Novas | 61 a 70 de 4200

<< Anterior Siguiente >>

02/12/2024
Culturgal fecha a súa XVII edición con 12.700 visitantes

A XVII edición da Culturgal fechaba este 1 de decembro as súas portas no Pazo da Cultura de Pontevedra. A Feira das Culturas Galegas reuniu ao longo dos seus tres días de actividades un total de 12.700 visitantes. A cifra supón un incremento destacado sobre os 10.000 que recibira en 2023.. Amplía a nova>>

27/11/2024
Jaime Pena é o novo director da Filmoteca de Galicia

Tras cinco anos coa vacante da dirección da Filmoteca de Galicia (anteriormente CGAI) sen cubrir, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ven de poñer á fronte desta institución a Jaime Pena (Miño, A Coruña, 1965), un profesional da propia casa que viña ocupando o posto de programador da cinemateca da Xunta durante máis de tres décadas. Resolve así a situación de baleiro do posto mantida desde a xubilación de Guillermo Escrigas en 2019 durante a que a Filmoteca foi dirixida directamente desde a dirección da Axencia Galega de Industrias Culturais á que pertence organicamente. Entre os labores que pasará a desenvolver Pena figuran a dirección no deseño da configuración da carteleira de cine que se exhibe na sala de proxeccións José Sellier da sede da Filmoteca na Coruña e das súas extensións noutros espazos colaboradores, a da actividade pedagóxica, centrada sobre todo nos programas didácticos Cinema en curso e Fotografía en curso, así como as accións dirixidas á salvagarda e difusión do patrimonio audiovisual galego. Tamén lle corresponde a relación con estruturas ou organismos homólogos nacionais e internacionais como arquivo e mediateca membro da International Federation of Film Archives, así como a xestión ordinaria da entidade. A entidade cubrirá o posto de programador que queda vacante seguindo o procedemento e prazos ordinarios marcados por Función Pública da Xunta de Galicia e tan axiña como sexa posible, segundo manifestaron a este medio.. Amplía a nova>>

26/11/2024
'Pura' de Carmen Méndez gaña o premio de curtametraxes galegas das Xociviga

O festival Internacional de curtametraxes Xociviga, do Carballiño, herdeiro das históricas Xornadas de Cine e Vídeo puxo o remate da súa edición número 41, presentada como a de reinicio e enfocada directamente no formato curto. O palmarés deixa sete filmes destacados de entre os corenta títulos de máis de trinta países que pasaron polo festival. O premio á mellor peza galega. Premio XENTE DE AQUÍ. foi para 'Pura' da realizadora e actriz Carmen Méndez (Neira de Rei, 1979), "por construír a través do diálogo entre a cámara e o suxeito un espazo de intimidade que afonda nas relacións interxeracionais cunha ollada feminina", segundo o xurado. O Premio XENTES do festival foi para a curtametraxe chinesa 'A summer's end poem' do realizador Lam Can-Zhao, por, en palabras do xurado "retratar a tensión entre imposición e vontade a través dunha proposta formal e narrativa orixinal e desenfadada". Neste apartado houbo tamén unha mención de honra para o filme holandés 'Beutiful men'.. Amplía a nova>>

25/11/2024
O filme noruegués 'Armand' gaña no 38º CIneuropa

Cineuropa pechou a súa 38ª edición e deu a coñecer este sábado os mellores traballos do certame nunha gala desenvolvida no Teatro Principal. Na cerimonia de clausura do festival fíxose lectura do ditame do Xurado Oficial, que valorou os filmes concorrentes na sección Novas/os Cineastas, e do palmarés do Xurado Novo que avaliou as películas que concorren tanto nesa como nas outras seccións competitivas desta edición: Sección Oficial Europa, Panorama Internacional, Panorama Audiovisual Galego e Docs Cineuropa. O máis votado polo público foi a miniserie 'La ciudad de los Muchachos' de Elías León Siminiani.. Amplía a nova>>

22/11/2024
Estréase en cines 'Prefiro condenarme' de Margarita Ledo

Despois de facerse cunha mención do xurado da sección Las Nuevas Olas do Festival de Cine Europeo de Sevilla, o filme 'Prefiro Condenarme', de Margarita Ledo Andión, chega ás salas comerciais este venres 22 de novembro, en datas previas ao Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra da Muller (25N). O filme, que ademais da súa estrea mundial en Sevilla xa tivo outras dúas pre-estreas na Coruña e no marco festival Cineuropa, estrearase en cines cun pase especial onde estará a directora e parte do elenco, que terá lugar nos cines Duplex de Ferrol, localidade escollida xa que a maioría do filme foi rodado na comarca de Ferrolterra. A película poderá verse tamén en salas da Coruña, A Estrada, Barcelona, Bilbao, Caldas de Reis, Lleida, Lugo, Madrid, Pamplona, Sant Feliu, Santiago de Compostela, Tenerife, Valencia, Valladolid e Vigo. Melania Cruz, Iria Piñeiro, Mónica Caamaño e Mónica de Nut encabezan un elenco que reúne os diversos formatos audiovisuais de docu-dramatización, sinal de identidade da directora lucense.. Amplía a nova>>

21/11/2024
O Álbum de Galicia inclúe a Toñito Blanco

O Álbum de Galicia, a colección de biografías dixitais do Consello da Cultura Galega (CCG), vén de introducir unha nova entrada dedicada ao intérprete, creador cultural, director e produtor Antonio, Toñito Blanco (A Coruña, 1964 - 1994), "un dos artistas máis breves e influentes da Galicia dos oitenta e noventa", segundo o describe o guionista Nico Campos, autor do texto do álbum ao que titula ' O creador a cabalo entre Lloyd Kaufman e Ana Kiro que encandeou a Rubalcaba'. Toñito Blanco foi actor, produtor, director e creador do carismático filme 'A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos' que formaría parte da súa traxectoria, á que se lle sumarían participacións en series humorísticas como Composteláns, da TVE en Galicia, unha produción dirixida polo xornalista Xosé Manuel Pereiro, coa participación de Antón Losada e Serafín Cordeiro, na que tres estudantes compartían piso en Santiago de Compostela, ou o programa da TVG sobre cultura alternativa 'A tumba aberta', no que Blanco tiña unha sección dedicada ao mundo do cómic, rechamante polo recurso visual de presentar a obra "mentres ía saltando de viñeta en viñeta". Foi na TVG onde "tamén pasou polo departamento de promocións, onde creou un estilo propio e recoñecible". . Amplía a nova>>

19/11/2024
As Xociviga reinvéntanse e levan cincuenta curtas ao Carballiño

Co nome Xociviga. Ano 0 as Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia achegarán ao Carballiño cincuenta proxeccións de curtametraxes entre o 20 e 23 de novembro. O histórico encontro do audiovisual galego reinvéntase cando fai catro décadas e reoriéntase cara ao formato breve. . Amplía a nova>>

18/11/2024
Dezanove proxectos audiovisuais reciben axudas para o desenvolvemento inicial

Ata 19 novos proxectos de cinema e televisión beneficiaranse da convocatoria anual de subvencións da Xunta ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais. Estas axudas irán destinadas á fase de preprodución dos próximos traballos de 16 produtoras galegas, entre os que se atopan 11 longametraxes de ficción, unha de animación, tres documentais e catro series. Recibirán axuda de entre 30.000 euros as máximas e 4.504 a que menos. A Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) ven de facer pública a resolución da convocatoria e do seu proceso de valoración das solicitudes presentadas. Financiadas pola Xunta e o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) da administración estatal, estas subvencións ao desenvolvemento de proxectos estrutúranse en diferentes modalidades.. Amplía a nova>>

18/11/2024
A Semana de Cine Submarino regresa a Vigo logo dun ano de pausa

A Universidade de Vigo recupera unha das súas citas culturais máis senlleiras e celebrará, entre o 19 e o 21 de outubro, a XXXII Semana de Cine Submarino. O auditorio Afundación da Cidade Olívica acolle este programa, no que se realizará unha homenaxe ao promotor desta actividade, José Luis González, falecido en 2023 logo de trinta anos á fronte do proxecto.. Amplía a nova>>

15/11/2024
O último afiador volve aos camiños

Como parte dos contidos de celebración do Día internacional do Patrimonio Mundial, o Consello da Cultura Galega publicou, cortesía da produtora Boneca Lareta, o documental O último afiador. Dirixido e guionizado por Aitor Rei, o documental narra a "vida errante dos afiadores, contada polos seus propios protagonistas". O documental ten unha hora de guionización, e incorpora dramatizacións, declaracións de afiadores e das súas esposas, así como documentación gráfica histórica, na que se describen as vidas e os itinerarios destes comerciantes ambulantes. O documental foi estreado en 2015 e estará dispoñible no web da institución durante todo o mes de novembro. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org