos e estéticas". Nas Artes Escénicas, galardoouse á Federación de Teatro Afeccionado de Galicia (Fegatea). "As agrupacións escénicas locais desenvolveron un circuíto de teatro afeccionado por toda Galicia, ademais de contribuír á proxección da cita anual do teatro galego". No eido da música os premios distinguiron á aCentral Folque pola súa contribución "ao estudo, á promoción e á divulgación da música galega, cubrindo a carencia existente ata o momento nas ensinanzas regradas da nosa música popular". En Audiovisual, o premio vai para Chema Prado, "o director máis lonxevo da Filmoteca Española". En Lingua, recoñeceuse o traballo de Xosé González Martínez, "un dinamizador, no sentido máis amplo da palabra, da cultura e da lingua galegas, tarefa que leva desenvolvendo toda a súa vida en prol da normalización plena en distintos espazos de uso. É, de feito, o creador do primeiro servizo de normalización lingüística de Galicia, no concello de Redondela". No patrimonio cultural, o premio recae na Fundación Penzol, da que "a súa biblioteca e arquivo están considerados como centros de consulta indispensables para os investigadores". E, de final, o premio de proxección exterior foi para Ildiko Szijj, "responsable do Centro de Estudos Galegos en Budapest desde 2014". .
Amplía a nova>>